Os 100 días de Cunqueiro
Blanco Torrado, Alfonso - jueves, 15 de diciembre de 2011
Este sábado a Asociación Abrindo Camiño, da que formo parte, vai remover os cimentos de Mondoñedo con A noite de Merlín, enchendo de luz rúas e prazas coa santa compaña, trasnos e fadas, druídas e menciñeiros, mesnadas e bispo, grazas a un guión moi feiticeiro de Elías Noel Fdez. Herrera.
Dende hai anos Cunqueiro converteuse no compañeiro ideal de moitas viaxes pola Chaira e Terras de Miranda, na compaña de persoaxes reais ou fantásticos da nosa contorna cotíá, nos que o escritor concentrou a súa imaxinación máis prodixiosa, tipos orixinais das nosas aldeas e vilas. Ás veces, acompañados polo Bailón de Corvite, e Xan de Outeiro, de Sta. Mariña de Lagostelle, os de o cuco cucou, ou polos seus parentes máis achegados arestora.
O 22 festexamos os 100 primeiros anos, e fun convidado a varias celebracións, no seu val deleitoso, Mondoñedo, así á estrea de Menciñeiros, a adaptación da súa obra Escola de Menciñeiros, e puiden coñecer mellor O coxo de Estrebo, que percorreu coas súas andrómenas Guitiriz, Begonte, interpretado por Pepe Penabade: Outros curandeiros foron cantados por Mini e Mero, trobadores que recrean a nosa cultura oral por feiras e romaxes.
Tripando o terrón, soñando cos seus personaxes, comprendín que non hai lindes entre a realidade e a ficción, entre os males do corpo e da alma, e volvín a entrar na rebotica de Santiago Labarta de Guitiriz, tertulia de Cunqueiro, un observatorio único onde a miúdo confesaban estes personaxes de Sta. Mariña, as dores e desacougos máis íntimos, buscando un remedio para os seus males e desvaríos.
Nun tempo de desacougo acaen ben estes libros, os amigos que endexamais nos fallan, e contaxian calma e ledicia, emporiso queremos principiar o 2012 con Cunqueiro. Calquera recanto da chaira é un leito propicio para seguir celebandoo porque pateou toda a Terra Chá en viaxes reais e maxicas, e converteuna en fonte de fabulacións, e das súas achegas gastronómicas, así as visitas a Vilalba ou a Baamonde, con incursións literarias ó Galicia ou ó patrimonio artístico da vila. Pero é Guitiriz, un dos seus mananciais máis apetitosos. A súa capacidade de sorpresa viña marcada dende a súa primeira viaxe iniciática, nos anos que acompañaba a súa nai a tomar as augas ó balneario.

Blanco Torrado, Alfonso
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora