Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Aquí están os nosos osos...

jueves, 10 de noviembre de 2011
Hai algo máis dunha semana que se celebrou o día de tódolos santos, en tempos de rigorosa celebración, e que eu este ano convertín en festa itinerante.
Supoño que o ritmo actual de vida non permitirá o mesmo rigor na celebración de visitar aos difuntos levándolles flores como ocorría naquel vello cementerio vilalbés dos Castros, que daquela me parecía tan enorme.
Visitante asiduo á forza daquel vello cemiterio, eu de neno, despois da visita de rigor non podía irme sen intentar conseguir unha rama dunha árbore dos coñecidos como "Rabo de raposo" que había á entrada á esquerda. E algunhas veces conseguín levar unha, burlando a presencia do vixiante ou cuidador daquela instalación municipal, que seguro lle importaba moi pouco que un rapaz conseguira unha daquelas algodonosas ramallas.
Daquela iamos ó cemiterio necesariamente a pé, coas ofrendas florais, confeccionadas na casa cos elementos dos que se podía botar man, ramos ou coroas, nas que había auténticos artístas e nas que todos eramos forzosos artesáns.
Aquel vello cemiterio desapareceu hai moitos anos. Se algunha vez foi proporcional a unha Vilalba pequena, houbo que buscar outro acomodo, loxicamente máis lonxe, para que esta instalación municipal fose capaz de acoller o dinamismo social que Vilalba rexistrou a partir dos anos sesenta do pasado século.
Que o traslado do cemiterio se fixo lonxe, preto de Vilate na parroquia de Lanzós, non é cousa de criticalo, pero se aínda agora coa facilidade de medios que hai para desplazarse o Concello organiza un servicio gratuito de autobuses desde a Rúa da Pravia para asistir á misa de difuntos que se celebraba ás cinco da tarde no cemiterio, hai que concluir que lonxe queda.
E tamén que se se construíu cunha perspectiva de futuro non abondo ben precisa, aínda que xa hai ben anos, xa que neste momento está ao límite, tendo sido ampliado hai agora tres anos, con lissta de espera incluída, polo que hai que ir pensando en facer obras de ampliación en terreos inmediatos para prever necesidades futuras.
Porque, visto está, somos máis de enterrar que incinerar, que miles de anos de tradición poden moito e aínda agora a incineración é a opción dunha pequena minoría, e tal como evoluciona tardará en impoñerse maioritariamente entre nós.
Que tamén nesto inflúe o sentido da propiedade entre as nosas xentes que, ademáis de procurarse bens materiais durante a vida, queren -queremos- ter unha propiedade que sexa como unha porta ao máis aló, unha sepultura ou un nicho.
Non esquezamos o que antes se dicía entre as nosas xentes, que entre ter e non ter propiedades viña ser o ter ou non ter "onde caerse morto", como a necesidade de ter unha referencia física como sostén espiritual ou moral.
Hai algo máis dunha semana desto. Pero aínda que pasou o día, non "pasou a romaría". E aos cemiterios acódese todo o ano. Lembremos o que se di no cemiterio de Trobo: "Aquí están os nosos ósos, esperando polos vosos".
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania