Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Unha pouca de sociobioloxía na política

martes, 29 de noviembre de 2011
A realidade é dinámica, mellor dito, é dinamismo en si mesma.

Xustamente por iso, as estruturas en que se constitúe teñen a necesaria tolerancia que lles permite a transformación noutras novas. Tamén cabería dicir que é mera respectividade, porque non se concibe ningunha cousa no mundo que non sexa respectiva a todo o demais. Organízase en sistemas e hai sempre que contar coa dialéctica da interacción entre estes e as variacións do medio exterior. Así se explica que o funcionamento da realidade humana estea sempre comprometido cunha actividade xerárquicamente organizada en suprasistemas e subsistemas relacionados: As informacións transmítense dun nivel ó outro en progresiva complexidade. Por conseguinte, a existencia individual é unha mera abstracción, porque só pode ter realidade en unidade coa contorna: Os sociólogos e psicólogos adoitan falar do organismo psicosocial, entendendo por tal ó individuo integrado no seu medio coma unidade operativa básica humana.

José L. González de Rivera, ten un traballo dedicado ó estudo da “homeostasis”, da “alostasis” e da “adaptación”, e nel cita a Sandor Ferenczi, do que recolle os prototipos desta última, referida ao home e ó seu contorno. Fálanos dunha adaptación “autoplástica”, que se produce cando as dinámicas psíquicas internas experimentan modificacións para constituir un armazón capaz de tolerar e responder ás esixencias do exterior; dunha “aloplástica”, cando son as dinámicas da contorna as que se transforman para constituir un ambiente máis propicio para o desarrollo do individuo, e doutra “heteroplástica”, expresada na migración humana a través das culturas, en busca dun ambiente psicosocial máis adecuado ás dinámicas persoais.

E dito todo isto dende o principio, analóxicamente habería algún xeito de aplicalo ás prácticas políticas (a guisa de advertencia) dos conservadores e dos socialdemócratas, recordando ós primeiros que o inmobilismo nunha dinámica social tan acentuada pode resultar perigoso e ata “contra naturam” (hai que facer unha adaptación “autoplástica”!), e ós segundos, que debería levarse a cabo os cambios sen forzar as tolerancias dos sistemas sociais, cunha intelixente - e non á lixeira e froito dos azares da impremeditación incompetente - aplicación circunstancial, calculando prudentemente QUE, CANDO, COMO, PARA QUE e POR QUE introducir cambios: Non é conveniente forzar a adaptación “aloplástica” se non se quere perder vergonzosamente o arraigo na sociedade!. Isto parece deducirse das investigacións dos sociobiólogos, que atenden tamén ás insensateces biolóxicas que rompen o equilibrio, a homeostasis.

Seguramente tampouco sexa moi rendible esquecer, uns e outros, cós métodos tamén contan: Hai que evitar aliviar as cargas de estrés por desaxustes psíquicos, individual e colectivamente, xerados polas desmedidas ansias de poder, sobre todo por aqueles que, pola súa incompetencia, teñen á política como único camiño que os leva a unha certa significación na sociedade (aínda que nalgunhas ocasións sexa esperpéntica), pelexando ata provocar unha ulceración nos estómagos dos adversarios, como única terapia dos propios: É este un método regresivo, que produce impactos negativos e evidencia a carencia de proxectos alternativos políticos ad hoc; é dar prioridade o cerebro reptiliano, en perxuizo do neocortex.

O inmoblismo tamén adoita ter carta de natureza no seo dos mesmos partidos políticos. Estou a referirme a endogamia, na que un grupo (a maioría das veces integrado por persoas de escasa importancia no ámbito político, senón máis ben oportunistas charlatáns ou constitutivos taciturnos, que saben de todo) péchanlle a porta ás persoas verdadeiramente válidas, pensando que as solucións acertadas están soamente nas súas mans. E este inmobilismo non está só situado, necesariamente, nas filas conservadoras. En bioloxía, nun organismo, tamén ensinan como facer nestes casos: Aillar e rexeitar, por iso en medicina loitan, nos enxertos, contra os rexeitamentos para defender o statu quo. Parece exemplar a investigación do entomólogo Raymond Lane, quen descubriu que se desaparece a reiña dunha colmena, única capaz de poñer ovos, esta capacidade pasa ás obreiras, porque “o estatus vinculado a infertilidade é un subproduto da represión e cando o poder opresor desaparece, as traballadoras recuperan a súa fertilidade”.

Teñen, tamén, os políticos que ler máis a Vaclav Hável, escritor e expresidente de Checoslovaquia, que escribiu: “Respóndese ante algo que está por encima da familia, do meu país, da miña empresa, do meu propio éxito…”, e añade Eduardo Punset: “á luz destas declaracións e o proceder de moitos europeístas de novo cuño que defenden os intereses a corto prazo frente a terceiros países, é perfectamente lexítimo preguntarse se eses europeístas deixarían hoxe sumarse ás súas filas a un europeísta coma Montesquieu”, recordando que este dixo: “se alguén me ofrecera algo no meu propio beneficio que fora en detrimento de Francia, rexeitaríao; igualmente que se alguén me ofrecera algo en beneficio de Francia que fora en detrimento do resto do mundo” (“Viaje a la felicidad”, Eduardo Punset, Ed. Destino, 2.010, Barcelona, p. 145.). Estas palabras elévalles o listón ós políticos europeos, e os nosos, en particular, deberan aprender que ladrar en retirada é unha evidente manifestación de impotencia e ineficacia, posta en evidencia “fora de plazo”. Xa dicía Zubiri, noutro contexto, que poucas épocas na historia viviron unha agresión á VERDADE coma a nosa. Eu, humildemente, engadiría: “e á AUTENTICIDADE”. E sen verdade e autenticidade, nas sociedades que van adquirindo a maioría de idade, só se pode aspirar a sementar o descrético ideolóxico, ó que non en pequena medida coadxuva o feito de que as minorías, como di Punset, estean saturadamente servidas e sobrerrepresentadas, mentres que a gran maioría vive no desamparo ou, o que é peor, traficando coas receitas que lles administran dende o interés e o dogma. Non estaremos rachando equilibrios, homeostasis, sociais?. Só a cuarta dimensión do espazo, O TEMPO, terá a palabra.

Por iso, se queremos construir espazos equilibrados de convivencia, hai que contar con ela, porque, antes ou despois, vai laretar as verdades e tamén evidenciar as inauternticidades.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES