No mes de Santos
Blanco Torrado, Alfonso - jueves, 24 de noviembre de 2011
Neste tempo adoitamos visitar con máis emoción e agarimo os nosos camposantos. Endexamais están afastados da nosa convivencia, nin fisicamente. Forman parte do eixe simbólico e fundacional das nosas parroquias, porque a urdime afectiva cos nosos defuntiños, coma os chamaba o noso poeta Manuel María, nin a morte a creba.
Dende sempre alimentamos este apego e querenza con eles, por iso coidamos dos cemiterios no corazón das comunidades, non os desterramos ás súas lindes ou extremos, coma noutros países.
Mantemos as nosas conversas e celebracións ó seu carón, nos adros e campos da festa, sen agocharnos da súa memoria.
Tamén neste eido da nosa personalidade, o guieiro que é Manuel María, loitou para que cando se perpetuase entre nós, deitado coma un penedo, observando o ritmo da natureza, non fose afastado do barullo do seu Outeiro celeste, a un deses cemiterios modernos, onde discorren as vías con máis velocidade, abrumado polo ruído do deus automóbil da nosa civilización, tan contaminante e prepotente.
O poeta que non esqueceu nada do humano nin do divino, tamén asinou testemuña para que todo o relacionado coa celebración funeraria fose na lingua que mamou no seu berce.
Outra mostra da súa coherencia vital, nuns sartegos que seguen a esquecer a fala dos seus moradores. Moitos dos cemiterios da Terra Chá son un referente da nosa escultura e arquitectura popular, eses exemplares góticos, que como agullas lanzais sinalan o máis alá, e tamén conservan as raíces e a historia de cada casa da comunidade: os alcumes, apelidos, a xenealoxía, etc
, pero seguen a ignorar o noso idioma. Cómpre neste outono, máis parco en agasallarnos coas froitas do tempo, rebordar en agradecemento coas mulleres e homes de ben das nosas aldeas que conservaron e deixáronnos esta fala, en séculos escuros, e ás/ós que non podemos arrebatarlles na hora final, polo noso desleixo e insensibilidade, o seu dereito a ser recoñecidos coma forxadores e herdeiros da lingua de seu.
Tradicionalmente, o mes de santos é a celebración desta moitedume de mulleres e homes xenerosos, que coma unha santa compaña ou alba de groria segue inspirándonos o horizonte propicio para cada comunidade parroquial.

Blanco Torrado, Alfonso
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora