Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Nadal en Papoi, 2011

lunes, 05 de diciembre de 2011
Cos froitos collidos e metidos nas tullas, cos gandos gardados por mor do frío e das nevaradas, as nosas xentiñas dos antepasados, nos meses de inverno ficaban cun tempo un pouco folgado para a vida doméstica e para as foliadas.

Na Galiza rural, e tamén no mar, para cada tempo do ano, houbo sempre tradicións variadas de festa. Nenos e grandes. Actuaban todos.

Agora estamos no solsticio do inverno. As noites son longas e os días xa case non son . Falta luz natural e a eléctrica chegou na nosa acordanza. E namentres, había tempo para pensar, para falar, para a solidariedade cos menos favorecidos e cos verdadeiramente desafortunados. Eran tempos de posguerra.

Cumpría aprender a poñer na existencia alma, corazón e vida.
E no trasfondo, principalmente polo Nadal, estaba sempre a nosa igrexa de pobo. Nós. Con don Xesús, Párroco de aldea e don Antonio, mestre rural. Se para nós a nosa lingua foi sempre unha riqueza común, debémosllo aos nosos pais e a eles os dous. Bo Nadal!

Por Santa Lucía xa mingua a noite e medra o día. Vintecinco de decembro. Son boas datas para fixar o nacemento do Neno-Deus. El é o novo Sol que se ergue. Un berro de esperanza no medio das dificultades da vida, mesmo nos infortunios e duros traballos.
Velaquí o ciclo completo:

1º.- Advento. Noiteboa e Nadal. Inocentes. Aquelarre en Sevilla de todas as meigas na noite San Silvestre polo Ano Vello.

2º.- E na volta do Aninovo, dia de esmorga. Os ‘casamentos’ e as sortes do paxariño. Programas de futuro e sorteo dos quintos para as novas levas militares.

3º.- Días de aguinaldos, (hoc in anno,) e de andar de ronda cantando á tardiña por outros rueiros, petando nas portas, contando historietas, dicindo chuscadas e deixando en vergoña se non correspondían con ricas viandas, agasallos xeitosos, mesmo lambetadas, para facer festiña, ao final da xeira saltando e brincando.

4º.- E viñan os Reis para a despedida, deixando aos rapaces soños e brinquedos, para gozar deles ao longo do ano con moita alegría.
Os Reis. Aquilo que na realidade non sempre era doado acadar, coa imaxinación, na noite do cinco, cando todos dormen, os Reis do Oriente, sen saber como, nin por que o facían, a mañá seguinte, segundo a pobreza de cada familia, nas limpas zoquiñas algo nos deixaban, porque fomos bos e ben nos portamos.
E se non?, carbón.

E como todo pasa e nós temos de pasar, a copla repetía: La Nochebuena se viene, la Nochebuena se va, y nosotros nos iremos y no volveremos más. E a vida seguía. E chegamos a hoxe. E imos celebralo.

Co que está aínda na memoria dos vivos ou recollido dos libros, sacamos das arcas dos segredos dos nosos devanceiros algo daquelas festiñas e ao xeito deles.

No Nadal todo mundo tiña un papel: Principalmente o forasteiro, o visitante, os pobres, os que falaban distinto ou os que non podían falar. No Nadal todo o mundo renacía.

En cada fogar, na ventá que daba ao camiño ficaba unha candea acendida. Anunciaba que, en tal noite, para o pobre viandante, para o preso liberado da cadea e tamén para o peregrino, alí había un lugar. Sen medo, podía chamar. Sería ben acollido.

Versos e teatriños, vilancicos e castañolas, grilandas e estreliñas de Nadal.

Hoxe, para todos nós da man das nosas veciñas, na nosa Asociación de Veciños de Papoi en Marmancón-Ferrol, vai unha mostra ben escollida do Belén da nosa eterna Galiza.

Como vedes somos todos vellos, con azos novos. Nestas catro parroquias non temos nenos. Debémosllo á Xunta de Galicia. 32 anos de concentración parcelaria. De parálise total. Tendo terras, os matrimonios novos , tiveron de botarse ao mundo.

Cando acabará esta inxustiza? Este festival tamén ten o senso dunha denuncia. Esperamos activos un agasallo de Nadal.
De que ano?

ESTE É O NOSO PROGRAMA:
PRESENTA: MARI CARME.
1º.- YO QUIERO UN MUNDO DISTINTO. VLLANCICO. CANTA: FINUCA.
2º.- DECLAMACIÓNS MOI ANTIGAS. ERAMOS NENOS. ONDE VAI ISO!
· ALÁ NO MEDIO DO MAR.- ANDREA LEIRACHÁ. (80 ANOS).
· NUNHAS PALLAS DEITADIÑO. MANOLA DE MALDE. (78 AÑOS).
· AI QUE NENO TAN BONITO.- SUSA (65 ANOS).
· DIÑEIRO. (SOLIDARIEDADE NAS CRISES). MARISOL (58 ANOS).
· XA VEÑÉN POLO CAMIÑO. ANDREA LEIRACHÁ. (80 ANOS).
· A BULIEIRA. CONCHITA 37 ANOS).
· ALEGRÍA, FESTA E RÚA. ÁNGELES (50 ANOS).
· PASEI RÍOS, PASEI MONTES. ANDREA LEIRACHÁ. (80 ANOS).
3º.- TEMOS A SORTE DE TER ENTRE NÓS UNHA ANDALUZA: MARI PAZ.
· Nacimiento de Jesús .
o Zorongo gitano (Luisa de Córdoba).
o Bulería (Bernardo el de los Lobitos).

4º.- SEGUNDA ESCOLMA: SAUDADES. NADALIÑAS ESCRITAS POR NENOS E RECITADAS POR VELLOS. ANTES ERA AO REVÉS.
· NADAL COS AVÓS. CARMUCHA ( 77 ANOS).
· DIN. DON. DAN. PICARIÑADA. DORA ( 42 ANOS).
· RETAÍLA DO NADAL. AIRE DE NANA. (52 ANOS).
· OLLOS AZÚIS, PEL DE LIMÓN. MENIÑADA (58 ANOS).

5º.- TEATRIÑO DE NADAL. “NON HABÍA LUGAR PARA ELES”.
(Xaquín Campo Freire.2002).
ACTORAS.
Conchita (Narradora). Fina (Xosé). Finuca (María). Dora (Pousadeira).

6º. BREVE RECITAL CORAL DE VILANCICOS CON PARTICIPACIÓN XERAL DA VECIÑANZA E ASISTENTES.

7º.- FELIZ NATAL. FELIZ ANINOVO. FELIZ 2012 PARA TODOS.

RETAÍLA DO NADAL

“A noite tiña unha estrela,/ a estrela tiña unha luz,
A luz guiou aos Reis Magos,/ ata o portal de Xesús”.

“A porta era do establo, / o establo de ninguén,
Alí pasaron a noite/ María e Xosé”.

“A noite fíxose día/ o día trouxo a luz,
A luz para o mundo nacera/ era aquel meniño, Xesús.”

(CARMEN RODRÍGUEZ, en Os nenos e o Nadal, 8 anos, Ribadeo. Biblioteca Provincial de Lugo, Certame 2005).
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES