Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Nos labirintos da alma

jueves, 01 de diciembre de 2011
Martiño Maseda na presentación en Lugo do seu libro "Os labirintos da alma·:

Boa tarde, case noite a todos! Grazas pola vosa asistencia e pola vosa compaña neste acontecemento literario. Tanto aos que están ao meu lado na mesa coma aos que exercedes de observadores e ouvintes. E grazas, especialmente, a Xesús Pérez Regueiro por facilitarnos este marabilloso espazo para a celebración deste acto, no que, aparte de pretender a realización dun exercicio de comunicación, tamén se busca manter viva a chama da cultura, neste caso a galega, que arestora semella atravesar unha sombría corredoira…
Cando se presentou o libro en Vilalba comentei que para min, novato, a pesar dos meus anos, neste tipo de actos, a tarefa de presentación dun fillo literario, do que un é autor, non resulta doada. Máis que nada porque un non sabe moi ben que dicir. Ou como dicilo. Aínda que vos poida parecer estraño, vou actuar ao contrario daquel afamado escritor que nun programa de televisión, ao que acudira para publicitar un libro de seu, se enfadou coa presentadora do mesmo porque non se falaba do seu libro. Agora que se ofrece ao público este libro meu, debo manifestar que son reacio a falar do que nel está escrito. Por dúas razóns, basicamente. A primeira, porque prefiro que a miña mensaxe fale por si mesma, dun xeito ceibe sen condicionamentos. E a segunda, porque as persoas que me precederon na palabra xa fixeron unha disección, sen anestesia, do seu contido. E cando realizaron tal operación de cirurxía intelectiva non se sentiron influenciadas previamente pola miña opinión, falaron con liberdade tendo en conta o que suscitou nos seus adentros este poemario. Eles, ao igual que todos vós, ou ao igual que todos, en xeral,foron, fomos, hoxe convocados a sentar ao carón da lareira da que manan as laparadas da poesía, para sentir no interior a súa quentura, o seu cálido agarimo, o seu berro desesperado en cada estela que arde, en cada verso que se impregna no espírito.
De seguro que cadaquén ten a súa propia concepción do que é a poesía. Por exemplo, os que están ao meu carón tamén aportaron a súa. Ben, porque llela solicitei directamente, ben porque llela descubrín con aleivosa indagación. E eu trasládovola… Así, para Xulio é o xeito perfecto de expresión. Onde se pode dicir todo con fermosura e harmonía. Conxunción perfecta de fondo e forma para falar de intelecto a intelecto; ou mellor, de corazón a corazón. Para Miguel Anxo, e aquí é onde tivo lugar a miña aleivosa indagación, polo que lin nunha entrevista concedida por el ao suplemento A Chaira, a poesía é un alimento indispensábel e unha vía de coñecemento. Unha exploración do descoñecido e unha iluminación súbita da realidade. E para María Xosé, a miña voz poética da Chaira (e pídolle perdón as demais voces poéticas chairegas pola particular discriminación), a poesía significa voar sobre a existencia, pero tamén rabuñar na terra até atopar a súa esencia. Xa vedes, ideas distintas e, ao mesmo tempo, complementarias, fermosas e cargadas de alto contido poético. Diredes: Faltas ti! Claro, falto eu. E ¿que é para min a poesía? Respondereivos que se me anega o entendemento para explicar tal concepto. Outra vez escaséanme as verbas. Aínda que cavilei que a poesía
Talvez é
o recendo da inmensa Chaira
que cada día me embriaga;
o silencio cando adormece o meu día
no leito da noite estrelada;
a luz duns ollos que ao mirarme me falan
e me din palabras de amor e esperanza.
Talvez poesía é
o súbito sorriso rachando a gris fasquía da mágoa;
o zunido do vento que coas árbores danza;
a intensidade do momento no que o tempo se acaba.
Talvez é
a emoción que da miña alma escapa
buscando as mans dun espírito que desexen agarimala.
Talvez poesía son eu,
ou sodes vós,
ou o lume desa lareira que nunca se apaga
e que nos aloumiña coa súa lapa.
Despois de ler esta particular definición do que chego a entender por poesía, só me resta engadir que en devandita definición non pode faltar ese exercicio sublime de comunicación entre nós, ao que aludía ao principio, porque sinxelamente busco que, dalgún xeito, sintades o que eu sinto. Que naveguedes na dorna das emocións que vai aboiando na mareira da dúbida, ese estado latexante que me habita e que me obriga en cada latexo a coñecerme. Así di:
TARDES de outono,
no solpor dunha dúbida
que agocha os pasos que están por vir.
E as bágoas da rutina esvaran, amodo,
polos beizos de cristal do tempo
que latexa no reloxo das miñas ansias.
Vizosa inquedanza que se perpetúa
neste espazo de expresión salvaxe
e que debuxa o lenzo dunha hostil emoción
nos labirintos da alma.
Latexos impregnados co recendo do silencio:
CADA día un poema,
un alborozo que ceibar a ningures,
como unha volátil pregunta que navega
sucando o transparente océano do aire.
E agardar que volva de entre a silveira do silencio
cunha resposta que calme a rebeldía das miñas ansias.
Incluso, latexos que evocan unha esperanzada morriña:
MARCHOU maio
repenicando notas de choiva
no tamboril da calma,
versos da gris morriña
nas pólas mestas da mágoa.
Marchou maio
remexendo follas de ciscadas lembranzas
no fondo baúl da alma,
de soños feitos cinzas
na lareira das entrañas.
Foise maio
e apenas me deixou nada,
só unha fenda aberta
na parede da inquedanza.
Eu aquí fiquei
enxugando nas bágoas
dunha tristeza que nunca remata.
Entre as mans a flor do toxo,
no peito o recendo da Chaira.
Foise maio
ceibando bicos de auga
co seu pícaro sorriso
e apenas me deixou nada.
Eu quedei perdido
á deriva coas ansias
no océano das palabras.
No pensamento unha cantiga,
nos beizos o sabor da Chaira.
Xa ouvides, latexos, en definitiva…
Ben…
Amigos todos, chegados aquí,
despois que teñamos comezado xuntos
esta viaxe na dorna das emocións,
deixareivos que naveguedes o resto da travesía en solitario
pola marusía da dúbida que vos faga naufragar,
que vos convide a perdervos nos labirintos da alma.
Maseda Lozano, Martiño
Maseda Lozano, Martiño


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES