Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Hemianopsia do clínico

miércoles, 16 de noviembre de 2011
Non; non a teimei cos termos raros. Espero poder explicarlles o uso aquí do termo “hemianopsia”, que no argot médico serve para designar a visión coa metade da retina dun só ollo, e, ás veces, dos dous. As mulleres embarazadas tamén poden ter hemianopsia temporal.

O que eu quero é facer unha extrapolación deste termo ao exercicio da profesión médica, para referilo á relación médico-enfermo, mellor, médico-subxectividade do enfermo. E non se alarmen, porque non se trata, nin moito menos, de facer unha crítica, senón de comentar un feito e unha situación, da que non ten culpa algunha nin o doente nin o médico, agás as excepcións inevitables.

Sen embargo, uns e outros acúsana nas súas conversacións cando ambos afirman que nunca se recolleu tanto historial clínico do paciente, e, o mesmo tempo, que nunca se exerceu a profesión médica con tanta desvinculación da integridade da persoa, reducida ao uso dun número e a unhas cantas anotacións
na correspondente ficha.

Pois ben; segundo parece, hai dabondo verdade nas dúas afirmacións, e, polo tanto, isto faise acredor a algún comentario, que vou verter en categorías zubirianas para ofrecerlles unha maior precisión. Para iso reitero o uso dos termos “substante” e “suprastante”, que adxectivan á subxectividade humana, na que descubrimos dúas facianas: aquela na que o home/muller está “por-debaixo-de” as súas propiedades, coma cando soporta un proceso dixestivo, a circulación sanguínea, o seu aspecto físico, etc. (subsectividade substante), e aquela outra onde priman a súas propias decisións, a liberdade nas súas opcións para elixir entre as posibilidades que constitúen o seu contexto, converténdoas en realidades, que van configurando a súa personalidade a través do tempo. Aquí o home/muller está “por-enriba-de” (subxectividade suprastante) as propiedades que, a mercé destas decisións libres, vai adquirindo, e que se coñecen como “propiedades por apropiación”.

Pero hai algo que non debemos esquecer: que ambas dimensións están unidas no home/na muller formando a súa ÚNICA realidade persoal. Xustamente por iso, aínda que poden ser consideradas metódicamente coma distintas ós efectos da súa mellor comprensión, son só dúas facianas da mesma moeda.

Vaiamos agora ao fundamental na relación médico-paciente. Nunca se atendeu tan ben ao enfermo considerado na perspectiva de suxeito substante, posto que hoxe dispénsaselle unha atención clínica esmerada, con diagnósticos avaliados polos métodos científicos máis avanzados, cos que se acadan diagnoses en un grao elevado de acerto. Para reforzar esta tese faigamos un pequeno recorrido neste campo da investigación médica.

As patoloxías hereditarias poden remitirse ó campo da xenética, no que incluso se abren perspectivas de corrección, tomando referencias xenealóxicas; as cronopatoloxías son tratadas por pediatras ou especialistas en xerontoloxía; a sexoloxía está atendida por expertos na materia, adecuadamente preparados; determinadas patoloxías que cursan coma endémicas son obxecto de estudo nos mesmos países nos que se orixinaron, e, xa para terminar, consideremos que os medios dixitales permiten que os facultativos que teñen ao se cargo algún enfermo concreto poidan estar en constante comunicación e realizar intercambio de opinións, e, neste orde, os médicos de atención primaria reciben información dos clínicos especializados para continuar eles a súa labor debidamenrte documentados. Sen dúbida, os servizos ambulatorios son tamén bos.

Pero…todo está referido ó enfermo como substante, e é nesta liña na que está xustificado o optimismo e o conseguinte recoñecemento ó servizo médico. Sen embargo, temos que preguntarnos que ocorre co paciente como suxeito suprastante, porque aquí non cabe o mesmo grao de optimismo: a cotián rutina científica dos facultativos, coa minusvaloración ou marxinación de todo o axiolóxico, as condicións de traballo, certas actitudes e disposicións persoais, adquiridas no contacto cunha estreita parcela da realidade patolóxica do enfermo, levantan un valado que poucos profesionais están dispostos a choutalo para incorporar á diagnose a subxectualidade suprastante do doente, rachando, en non poucas ocasións, a unidade integral da persoa enferma.

E nesta liña hai denuncias dabondo, implícitas unhas e explícitas outras, de prestixiosos científicos con unha visión plenamente humanitaria da realidade humana, coma é o caso de Krehl e Von Weizsäcker, e Rof Carballo (“Biología y Psicoanálisis”) e Vega Díaz (“El hombre y su corazón”), para citar un par deles estranxeiros e outro par de compatriotas, que avogan por unha mentalidade médica máis antropolóxica, é dicir, máis abarcante. Marañón e Laín Entralgo tamén abordaron esta temática con excepcional acerto e abondosa documentación, e non falemos de Diego Gracia.

Isto é todo o que quería dicirlles: Aproveitando as categorías zubirianas e extrapolando un termo médico, penso poder afirmar que estamos aquí na presenza, metafórica, por suposto, dunha hemianopsia do clínico, embazado nos contidos da súa especialidade. A metade da retina non lles recolle a imaxen suprastante do home; pero as correccións terían que vir non só dos facultativos, senón tamén, e principalmente, dos que teñen a responsabilidade de dirixir os servizos públicos de saúde, cunha organización imaxinativa.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES