Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Cen anos da fonte de Picachá

viernes, 18 de noviembre de 2011
Cen anos da fonte de Picach A fonte de Picachá ven de convertirse en centenaria. Completa un século de existencia dando de beber a varias xeneracións de Roibeira, do Piñeiro, do Barallobre, de Brabío, de xentes de Betanzos en xeral que alí se desprazan e nas últimas décadas a xentes de moitos puntos dos arredores que alí se achegan en vehículos a coller auga.
Cada vez hai máis xente que se resiste a beber “auga tratada”, é dicir clorada, e tampouco a consume embotellada dende non se sabe canto tempo, e que acode a fontes que lle merecen confianza, tal a de Picachá, a de máis sona da bisbarra pola calidade da súa auga. Os concellos a poñer letreiros de “auga non tratada” e a xente a levar para a casa “auga non tratada”. Cando se tratou?, pregúntanse os usuarios de sempre.
Certo que a contaminación aumentou considerablemente nos últimos tempos, á que non é allea o uso de pesticidas, praguicidas e abonos químicos con excesiva alegría ou abuso. Os concellos, ademais de poñer letreiros que non evitan o consumo, deberían procurar que as fontes estiveran nas mellores condicións posíbeis: realizando controis periódicos e con información deles na mesma fonte, controlando posibeis vertidos nas inmediacións e evitando filtracións e con limpeza constante dos seus arredores.
Non é a de Picachá a máis antiga das fontes betanceiras: a da Cangrexeira, a da Acea, a dos Anxeles, a de Diana (inaugurada en 1866) gáñanlle en antigüidade, por non falar do pozo da Fonte D´Unta, reconvertido modernamente en fonte, que é o máis primitivo da poboación, xa citado no seu documento fundacional. Mais agora, a de Picachá, que é unha das nosas fontes máis fermosas e famosas, xa pode presumir de centenaria.
En 1911 o Concello, presidido por don Calixto Leis, decide facer unha fonte entre os lugares de Roibeira e O Piñeiro, en Brabío á beira do Mendo. O deseño da fonte débese a un membro da interesante familia dos Martínez Santiso, Francisco Javier, home polifacético (profesor, artista, precursor da fotografía...) que durante algún tempo traballou para o Concello como “inteligente” de obras municipais. Temos lido informes seus sobre fontes betanceiras que son unha auténtica delicia pola florida prosa e pola sabiduría que amosa sobre o tema.
Non vou describir esta fonte tan coñecida. Só citar a súa elegante fasquía clásica como un templo en fina cantería, con dúas parellas de semicolumnas flanqueando o friso, o escudo da cidade no seu centro con dous animais mariños a sostelo a xeito de tenantes, o nome labrado entre os dous canos nunha especie de cartela, e o ano de erección enmarcado enriba dunha vieira.
A obra da fonte, que se inauguraría a remates do ano 1911, quizá coincidindo coa festa parroquial do San Martiño, acórdase na sesión supletoria celebrada pola Corporación municipal o 5 de maio de 1911. Da súa execución encargariase o canteiro don Jacobo Crestar Faraldo. Na sesión supletoria do 7 de xullo do mesmo ano apróbase un replanteo do proxecto orixinal, efectuando variacións. O novo presuposto ascendía a 1.520,90 pesetas, outorgando a Deputación Provincial unha subvención de 1.000 pesetas. Uns meses despois, este organismo concedería 2.000 pesetas máis para o arranxo do camiño ata a fonte. Todas estas informacións limolas no Libro de Actas Municipais dese ano 1911.
Non se pode dicir que a fonte de Picachá inspirara a musa dos poetas, tal a grega de Castalia, aínda que houbo algún que o intentou, como o autor do soneto publicado no periódico local La Aspiración unhas semanas despois da inauguración. Asinado por un tal Mauro Jardeñón, que non sabemos se é nome real ou seudónimo, empezaba así:

La fuente de Picachá

Corred a Picachá niñas hermosas
de Brigancia la fiel fama y orgullo
y alegres disfrutar con el arrullo
de las aves que os miran envidiosas.

Que allí cabe las bóvedas frondosas
de mil ramas cruzadas en barullo
bella fuente hallaréis, cuyo murmullo
hiere el espacio en notas cadenciosas.

Bebed con fruición el agua pura
de esa moderna y tan vistosa fuente
prodigio de virtud, pues se asegura

que su agua limpia, fina y transparente,
fresca en verano y en invierno tibia,
es germen del amor y al cuerpo alivia.

Tendo en conta que estaban en pleno inverno, cabe pensar que as nenas fermosas de Brigancia non terían moito apuro en correr a Picachá a beber con fruición.
Anos despois, en 1951, Vales Villamarín dedicoulle ao promotor e fomentador entre nós do cultivo do lúpulo, Raúl Fernández Meás, uns versos que dicían así:

Como quen non quer a cousa, paseniño, paseniño,
vai inzando de rodrigas a bisbarra mariñá.
¿Que nos lupuliza todo? ¿Que imos a quedar sin viño?
¡Fora penas! Beberemos... auguiña de Picachá.

Hoxe non hai tal cultivo de lúpulo a rivalizar co do noso viño, que tenta mellorar no seu cultivo e elaboración, e seguimos a beber auguiña de Picachá. E tamén viño da terra.
E, entanto imos bebendo, felicidades á fonte de Picachá polo seu centenario.
Torres Regueiro, Xesús
Torres Regueiro, Xesús


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES