Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Impresións, depresións e ilusións

jueves, 10 de noviembre de 2011
Compás social

Desde o anuncio das eleccións xerais para o 20-N levamos uns meses de intensa verbalización política. A prensa, as radios, as televisións e Internet non paran de facer moviola de cantas noticias e frases políticas enxeñosas caen nas súas redes. Esta avalancha verbal, fragmentada e contraditoria, parece provocar bastantes impresións e reaccións negativas na xente do común, esa masa social non encadrada a priori en ningún bando e da que dependerá o resultado final das eleccións. A repetición ata o infinito de determinadas mensaxes ambiguas produce un efecto de saturación mediática que posiblemente mingua a súa credibilidade. Non obstante, as actuais circunstancias críticas empúxannos a soster unha palabra, non a escapulirse sen máis.

Pero, ¿Como superar este panorama de nubeiros cargado de impresións sen escenario seguro?

O esquema da precampaña e da campaña era xa ben coñecido: xuntanzas e linguaxes simplificadas para animar os xa convencidos incondicionais; e para esconxurar os adversarios con palabras fortes, frases e promesas que van moito máis aló das habituais normas do bo saber estar. Trátase dun teatro, dunha catarse colectiva que dalgún xeito tapa e dilúe momentaneamente os problemas e tensións acumuladas. As informacións que os políticos nos están dando velan máis que desvelan moitas cuestións esenciais, aínda que ofrecen algunhas receitas concretas que sosteñen o interese mediático e atenden as expectativas dalgúns grupos sociais. Uns queren convencernos de que este vez pelexarán polo ben da maioría social e outros buscan persuadirnos para que nos sumemos o seu cambio que ao parecer empezou xa. Dúas abstraccións que son difíciles de esmigallar.

Mentres esa verbalización segue correndo, a realidade alanca chea de paradoxos:o pantasma dos máis de cinco millóns de parados reais continúa destilando unha cadea de historias dramáticas que o Estado de benestar, o Estado de subvencións e o esforzo das organizacións asistenciais só lograron amainar, de momento. Segue medrando a gran montaxe sobre o terrorismo, presuntamente vencido, rodeándoo dunha nova e idílica linguaxe política e, ao mesmo tempo, dándolle máis poder institucional, máis organizacións legalizadas, máis medios económicos e máis instrumentos de acción para consegue-los seus obxectivos sen antes ter que render nin contas nin armas. Están recollendo tódalas noces. A misteriosa recapitalización dos bancos e caixas de aforros estase amañando sen que, ao parecer, sexa necesario esixir responsabilidades polas apropiacións indebidas, polas dilapidacións, polos chocolates e sopas bobas engulidas durante anos, polos blindaxes de liquidacións, prexubilacións e pensións vitalicias desproporcionadas e previamente legalizadas. Pero a frustración máis desacougante quizabes sexan as incógnitas da derradeira instancia de apelación cidadán: a xustiza.

Estes problemas e outros do mesmo calado social resultan indixestos para moitos estratos de poboación. Son graves cuestións ás que o debate dos candidatos a penas fixo alusión algunha. Prudencia política? Posiblemente, pero con sabor a ocultación que retrae a necesaria confianza colectiva. Todo iso é o que de verdade importa, desacouga e produce depresións na maioría social, nas persoas e minorías con ética ecuánime, non esguellada por intereses e ideoloxías parciais.

Isto é o que hai, tanto en palabras coma en feitos visibles. Mais a ilusión, -moitas veces unha mestura de inxenuidade e de esperanza-, é a derradeira espera que agora non podemos perder. Unha situación crítica pode converterse nun principio de rexeneración ética, económica e política, que son as tres crises superpostas e acumuladas na sociedade española. Mesmo que teñamos unha crase política, paroleira, descarada e desbocada, distanciada e prepotente, temos que supoñer que conserva o instinto de supervivencia. Unha temperada ilusión colectiva, cautelosa e paciente está á espera de que os grupos políticos dos diversos cores e intereses non sometan a plural sociedade española á fatídica lei do péndulo, senón que reconstrúan a dinámica dun diálogo realmente democrático, sincero e construtivo.

As ideoloxías predominantes neste escenario son a socialista e a liberal, ambas desenvolvidas no século XIX e levadas á práctica no século XX con resultados positivos, negativos e nalgúns casos lamentables. Estes vellos sistemas ideolóxicos en liza teñen algúns principios hoxe desfasados;e ademais non incorporaron aínda novos elementos de pensamento e praxe política adaptada a sociedade globalizada, na que a democracia mediática ten que ser máis afinada, máis repartida, se non quere perecer entre formalismos, oligopolios e outros arremedos. Ademais de erradicar os inmensos estragos da corrupción, o que a gran maioría social pide hoxe as diversas elites dirixentes é un diálogo para un consenso multilateral. Votemos por ese diálogo, e logo esixamos respostas razoables para tódolos espazos e estratos sociais.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES