Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cuba, do peso ao dólar e volta a empezar

viernes, 19 de noviembre de 2004
Hai once anos a poboación cubana recibía con inusitada expectación a boa nova da liberalización do dólar na illa caribeña. De súpeto abríase unha porta á esperanza que suponía, entre outras cousas, incrementar o nivel de vida e reducir as desigualdades creadas dende a apertura masiva do sistema ao turismo, xa que os cidadáns que tiñan relación directa coa incipiente infraestructura neste eido gozaban de maiores ingresos que o resto. En definitiva, que o feito de ter contacto coa divisa norteamericana estaba a crear unha nova clase de privilexiados, por dicilo dalgún xeito.

Estiven varias veces en Cuba, con cáseque dez anos por medio entre as distintas visitas. En 1991 viaxei cun grupo de xornalistas, acompañando a unha delegación de alcaldes lugueses, coa que percorrimos prácticamente todo o país, o que nos deu unha visión global da situación que se estaba a vivir naqueles complicados tempos de cambio a nivel internacional, pois remataba de caer o muro de Berlín e o sistema comunista dos países do Leste europeo pasaba a mellor vida. Lembro que apenas había combustibles -de feito soamente se vían turistaxis e bicicletas chinesas- e comezaban a escasear os productos de primeira necesidade. As limitacións en materia de alimentación eran considerables e o sector da poboación que gozaba de maior calidade de vida era precisamente o que mantiña unha relación directa con tódalas actividades vencelladas ao turismo. Boa proba delo é que un camareiro gañaba bastante máis que un médico. Naquela difícil situación, a liberalización do dólar decretada en 1993 supuxo claramente unha inxección de osíxeno para a poboación.
No ano 2000 regresei a Cuba, esta vez por motivos estrictamente persoais. Temos familia na Habana -unha das cidades máis fermosas do mundo a pesares do seu progresivo deterioro- e queríamos estreitar os lazos con eles, contemplando ademáis a posibilidade de que algún dos nosos parentes tivese a oportunidade de visitar Galicia a traveso do programa Reencontros da Xunta, e cumplir así unha vella ilusión, o que conseguimos finalmente tres anos despóis. Pero esa é outra historia. Para a miña sorpresa, nesta nova viaxe atopamos un país diferente, máis dinámico e, alomenos en apariencia, cunha mellor calidade de vida, entre outras cousas polo que conlevaba o acceso ao dólar por parte de toda a poboación, sen distincións. Había naqueles intres, por outra banda, unha decidida aposta dalgúns estados da Unión Europea por estreitar lazos con Cuba -ao igual que se fixo despóis con China- e fortalecer os investimentos na illa co establecemento no seu chan dalgunhas empresas, que se saltaban así o inxustificable, inhumano e interesado embargo que están o sofrir os cubanos por parte dos Estados Unidos.

Divisábase un pouco de luz ao final do túnel. Pero estes días a poboación cubana recibía un novo golpe, na moral de todos e nos aforros duns poucos, e esta vez non por mor do embargo norteamericano nin da situación de escasez coa que están sobradamente familiarizados. O Goberno revolucionario anunciaba a supresión da libre circulación do dólar en tódolos comercios, hoteis e establecementos da illa, e a súa sustitución polo peso convertible, popularmente bautizado xa como chavito, unha moeda que só terá validez en Cuba. Esta decisión, a pesares das mensaxes de tranquilidade que se están a difundir dende as institucións, provocan confusión e malestar no interior e desconcerto e incertidume no exterior, especialmente para todos os que temos familia na illa e que durante os últimos anos nos preocupamos de facerlles chegar pequenas axudas en dólares, que eles despois trocaban nas chamadas cadecas -como se coñece na rúa ás casas de cambio- por vinteseis pesos o dólar.

O que está claro é que esta medida, equivocada ou non, a pesares de que se xustifique co endurecemento das presións recibidas por parte da Administración Bush para que Cuba non poida depositar os seus dólares en bancos extranxeiros, repercute directamente sobre as economías domésticas, que afrontan con crecente incertidume o 45 aniversario da Revolución.
Paz, Moncho
Paz, Moncho


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES