De que prescindir e de que non prescindir en tempos de crise?
Santalla, Iago - miércoles, 07 de diciembre de 2011
Fai dúas semanas descubrín un novo vídeo de Carlos Blanco que, como sempre, deume que pensar. Cando falo do Carlos, falo dun amigo ao que coñecín o Día da Patria do ano 2009, nunha festa á que ambos acudimos a gozar da noite do día grande de Galiza.
Entón tiven ocasión de felicitalo polo especial da TVG Sempre Abril, presentado por el dous anos antes e dedicado a José Afonso.
Tivemos unha longa conversa arredor do Zeca, e foron moitas as anécdotas que compartimos naquel patio, agarimados por grandes amigos e por un luar que nos ía levando paseniño cara o amencer dun novo 25 de Xullo.
Dende ese día seguín as actividades de Carlos con máis intensidade. Dende ese día non só o admiro como artista, como señor da palabra, senón tamén como unha persoa excepcional que sabe dar o mellor de si mesmo aos demais, abríndolles momentos de ledicia á forza de gargalladas coa súa arte. Pero o humor de Carlos non é intranscendente, o que vaia ás súas actuacións para deixar de pensar equivócase profundamente, porque volverá con máis ideas e enredos na cabeza. O humor de Carlos é para persoas que gustan, que gustamos, do pensamento libre, de non ser manipuladas e de coñecer en todo momento a cara oculta da realidade.
O pasado día 21, Carlos, señor da palabra, regalounos un novo vídeo onde en 6 minutos analiza a necesidade cultural de dispoñer de medios públicos de calidade.
O vídeo está perfectamente estruturado en 4 partes: a primeira postula a necesidade, ou non, de ter medio públicos galegos, na segunda Carlos danos a súa visión da TVG para posteriormente analizar, na terceira e cuarta parte, os seus acertos e as súas eivas.
Como di Carlos, a TVG converteuse nun referente para todo un pobo que quería saber de si mesmo e recoñecerse como tal. Un pobo que quería información local, e tamén información doutros lares dende unha óptica galega. A TVG foi capaz de crear unha estrutura cultural que fixo posible que hoxe se fale do audiovisual galego. A TVG abriulle as portas a moitas actrices e actores que logo triunfaron no mundo do cine a nivel nacional e internacional.
A TVG achegou aos fogares galegos autores literarios descoñecidos para o pobo. A TVG amosoulles aos máis pequenos os mitos da infancia galeguizados, lembro aquí a Songoku ou Shin Chan que os que medramos sendo a xeración Xabarín, nunca puidemos ver en castelán, xa que unha vez interiorizados no noso idioma, soaba demasiado raro o cambio. A TVG é unha parte fundamental de nós, sen dúbida como di Carlos, o Xabarín é o escudo da nosa xeración, o que lle contaremos aos nosos fillos, que nos escoitarán falar do mundo de Beakman, de que por fuciños, por cacheiras eramos do clube da Galega, de que coa Galega aprendemos o que era a nosa terra e de que queremos transmitirlles toda aquela sabedoría a través dunha TVG nova, galega, exenta de manipulación e seria; que sexa a nosa referencia cultural e o noso vínculo de unión como pobo.
Non, certamente non queremos prescindir da cultura en tempos de crise, como di Carlos a min non me presta. Non nos presta porque sabemos que a nosa esencia é inmaterial, e que as claves da nosa existencia están no idioma no que os nosos avós nos anainaron. Non queremos prescindir da cultura porque cremos nela, e nela queremos vivir, medrando e facéndoa medrar con nós; porque sabemos que forma parte do noso potencial endóxeno; do que un día fixemos rendible, e hoxe é un estandarte no que amosar ao mundo unha capacidade creativa absolutamente orixinal e ilimitada.
Remata Carlos dicindo: unha cultura non se concibe hoxe en día, sen uns medios de comunicación fortes, propios e libres. Pois aquí fica o pensamento dun home libre, un home puro e consciente da súa esencia, dono da palabra que nos fai ceibes; descubríndonos eses tesouros inmateriais que nos fan humanos e nos unen na diferenza. Aquí fica a idea e a verba de Carlos á espera deses medios fortes, propios e libres que sen dúbida merecemos.

Santalla, Iago