Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Galeguismo xurídico en Chantada

viernes, 09 de diciembre de 2011
A Irmandade Xurídica Galega segue a celebrar actos en cidades e vilas de Galicia para dinamizar o fomento da lingua galega aos usos xurídicos. O que semellaba unha tarefa imposible –nada o é se media a constancia e unha boa estratexia-, hoxe son moitos os profesionais do Dereito receptivos á proposta regaleguizadora.

Este movemento principiou hai trinta e catro anos nun encontro celebrado no concello de Rois. Naquela xuntanza convocada pola Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística deseñáranse as liñas de actuación que haberían conducir o proxecto da galeguización xurídica. Pouquiños anos antes a Sala do Contencioso-Administrativo da Audiencia Territorial da Coruña, presidida polo maxistrado Claudio Movilla, ditara a primeira sentenza en lingua galega, despois de catro séculos de silencio, a instancias da Asociación de Funcionarios. O exemplo axiña tivo seguidores, e hoxe podemos falar dunha cifra relativamente numerosa de funcionarios xudiciais e profesionais do Dereito que se sumaron a este proceso normalizador.

Segundo os datos estatísticos, na área xeográfica do partido xudicial de Chantada sabe falar a lingua galega o 90, 52% da poboación; enténdeo o 97,89%, e fálao habitualmente o 81%.

Estas cífras porcentuais revelan unha realidade sociolingüística maioritariamente galego-falante. Por iso consideramos que as prestacións dos servizos xurídicos nun ámbito territorial con tal censo lingüístico deben ser realizadas en lingua galega.

As sinerxias históricas, e o descoñecemento dunha longa tradición xurídica galega que debería ser obxecto de estudo nas facultades de dereito, son os alicerces de moitos prexuízos lingüísticos.Coa única excepción do Colexio de Avogados de Santiago de Compostela, os demais e as súas escolas prácticas xurídicas nada fan por mudar os hábitos lingüísticos dos seus colexiados.
Malia estas eivas que tolleron a conciencia de xeracións de profesionais do dereito, hoxe albíscase un futuro que comeza a ser prometedor. Dun tempo a esta parte están a agromar novas fornadas de xuristas dispostos a dispensarlle á lingua galega un futuro mellor. Mágoa que os programas informáticos que teñen que utilizar os funcionarios xudiciais non fagan máis doada a normalización do noso idioma nos procedementos procesuais.Por esa razón saudamos a aparición do Dicionario Xurídico Galego da autoría dos maxistrados Luciano Varela Castro e Xosé Xoán Barreiro Prado, e do profesor e académico da Real Academia Galega, Manuel González González. Unha obra imprescindible para espertar o interese dos profesionais do dereito polo noso idioma.

Para dar pulo a este proceso galeguizador no dereito, a Irmandade Xurídica Galega, a titular do Xulgado Único de Chantada, Elvira Cangado Cibeira, e o alcalde do Concello, Manuel Lorenzo Varela, convocan o sábado, dez de decembro, a todos os rexedores municipais, xuíces de paz, avogados e procuradores do partido xudicial a participaren no acto e ritual de compromiso individual coa lingua galega e os seus obxectivos que se recollerán na “Declaración de Chantada a prol da normalización lingüística”

Xosé González é Presidente do Foro E. Peinador.
González Martínez, Xosé
González Martínez, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania