Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Mateo Morral

viernes, 09 de diciembre de 2011
Miña avoa materna vivía nas Pontes de García Rodríguez, e xa que eu vivía en Vilalba, adoitabamos visitala nos días da feira que se celebraba os días 1 e 15 de cada mes.
Adusta coma o tempo que lle tocara vivir, arruinada pola quebra da Banca Romero, marcaba distancias cos seus fillos que sempre a trataron de vostede. Posiblemente eu fose o único neto que, polos usos e costumbres da miña casa, atueina sempre.
Cando un neno facía algunha mínima trastada ou protagonizaba algún desaguisado o apelativo estaba garantido: “Morral, que és un morral”, que nos deixaba impávidos porque non tiñamos a menor idea – e posiblemente ela tampouco- de a que se estaba a referir.
Andando o tempo, deume por pensar en que seguramente se refería a Mateo Morral, o autor do atentado frustrado contra Alfonso III o día da súa voda, en maio de 1906.
Mateo Morral non era un desarraigado social, senón que era profesor e bibliotecario da Escuela Moderna. Estivo perdidamente namorado de Soledad Villafranca, a compañeira de Ferrer y Guardia, republicano e masón, fundador da Escuela Moderna, fusilado despois da Semana Trágica aínda que pouco tivo que ver con aquel desastre.
O impacto que tivo que supoñer na Galicia daquel tempo un intento de rexicidio, faría convertir o apelido do terrorista en denominación común do que facía algo abominable, ata chegar a ser apelativo para calquera gamberrada aínda que fose infantil.
Ben pensado é como se hoxe lle chamasemos Gadafi ou Ben Laden a calquera delincuente, e por extensións aos nenos rebeldes e difíciles de controlar.
Posiblemente Mateo Morral tiña máis altas miras no seu atentado contra o Rei, coidando cubrirse de gloria. E sen embargo rematou sendo un simple “coco” para asustar –e de paso aleccionar- a pequenos que non se portaban ben.
Pasa moitas veces que os que se coidan chamados ás máis altas empresas acaban enlixados en escuras aventuras, sumidos na máis fonda das vergoñas.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES