Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

25 N: Contra a violencia de xénero

viernes, 25 de noviembre de 2011
25N. Día internacional contra a violencia de xénero

A ti, muller, á que a Historia reservou a maior das inxustizas, a ti, quero adicar as miñas verbas. Inxusto é que calquera crea que ti e eu non podemos compartir o mesmo chanzo se a escaleira é a mesma, inxusto que non camiñemos un ao lado do outro se somos iguais e o camiño se trazou para os dous. E por inxusto, eu comparto o teu chanzo e camiño ao teu lado, porque si, somos iguais, non hai diferenzas entre ambos os dous e eu quero oporme ao inxusto, ao cruel, e á mesma Historia da Humanidade se é mester facelo, e o é.

Será unha travesía difícil, desta non viaxaremos nunha singradura de vintecatro horas, o noso veleiro enfrontarase a un furacán de miles de anos, pero paga a pena loitar por iso e loitar por ti. Escolle ti o temón ou as velas, eu fágome cargo da outra manobra, só quero compartir a túa viaxe, o meu, o noso.

Daremos batalla por ti, por elas, por todas as que seguen loitando, pero tamén polas que quedaron no camiño.

Por ti paga a pena levantarse a diario acompañando os teus pasos, por ti as pegadas que marquemos deixarán claro o noso rastro presente e o noso obxectivo futuro, que a eiva machista desapareza da face da terra e desapareza da túa carne e da túa alma, cada paso cara adiante será ao unísono e dobraremos esforzos para que ningún canalla sen escrúpulos alce a súa man, peche o seu puño ou tatúe a túa pel. Porque o canalla cre que es súa, que ten o dereito e lle asístelle razón, que se o seu pai e o seu avó o facían, porque non pode facelo el se é máis macho e máis listo. Pobre miserable. Cre que as vexación, as malleiras ou os insultos che impiden pensar, que non es ninguén para opoñerte a que te maltrate, te viole ou te marque a lume como súa.

Maldito ignorante. Non sabe que si pensas, que si te opoñerás, que non ocultarás o que che fai e marcarás os números do teu teléfono. Non o dubides xamais, busca a miña axuda, sabes que a terás, ao outro lado da liña encontraraste aos que me rodean, aos que viaxamos contigo, aos que converteremos ao canalla en covarde.

Mil brindes por ti, muller, pola túa valentía, porque a túa denuncia salva vidas, non soamente a túa, a de moitas outras que seguirán o exemplo da túa coraxe, do teu "abonda xa e ata aquí chegaches comigo". A túa denuncia evitará que o canalla, o que se confunde de saco de boxeo, e o que envelena o seu sangue co odio criminal e a mirada do asasino desapiadado, te convertan nun número. Ti non serás un número máis, tes a miña axuda, tela e sábelo, un día non tan lonxano veremos que xa non se incrementa a cifra, que xa non pousaremos máis coroas de flores. As miñas flores por ti e para ti, pero xamais sobre a túa tumba, sempre sobre as túas mans, porque mereces a súa suavidade, a súa delicadeza e o seu perfume.

Para ti, muller, as miñas frases e os meus sentimentos, pero sobre todo o meu compromiso. Comprométome a dicir "non" contigo, a tan escasos centímetros de ti que sintas o meu alento para non dubidar de que xa non estás soa. Non a ese puño que che axexa, non ás ameazas, non ao que te oprime, non a todo aquel que persista na súa ignorancia afirmando que ti es menos ca el, non ás bágoas de rabia e de pánico, non aos berros que esgazan a túa garganta, non ao sangue seco sobre o chan e ás liñas de xiz que debuxan siluetas de morte, non ao que non se sume á nosa batalla, porque sexa home ou muller, se te deixa soa outra vez, se converterá en tan covarde como o canalla, será cómplice do inxusto. Ti camiña sen medo e eu acompáñote, de igual a igual, como debe ser, como é.
Núñez, Pablo
Núñez, Pablo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES