Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Versos no rodicio

miércoles, 16 de noviembre de 2011
Hai aproximadamente 15 días chegou a min un libro de poemas, titulado Os de sempre, que lin con especial cariño por ser o agasallo dun amigo, que con brillo nos ollos me falara anteriormente dos versos do seu avó. O meu amigo é o neto de Cayetano González García, coñecido na vila de Mondoñedo como “Rebegón”, que finou o pasado 13 de xuño.
Rebegón era carpinteiro e picador de pedras de moer gran, pero sobre todo, segundo as crónicas, era un espírito inquedo que participou activamente na vida social e cultural de Mondoñedo, chegando a ser pedáneo da súa parroquia e colaborando ata a morte na publicación semestral Amigos da Cidade de Mondoñedo; onde os seus veciños podían ler en verso a visión que tiña do mundo, do seu mundo, da súa xente; daqueles que o rodeaban e que dalgún xeito quería impulsar á unión, a pensar en colectivo e a comprender que xuntos poden medrar mais e mellor:
“Labradores deste pobo,
pequenos e medianiños
cambiade uns cós outros
e comeredes saniño”.

Noutro poema dilles:
“Non vos gardedes secretos
por fastidiar ó do lado,
traballade ombro con ombro
teredes bon resultado”.

Con ollos de muiñeiro, o poeta vai degrañando as verdades da súa propia realidade, converténdoas en verso que lles abra os ollos aos seus irmáns e os impulse a construír o pobo que queiran ser. Rebegón concibe a parroquia (no sentido territorial da palabra) como unha auténtica comunidade humana que precisa medrar en colectivo, fuxindo de individualismos absurdos nos que todos acaban perdendo. No poema Crear ambiente, anima aos seus veciños a coidar o entorno que lles é propio e que os une: a manter limpas as pistas, a rozar as chousas, a coidar as árbores e a facer entre todos un lugar habitable. No seguinte poema, que titula A cultura, defende a inquedanza intelectual fronte ao botellón. Unha inquedanza que el mantivo ata o seu pasamento.

O trasfondo social e político dos poemas de Rebegón lévano a tocar temas tan delicados a nivel local como o caciquismo, a vida que levan os señoritos ou a prostitución. Pero tamén podemos atopar temas históricos, como a condena e decapitación do Mariscal Pardo de Cela cando xa fora indultado pola raíña Isabel “a católica”, que lle entregou dito indulto a súa dona Isabel de Castro. Cando regresaba para Mondoñedo, dona Isabel foi entretida (léase retida) interesadamente por un grupo de coengos, que lograron así que se consumase a execución. Sobre este feito versa o poema O pasatempo .

Os versos de Rebegón gozan da intransixencia dos homes xustos, que non calan ante a falla de ética de quen os rodea. Rebegón é un home dunha peza que non ten nada que esconder, por iso se pode permitir unha crítica sen tregua a aqueles que teñen como obxectivo medrar a conta dos demais.
O seu estilo lémbrame a aqueles sermóns de Entroido, nos que se aproveitaba a anarquía de don Carnal para dicir con todas as letras o que un pensaba de determinados temas políticos ou de persoas da parroquia. Naqueles sermóns falábase da parcelaria, de persoas do pobo, da libertinaxe da xuventude ou das barras americanas. Dalgún xeito os poemas de Rebegón, tamén poñían sobre o papel o que outros nin imaxinaron pronunciar. A pluma valente de Rebegón propón facer sermóns todo o ano para non calar ante a inxustiza. De certo, cada poema, é un sermón (individual ou colectivo) que trata de fomentar condutas éticas e dignas de confianza por parte dos veciños. Isto parece que é todo o contrario do que facían os políticos locais, dos que o poeta mindoniense di:

“Nas eleccións ri que ri,
falando de moitos feitos
desque as gañan e pasan
xa se acabaron os preitos”

Os de sempre, é a crónica poética do Mondoñedo que pasou polos ollos dun muiñeiro que xamais deixou de ter alma de neno:

“Eu son o neniño
da veira do mar,
que co seu sorriso
podía nadar”

É interesante fomentar dende os concellos e deputacións a creación cultural e artística local; impulsando publicacións como esta, que reflicte a crónica non só dunha vida, senón tamén dun pobo. Potenciar a creatividade local é potenciar a inquedanza, a construción colectiva, a vida social e a cooperación entre veciños para medrar xuntos. No fondo, facer unha boa política cultural dende a administración local, non é tanto cuestión de cartos como de vontade.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES