Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Afirmación da Ourensanía

lunes, 14 de noviembre de 2011
Dende as imponentes cimas de Trevinca, irtos cumes do Eixo, Pena Negra e Pena Surbia, proclamamos, aos catro ventos e con orgullo, a grandeza de sermos ourensás. Dende as serras de Queixa, San Mamede e O Invernadoiro, desafiantes, esgrevios cotos de Cabeza de Manzaneda, Pico do Seixo e Pena Nofre, alí onde medran pouco o carballo reboleiro, a sobreira e mailo acivro, onde cheira a lavanda e arando -penedías nas que foxe o lagarto arnal, oubea o lobo, entoca o porco bravo, chouta a cabra montesa e cría a donicela baixo o ollo sanguiño da águia maxestosa-, dende os máis elevados confís do noso territorio, ao que os antergos chamaron Ourense, dirixímonos ao mundo enteiro. Da Serra Faladoira ao Faro de Avión, da Raia Seca con Portugal ao Testeiro e Pena Corneira -pasando a pé feito por O Furriolo- recoñecemos como únicas estremas os océanos e mares do planeta. Do Caribe ao Índico, do Atlántico ao Pacífico, temos veciñanza con tódalas augas salgadas; porque Ourense tamén chega ao mar.

E así, de primeiras, asentamos a ourensanía na nosa terra e no noso pobo, estirpe e raigame, coraxe e aventura. Convidámosvos, pois, a entrar nela e a descubrila, por onde mellor vos cadre e pete. Podedes facelo por Oriente, onde nace, ou por Occidente, onde permanece. Ben seguro que vos deslumbrará o encanto de países que responden por nomes podentes e sonoros: O Bolo, Valdeorras, Trives, A Serra, Caldelas, A Frieira, A Ribeira Sacra, Baroncelle ou Monterrei, A Limia -baixa e alta- entendidas como A Veiga de Antela, Pé da Serra, Bande, Terra de Araúxo, O Xurés e O Leboreiro, a Terra de Celanova, o Couto Mixto, ambos e dous Ribeiros -o de Avia e o de Miño-, A Arnoia, A Peroxa, Allariz, Maceda, Os Chaos de Amoeiro, Orcellón, Castela, Cusanca e unha miga, aínda boa, da Terra de Montes. Veleiquí o humus nutricial, a ourensanía disposta diante dos vosos ollos.

Sabido é que os símbolos convocan. Como representación da ourensanía propomos o trisquel. Trepia de espirais inscriptas na roda, círculo do ser e o universo, mente e alma en harmonía, movemento constante do vero evolutivo, un buligar de máis de dous mil anos. O sarillo como engranaxe de noso co rodicio da Historia. Movémolo coa forza do cachón hidráulico, o ímpeto das enxurradas, o rebordar de presas e cales… Augas de neve que baixan de cristal, gorgullón das caldas fervendo -inmellorables, as nosas, pra sandar os males do corpo e dar quentura ao espírito-, fontes de saúde: Ourense, o grande milagre da auga.

A ourensanía resulta pois, principio vital e creador, pulo e arrauto. Algo deso ao que lle chaman poesía; raiola asolagada no espello dos ríos: pai Miño, Sil bruante, longo Arnoia, Limia do esquecemento, Búbal estreito e lizgairo, Támega que chega ao Douro, Avia de acios gorentosos e milleiros de regatos, un por cada reguenga ou val. E como non, esoutra frescura interior, a de soutos e carballeiras… Tamén podémonos reclamar a fartura da pedra. Ourensanía pecha no monte, apenas o lombo ao sol, arrincada polos pedreiros na canteira, rachada e picada en groso, posta en homenaxe polas antigas tribos: ántoas misteriosas -todas cara ao nacente-, airas dos mouros, marelas torres medievais envoltas en couselos, esplendoroso estoupido do románico e do barroco nas eirexes e conventos; petos de ánimas, cruceiros, pías, balados... A baruda voz da pedra gra, verbo da plebe que labrou nela releves coas fazañas e crueldades de bispos e señores, santos e mártires, por tras deles, sempiterna sombra da herexía... De pedra a casa, o lar e o rostro dos avós, de pedra o cabaceiro e maila sepultura.

Ourensanía que agroma na bravura da paisaxe, humanizada en terreos distintos, ben servidos: eidos, veigas, nabeiras, corgos, tomadas, lameiros, chousas, devesas, eixidos, socalcos.. En fin, pequenas e grandes latitudes, todas con nome propio, mensura inabarcable da labranza e a suor. Leguas de pan escaso sen compango, marcas da miseria, fame vella no brillo das olladas.

Ourensanía das nosas xentes indómitas e laboriosas. Matria do traballo na procura de vida, busca de sustento embaixo e darredor, de eiquí pra eilí, sen acougo. Agarimo no colo das nosas mulleres que saben arar fondo, nunca mansas, narrativas, cinguidas de aceiro. Ourensás ateigados de soños e ilusiós, cativa equipaxe pra percorrer tanto mundo. Escadasí, espelidos e botados pra diante, tanto nas breas e congostras aldeás coma no asfalto das autoestradas. Así somos nós. ¡Ai eso si! E sómolo porque nada nos pon medo, porque sabemos andar sen camiño nin carreiro, porque fomos dar lonxe, moito máis alá do alén… Ourensanía tamén a da espranza do regreso, a da mestizaxe con autros e autras, tan trasterrados e humildes coma nós.

