Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Celtismo e Necrofilia

viernes, 12 de noviembre de 2004
A reivindicación das nosas raicieiras celtas é un ingrediente esencial do concepto de identidade galega, sobre todo, a partir da segunda metade do s. XIX, con Murguía, Vicetto e Pondal, ata chegarmos ó poeta da raza por excelencia que foi Cabanillas. A eles, principalmente, débeselles a elaboración de toda unha mitoloxía patriótica, basada na crenza de que os galegos pertencemos a unha koiné de pobos celtas en oposición ó tronco latino-semítico extendido polo Sul de Europa.

En realidade, as fontes históricas das que dispoñemos son ben cativas, porque a información que nos dán os clásicos, Herodoto, Estrabón, Polibio, aínda que sexa moi interesante, tampouco é tan abondosa.
Pouca máis información volvemos a ter ata que a romanización e a cristianización xa estaban consumadas, en tempos do bispo Idacio ou de San Martiño Dumiense, empeñado como estaba en erradicar os derradeiros vestixios do paganismo, segundo deixou escrito no seu libro “De correctione rusticorum”.
A importancia e transcendencia que tivo ou ten a herdanza celta dentro da nosa configuración como pobo aínda non a podemos saber con certeza.
Por outra parte, resulta curioso que o nacionalismo británico nunca reivindicou o seu pasado celta, cando sabemos que Gales e mais Irlanda foron os únicos reductos que se mantiveron á marxe da colonización romana durante toda a Idade Media, empregando unha lingua celta e mais conservando unha cultura propia que chegou ata os nosos días.
Certamente que,a política imperialista británica nunca tivo ningún aprecio nin estima por todo o que viñese dos celtas, ós que consideraban bárbaros e atrasados, en contraste cos invasores anglo-saxóns que asimilaran a cultura clásica greco-romana.
Case ninguén se acordaría para nada do “Halloween day”, nin do Samaín, se non fose porque a industria cinematográfica de Hollywood aproveitándose de certas tradicións dos inmigrantes irlandeses en América, ocorréuselles comercializalas, e realmente que o fixeron con moito éxito. Deste xeito unhas tradicións, neste caso, céltico-europeas, son reenviadas desde América como se fosen un producto propio, e quizabes o sexan, no sentido de que teñen moi pouco que ver co seu significado orixinario.
En Galicia, e por desgracia, nunca faltou unha abondosa clase social, paradoxalmente a que tivo mellores oportunidades educativas, disposta a esquecer e a ningunear o propio para admirar o alleo; aínda hoxe hai unha enorme lexión de papanatas que recibe con entusiasmo calquera tontería que veña do exterior.
De calquera xeito, e baixo distintas cores e cobertizos, a nosa, segue a ser, realmente unha
sociedade necrófila.
Posiblemente as notas máis caraterísticas da nosa suposta herdanza celta sexan de tipo máxico-necrofílico.
Sabido é que os celtas adicábanlle maiores monumentos á morte cá vida: vivían en pallazas e para os seus mortos construían dolmens.
Todo isto non tiña nada que ver co concepto de ostentación de riqueza e poderío que, moitos dos novos ricos modernos, levan ata o cemiterio.
Non está nada mal que, aínda que sexa soamente por estas datas, pensemos e actuemos como se os mortos non morresen de todo.
Pódense e débense xulgar e criticar todas as accións e conductas humanas. Outra cousa moi distinta é unha interpretación trivial ou grotesca das crenzas e comportamentos dos pobos e das xeracións que nos precederon.
Na nosa cultura tradicional, a morte non é un acabouse absoluto, porque, non só é a sombra e os espírito dos que se foron os que andan mixturados cos vivos senón que tamén unha grande parte da súa vida intelectual e emotiva continúa presente entre nós.
No imaxinario popular atopamos moitos relatos que implican retornos ou aparicións de persoas falecidas.
Posiblemente a crenza popular en todas estas aparicións fose máis ben unha metáfora, para explicar a idea de continuidade entre os vivos presentes cos feitos e comportamentos dos defuntos que nos precederon. Eran conscientes de que se había que ir afacendo a convivir coa morte e por iso matinaban tanto con ela. O home moderno nin siquera se preocupa por buscarlle algún sentido á morte. Pensamos que con mandar flores ós cemiterios por estas datas, xa é dabondo para lavar as nosas conciencias.
Segundo o sociólogo Bernardo García Cendán nun ensaio que publica no nº 104 da revista Encrucillada, e citando ó historiador P. Ariès afirma que: "A morte perdeu o carácter colectivo e público que tiña noutro tempo, cando era unha festa para a colectividade; un acontecemente que estaba moi lonxe de ser algo privado ou familiar, porque a comunidade reuníase no cuarto do agoniante, antes mesmo do intre do pasamento, para volver a xuntarse despois nos funerais, pero, en todo este proceso sempre lle facían varias visitas ó morto e ós seus familiares". Agora todo é présa e todo é silencio e incomunicación, como se a morte fose algo vergoñento do que non se debe falar.
Deste xeito sigue decindo García Cendán que os nosos mortos agora son víctimas dunha morte máis absoluta, porque a súa memoria desaparece moito antes debido á falta de solidariedade entre os seus antigos veciños e amigos.
Curas, médicos, sociólogos e sicólogos actuais sirven de moi pouco para confortar e consolar tanto ós agoniantes comos ós seus deudos e amigos que se atopan perante unha catástrofe absoluta para a que non teñen nin remedio nin paliativos.
Na nosa cultura tradicional, a morte, evidentemente significaba un gran desastre ou desorde alí onde se presentaba, pero aquelas xentiñas recoñecían que non podían quedarse inermes, víctimas do fado, da impotencia e da desesperación. Foi por iso polo que se crearon tantas lendas ou explicacións tentando de rechear o enorme abismo que separa ós mortos dos vivos. Así naceron e se desenvolveron os mitos para explicar o que a ciencia non pode facer en termos lóxicos ou emotivos.
Algo terá que facer a cultura moderna para que no medio de tanta luz e de tanta ciencia non esteamos aínda tan orfos e desamparados en momentos tan decisivos.
Laxe Freire, Manuel Anxo
Laxe Freire, Manuel Anxo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES