Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

20-N. Unha reflexión dende a minoría

miércoles, 30 de noviembre de 2011
A pasada xornada electoral foi para min canto menos curiosa.

Cómpre dicir que non son un analista político, nin pretendo selo, só pretendo dar a miña visión sobre os resultados que o pobo libremente verteu nas urnas. En primeiro lugar hai que felicitar ao gañador das eleccións, Mariano Rajoy, que ademais consegue unha maioría histórica para os seus.

Pero é inxusto quedarse na análise gañadora e ignorar que o parlamento que se vai constituír é un parlamento de inmensas minorías, sociais e culturais, que o futuro goberno debería de ter en conta. Estas minorías experimentaron un avance moi significativo que ten como resultado unha cámara baixa multicolor, multisensible e incluso multicultural. E digo multicultural moi ao meu pesar, xa que sei que o ideal é a interculturalidade que facilita o diálogo, a comprensión e o coñecemento entre as distintas culturas, cousa que nesta lexislatura non vai ser posible. O certo é que no arco parlamentario actual van estar presentes sensibilidades socioculturais moi distintas. Pódese dicir que Euskadi aposta polas forzas propias ás que lle confía 11 dos seus 18 escanos; o mesmo que Cataluña, que dos 47 deputados que ten, dálle 11 ao PP, sendo os outros catalanistas ou nacionalistas (inclusive os do PSC-PSOE).

Certamente a nacionalista é unha forza máis minorizada que minoritaria á que Galicia aporta 2 deputados. Esta forza nace e medra no marco da ilóxica e inxusta Lei de Hont, que relega aos partidos minoritarios ou minorizados á desaparición. Pois a pesar desta lei, estamos nun escenario de diversidade que nos di que podemos ser en colectivo sen renunciar á nosa propia identidade. Ninguén poderá negar que este é un arco parlamentario de sensibilidades culturais moi distintas (e incluso contraditorias) que están aí porque a cidadanía quixo que estivesen, e polo tanto representan voces que non queren ser silenciadas nin queren falar por bocas alleas.

Os analistas políticos terán que ver o significado desta fragmentación, as ideas que reflicten esas novas voces e cantas voces quedaron no camiño debido a unha lei inxusta.

Dende os partidos maioritarios, que o son porque a cidadanía así o quixo, débese facer tamén, unha reflexión dos resultados dende o eido sociocultural. Se fan esta reflexión, verán que España é un compendio de realidades multiculturais, e que polo tanto non é cuestión de estar a favor ou en contra delas; están aí, e son un feito co que a cidadanía española ten que convivir.

Entón o gran reto é dar o paso do multiculturalismo ao interculturalismo, ao diálogo e ao desenvolvemento interdependente entre as distintas culturas e linguas que conforman España como país. O gran reto é a convivencia entre as distintas sensibilidades, apostando por un diálogo que nos leve a medrar xuntos; iguais en dereitos, si, pero diversos social e culturalmente, facendo desta diversidade un piar da nosa propia economía, e aproveitándoa como unha fonte máis do potencial endóxeno que nos ofrece este país.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES