
Somos dos que buscamos con nostalxia a compaña dun río, para compartir co curso das augas as nosas inquedanzas e ilusións, e cadaquén ten o seu, o río da súa infancia, pero tamén os colectivos nos que renacemos a novos horizontes de vida, que nos dan outra carta de natureza coma chairegos, adoptamos estas sendas fluviais, coma camiño ateigado de luz.
Esta patria poética coa que soñamos, que é a Chaira, está a concentrar no Madalena un dos seus recantos máis entrañables.
Unha pedra chantada, firme, celebra a nosa fala chairega que descubriu o Ramón Lamote de Paco Martín. No 2º hectómetro literario, Os soños na gaiola, Manuel María convida a liberarnos de frustracións e medos, e facer voar os nosos devezos de dignidade. Un libro aberto con letras vermellas perpetua o berro de Agustín Fernández Paz: O único que queda é o amor, nunha fervenza de formas e olladas alongadas de amantes apreixados nun camiño sempre fresco coas pingas do gozo
E de vagar, na árbore dos soños, penduramos e compartimos os nosos, os que estamos a enxergar arestora, entre as súas ponlas e follas, como fai Xabier P. Docampo nos seus contos aprendidos dos avós, ata cravar a nosa ollada e o noso corazón, nas páxinas alucinantes do señor da palabra, Darío X. Cabana.
Pero, agora, a máxia non fai máis ca medrar o caudal de sentimentos e cantigas do río amigo, asemella que as ocorrencias de Xosé M. Carballo, ata encantan o seu leito
, e un paxariño ou un peixe, real ou imaxinario, que acubillou na chisteira do ilusionista, ponse a brincar co camiñante, e o lombo do río riza en sorrisos e gargalladas, ata envolvernos cunha emoción rebordante, E coa súa palabra máxica convídanos a xogar cos aros e a fantasear coa baralla
O Madalena tornouse neste treito nun malabarista das nosas emocións, e as viaxes con él, son máis feiticeiras e sorprendentes.