Non, Ourense non é, nunca foi, así sen máis, unha provincia. Impuñéronnos esa denominación á forza -pra rebaixarnos e xunguirnos coa canga da ignominia- no ruín reparto de Xavier de Burgos. ¡Malia o ano aquel de 1833! Tampouco foi de cobiza a vedraia división do Reino de Galicia. ¡Quia! Non somos partidarios de señoríos e condados opresores. Huxe, reintegración ningunha. Acáenos mellor a República Ourensá das Artes e das Letras. Utopía que podería principiar coas cantigas dos xograres Roi Pai de Ribela e Fernán Paez de Tamalancos, seguida do Teatro Crítico Universal de frei Benito Jerónimo Feijoo, o ilustrado de Casdemiro…

De por parte, a ourensanía non pode ser tomada como localismo reloso e mesquiño, tampouco forma parte do cosmopolitismo papaleisón, peste dos vimbios que nos invade hogano. A ourensanía vai no xeito de andar e de interpretar o mundo. Así é como debemos recoñecernos nela; como o que somos, como o erguemos que falamos.

Por algo, dende o paso do latín ao romance, vimos dicindo iste, il e acolá, nomeamos chau, vrau e barreirao, faguemosndo o plural en “os” e “ois”, chamando de tu... En definitiva, o galano dos devanceiros abrangue fonética, morfoloxía e sintaxe, rasgos que se non poden perder nunca.

Quede claro enton, que a ourensanía xorde dun sentimento fondo, que vai dentro e connosco, presente alí onde haxa un d´Ourense. A ourensanía está en Newark, Barcelona, París, Bilbao, Düsseldorf, Berna, Manila, Sydney, Melbourne... Radica de vello -e ten dado bos froitos- na Habana, Buenos Aires e Montevideo. Seguimos sendo ourensás na América toda; de Canadá a Venezuela, de México e Panamá á Patagonia arxentina. A cidade de Ourense, con ser a capital, non é, nin moito menos, a nosa única urbe. Temos cosmópoles espalladas polos cinco continentes. En todas nos recoñecen como individuos finos e pándigos, imaxinativos e atinados, con humor e sentidiño, endexamais andamos ás toas, vémolas vir antes de que cheguen. Impulsar a ourensanía en liberdade esíxenos a todas e a todos os ourensás, descendentes e achegados, un maior esforzo, un compromiso solidario. Só así conservaremos o que nos caracteriza e distingue. Só así poderemos deixarlles en herdo aos nosos fillos o don de ver medrar a herba.

Ningunha definición, das moitas que circulan, de boa ou mala fe, acáelle á ourensanía. Rexeitamos, por suposto, a denominación de “terra da chispa”, considerámola unha simpleza inadmisible. Gabámonos do mérito de sermos berce de afiadores e paragüeiros. Os mestres da tarazana e do barallete, prestixiaron e elevaron a ourensanía. Outro tanto ocorreu cos arguinas, cordaneiros, ferreiros, carpinteiros, cesteiros, zoqueiros, coroceiros... A arte maiúscula dos oficios. Gremialmente coma eles, chegados a este punto, recollemos a ferramenta antes de porlle ramo á obra, prometendo defender, con valentía e dignidade, a condición ourensá.

Mais, pra afirmármonos de verdade, cómpre achegar memoria dos que xa non están connosco: Manuel Curros Enríquez, o rebelde, Lamas Carvajal, Marcelo Macías, Saco y Arce, Juan de la Cova y Gómez, inventor do trampitán, García Ferreiro, Nan de Allaríz, Parada Justel, Losada Diéguez, Otero Pedrayo, Vicente Risco, Cuevillas -xeración que naceu de Nós-, Basilio Álvarez, Xaquín Lorenzo, Manuel Luis Acuña, Roberto Blanco-Torres, Alexandre Bóveda, Delgado Gurriarán, Xavier Bóveda, os irmaus Augusto e Álvaro de las Casas, Eugenio Montes, Pepe Velo, Xosé Lois Parente, Cándido Fernández Mazas, Carlos Velo, Celso Emilio Ferreiro, Pepe Suárez, Santiago Álvarez, Ben-Cho-Shey, Rey Soto, Ferro Couselo, Quiroga Palacios, Prego de Oliver, José Luis López Cid, José Ángel Valente, Failde, Taboada Chivite, Chamoso Lamas, Silvio Santiago, Gómez Franqueira, Conde Corbal, Luis Soto, Carlos Casares, Antón Tovar, Xaime Quessada, Pura e Dora Vázquez, Elixio Rodríguez, Xosé Luis de Dios, Marcos Valcárcel, Manuel de Dios, Virxilio e tantos outros ilustres… Brindemos polos que foron, polos que somos, polos que virán.

Collidos da mau, entoando un alalá, despoixa de danzar a Redonda, comendo pan de Cea, bebendo bo branco de Gomariz e mellor tinto de Cabanelas, ao ritmo das aurianas, con especial beizón pra Eduardo Blanco-Amor, por ter inmortalizado Auria, convocamos ao universo dos humanos. Con eles e elas, con tódalas razas, con mornias e bulebules, sucarraus e miñaxoias, lingoreteiros e camoucos, puleiros e pousafoles, direitos e tortos, colegas e contrincantes, xustos e bandoleiros… queremos compartillar, con emoción e ledicia, ourensanía; xeito propio de sermos galegos.
González Tosar, Luis
González Tosar, Luis


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES