Bágoas de cocodrilo
Cardalda, Theo - lunes, 12 de diciembre de 2011
DESDE O PREGUNTOIRO
Ollando e escoitando hai uns días nun vídeo á Ministra de Traballo
italiana Elsa Fornero, rompeu a chorar mentres explicaba os recortes. De principio non tiven dúbidas de que as bágoas desta muller puideran ser reais. Outra cousa é que aceptara formar parte dun goberno antidemocrático e imposto polos estafadores mercados. Se alguén quere ser ético, respectuoso e honesto coa cidadanía para a que serve, o que debería facer era dimitir, as bágoas non minguan a culpa.
Por outra banda, pensei que esta señora ao mellor non choraba polos duros axustes á poboación, senón porque douse conta que o seu cargo é simbólico, está nese posto para dar as ordes as masas que lle chegan desde eses gangsters, sendo o máis triste que nin son do seu país. Hai situacións nas que só se pode estar comigo ou contra min, este é un deses casos.
O meu maxín seguía dándome voltas ante tanta farsa europea, ao final cheguei a pensar que esta señora non foi designada como ministra, senón como matarife. Si lle resulta tan horrible a sangue e ten un anaco de decencia, que abandone o matadoiro.
Chorar, si que imos chorar os españois co ensaio que está a facer a Cospedal presidenta de Castilla-La Mancha cos seus recortes sociais principalmente no ensino e na sanidade, un espello do que o Sr. Rajoy implantará en todo o país. Xamais veremos á Sra. Cospedal chorar nin quitarse a metade dos soldos que cobra, ou comece a pegarse vergallazos con un cilicio con pinchos nun acto de arrepentimento.
Non entanto, virá a crúa realidade, o sistema e a democracia fai augas, e no seu nome imos ao tempo da escravitude........pero cos votos da cidadanía. Isto é o máis triste de todo.

Cardalda, Theo
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora