Benqueridos irmáns e amigos
Lemos Montanet, J. Leonardo - miércoles, 21 de diciembre de 2011
Por providencia de Deus, e a través da chamada que fixo sobre a miña persoa o Santo Padre Benedicto XVI, encomendáronme o exercicio do Ministerio Episcopal na Igrexa de Ourense.
Desexo que as miñas primeiras palabras, que xermolan espontáneas do meu corazón, cheguen a todos e a cada un dos irmáns e irmás que ao longo deste tempo -camiñando en serena espera - rezastes por un bispo que hoxe faise presente na miña persoa. Pido a Deus Noso Señor que me axudedes a ser un Bo Pastor para poder servirvos como a Igrexa quere e espera que o faga.
Permitídeme que me dirixa, especialmente, aos sacerdotes. Meus benqueridos amigos, vós sodes os principais colaboradores do Bispo, é o meu desexo que a miña casa sexa Casa da Igrexa, aberta a todos e a cada un de vós para compartir as vosas preocupacións e alegrías. Sei da vosa probada esperanza, que a manifestastes ao longo deste tempo axudando ao Bispo-Administrador Apostólico, Mons. Quinteiro. Proba diso é que sostivestes a fe desta querida Igrexa ourensá que, con "serena espera", creceu en comuñón, afondou na súa identidade eclesial promovendo ese encontro existencial coa Palabra de Deus, vivindo con autenticidade os Sacramentos e abríndose ao servizo da Caridade. Fixestes realidade no cotián que a esperanza é a alegría da Fe.
Neste momento volvo a mirada do meu corazón, e saúdo con especial afecto, aos sacerdotes anciáns e enfermos. Amigos meus, confío o meu ministerio episcopal ás vosas oracións e dores. Co voso estilo de vida sodes moi importantes para a Diocese. Quixera dirixirme aos seminaristas, vós sodes o futuro da Igrexa diocesana. Procurarei estar preto de vós e dos vosos formadores e profesores. Necesitamos impulsar cun dinamismo novo a pastoral vocacional.
Aos que se consagraron ao Señor na vida monástica, aos relixiosos e relixiosas, así como aos membros dos institutos de vida consagrada, vos suplico que me acompañedes nesta tarefa eclesial que debo realizar no medio de vós.
A todos os fieis laicos, e de xeito especial aos que vivides a vosa vocación no matrimonio, quérovos facer chegar todo o meu afecto. Todos xuntos debemos protexer e facer que a familia se converta nesa realidade fecunda da sociedade e da Igrexa.
Dende que me comunicaron o meu nomeamento como Bispo de Ourense, o temor a non vos servir como Deus quere e a preocupación polas dificultades da tarefa pastoral tornáronse, moi pronto, nunha paz serena; se Deus me chamou para esta tarefa, El axudarame a levala a cabo. A contemplación da Palabra do Señor serviume, como sempre, de apoio para vivir aceptando e identificándome cun camiño que eu non buscara e que estaba moi lonxe dos meus proxectos humanos; o Señor pídeme que poña todo a miña vida nas súas mans para o voso servizo. Meditando esta Palabra fun encontrando diferentes ecos do querer de Deus e un deles fíxose especialmente intenso, era aquel texto paulino que di: Todas as vosas cousas se fagan en caridade (I Cor. 16, 14). Dese versículo, sintetizándoo, quixen escoller o lema do meu ministerio episcopal: Omnia in Caritate.
Somos conscientes de que estamos a vivir momentos moi difíciles para todos, de xeito especial para aqueles que perderon o seu traballo, ou o buscan e non o encontran, este é o momento do compromiso auténtico, porque a caridade ten rostro, o de Cristo, e ese Cristo transfigúrase na realidade viva dos máis necesitados.
Coa axuda do Señor e da súa Santa Nai, contando coa intercesión de San Martiño, patrón da nosa diocese, encoméndome a todos eles e póñome nas mans de Deus e nas vosas para poder ser testemuña alegre do Evanxeo da Esperanza.
Ata pronto!.

Lemos Montanet, J. Leonardo