Vai de encíclicas
Rubal, Pedro - lunes, 05 de diciembre de 2011
Non teño seguridade de que a doutrina social de Xan Paulo II sexa moi coñecida, incluso pola maioría dos católicos; o que si parece constatarse é un escaso interés dos pastores por dala a coñecer: poñen máis empeño en alindar os rabaños por outros lindeiros:. Non sexa o diaño que se acostumen a pacer nos pasteiros do marxismo.
Pero isto non é o noso tema hoxe, e, por outra parte, todo o mundo sabe ou intúe que hai unha certa sintonía, máis ou menos agochada, co capitalismo, aínda que é de xustiza salvar a algúns pastores, e sobre todo, ós da teoloxía da liberación, e tamén recoñecerlles a labor que deixan facer a Cáritas, que é verdadeiramente exemplar e sen parangón coas dilapidadoras administracións do Estado.
Dito isto, eu quero traer aquí, con brevidade e só coma indicativo, o uso de categorías marxistas nas encíclicas. LABOREM EXERCENS, publicada en 1.981, se a lemos co propósito de obter ideas válidas para os nosos tempos, no social, co primeiro que nos encontramos é cunha relación establecida entre TRABALLO, PAN e VIDA, que, na miña modesta opinión, ten moito que ver coa que corresponde no marxismo ao TRABALLO-PRODUTO-PRODUTOR. O pan serve para satisfacer as primeiras necesidades da persoa humana, e acádase mediante o TRABALLO. Marx diranos que o produtor obxectivase coma cousa (pan, produto), explicando así a relación entre o traballo e a produción, e que a cousa creada polo produtor faise persoa, é dicir, o pan asimilado sostén a vida do home, que é orixe da persoa. Polo tanto, o pan (produto, en Marx) está chamado á conversión metabólica na persoa humana.
Segue habendo coincidencia entre a encíclica e Marx en afirmar a dignidade do traballo, fundamentado na dignidade da persoa humana; pero do traballo entendido coma actividade, coma fonte de vida e coma existencia inobxectivada, non certamente coma traballo obxectivo e acumulado en forma de CAPITAL, que hoxe no mercado está causando graves consecuencias de orde financeira e humanitaria.
Establece a encíclica, xa que logo, (e non podía ser doutra maneira!) a primacía do home no proceso da produción, a prioridade do traballo fronte ó capital, que é unha tese indiscutiblemente marxista. Outra tese compartida é a que fai referencia ó illamento ao que están sometidas as persoas na sociedade capitalista.
É mester, tamén, facer constar que en Laborem exercens importantes categorías do marxismo son utilizadas para criticar, intelixentemente e cos mesmos instrumentos marxistas, certas deformacións do marxismo, tales como o estalinismo, o dogmatismo marxista, o marxismo meramente economicista, etc. Pero isto pon en evidencia que o autor da encíclica ten un bo coñecemento do marxismo e que se baralla no seu seo sen complexos e con plenitude dialéctica.
A OCTOGESIMA ADVENIENS, de Paulo VI, aporta tamén importantes ideas. Para mellor comprensión do que vou a dicirlles, convén distinguir entre unha ideoloxía concreta (marxismo, capitalismo) e a súa realización histórica. Porque esta pode descafeinar aquela, con uns sucesos históricos que, so capa de manter os principios ideolóxicos, concúlcaos descarada e desvergoñadamente. Nisto, por desgraza, inciden os nosas socialdemocracias, apresurándose a desacreditar unha ideoloxía que só coñecen en reflexos atávicos e practicas sectarias e endogámicas, e así ocorreu cos rexímes comunistas dos Países do Leste de Europa, sen que isto supoña nin un aval para o marxismo como método de analise da sociedade, nin tampouco un fracaso, como quere verse interesadamente. En canto o noso partido conservador, carece de percorrido histórico, e pola súa actitude de xordomudo nas cuestións fundamentais durante a oposición, na actualidade, non parece pertinente a súa valoración.neste contexto. En todo caso, as medidas (recortes!) que non se faigan con xustiza distributiva deixarán tamén en evidencia a hipocresía cando se dí acoller coma básicos ós valores cristiáns.
Pois ben: nos números 31-35 da citada encíclica abórdase a relación das ideoloxías (socialista, marxista e capitalista) cos seus concretos e correspondentes movementos históricos, aínda que naquela non parece que se tome posición sobre o feito das diferencias entre elas.. Sen embargo, dícese que non poden esquecerse os vínculos que median entre unha ideoloxía coma o marxismo, en canto filosofía atea e dun estado totalitario, e a súa concreta análise da sociedade e loita de clases. E no que respecta ao capitalismo, que?.. Aquí o sentimento de preferencia por el ben pode traicionar a consecuencialidade dun razoamento.
A advertencia papal (non poden esquecerse os vínculos
) pode entenderse, cando menos, de dúas maneiras: ou ben rexeitar que o cristianismo adquira compromisos cunha ideoloxía coma o marxismo, ou ben facer mera referencia ó movemento histórico dunha ideoloxía, sentíndose desvinculados coas súas prácticas, sen perder de vista o seu interés como método de analise da sociedade. Optar pola primeira hipóteses ou pola segunda é un caso de opción estratéxica, pero o que non parece admisible é que se aplique a primeira ó marxismo e a segunda ó capitalismo, por algo tan elemental como a ilicitude de aplicar dúas posturas hermenéuticas diferentes a casos tratados análogamente no texto da encíclica, sobre todo se non se esquece tampouco que o ateísmo teórico do marxismo non dificulta a alianza coa fe e coas crenzas, como o evidencian as teoloxías da liberación, e o capitalismo, per se, non é garantía dunha fe auténtica, case sempre enervada por las frecuentes actitudes da soberbia, da hipocresía e da indiferenza cara aos máis pobres, incluso nos deterioros ecolóxicos, sen valorar os perxuizos futuros para a Humanidade: O capitalismo subordina os valores relixiosos aos económicos, mentres que o marxismo estuda como defender os dereitos dos máis necesitados, en liña coas igrexas, aínda que na praxis deixe moito que desexar.
Non obstante, en honor a verdade, hai que resaltar que, en xeral, a doutrina social da Igrexa, non defende tanto a propiedade privada adquirida por medios que non fora o traballo, canto o dereito do traballador a acceder a ela, supeditándoa, en todo caso, ao interés social, e o concepto de pobreza que manexa é máis amplo que o do marxismo; tampouco se pode ocultar que dá prioridade a cultura do traballo fronte a cultura do capital (tamén teóricamente!). Pero a doutrina social da Igrexa non é dogmática, nin normativa, senón meramente orientativa. E, polo tanto, non ten sentido utilizala para descrédito do maxisterio.

Rubal, Pedro