Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Superando límites

miércoles, 09 de noviembre de 2011
Mañá e pasado mañá celébrase en Compostela o XIC11, as III Xornadas Internacionais de Coaching. Para quen non saiba en que consiste o coaching, quizais conveña dicir que se trata dun adestramento e/ou un acompañamento da persoa na procura dos seus obxectivos a través da mobilización do propio potencial. É polo tanto un xeito de estruturar, no espazo e no tempo, as actuacións do individuo cara á súa propia auto realización. A intervención do coach ten que construír un como para chegar ao que, que media entre a situación actual e a situación ideal definida pola persoa. O coaching é cambio, e como cambio require crecemento. Non podemos medrar se non asumimos un risco; por iso o coach debe ser capaz de retar ao coachee, de crer ao 100% no seu máximo potencial e de sacar a mellor versión de cada persoa.

É necesario cambiar a visión do coaching que ten a sociedade. Esta metodoloxía non ten porqué estar necesariamente reservada ao mundo empresarial, executivo, político, deportivo ou artístico, senón que o coaching pode axudar a ordenar, a progresar, a reestruturar ou mesmo a cambiar o camiño de calquera persoa. Isto é así, porque en realidade non pode haber unha vida plena sen obxectivos, xa que só os obxectivos nos fan medrar impulsándonos a recorrer o camiño citado anteriormente.

Poderíase dicir que o camiño que media entre a situación actual e a situación ideal que marca o obxectivo, define o aspecto fundamental do proceso de coaching; non entanto, quen se forma como coach, experimenta un cambio persoal que vive intensamente e que supón un tránsito entre dúas visións do mundo. Formarse como coach é moito mais que adquirir un título oficial que acredita que a persoa é válida para a profesión.

Formarse como coach é un proceso de crecemento interno que agroma dende o fondo do propio ser; analizando o que é, para saber o que quere ser. É este un proceso doloroso que leva a un a darse conta de moitos fallos que ao longo da vida cometeu.

Pero entón decatámonos, tamén, de que hai dous sentimentos absurdos: a culpa porque nos ancora no pasado; e a preocupación porque nos adianta a un futuro que nunca poderemos prever.

Neste punto, o coaching convídanos a vivir no presente, a analizar o que está nas nosas mans facer en cada momento, a aproveitar día a día o noso tempo e a nosa enerxía, valorándoos como bens perecedoiros e imprescindibles para a nosa evolución vital.

O XIC sempre nos trae nomes interesantes e importantes no mundo do coaching a nivel galego, español e mundial. Nesta edición contarase con coaches tan fundamentais para a profesión como Robert Dilts, un mestre en programación neurolingüística (PNL), que na tarde do venres nos ensinará como desbloquear ás persoas para que accedan ao seu propio auto-coñecemento, e polo tanto, ao seu verdadeiro potencial. De México chegará Mavi Oliva para falarnos das emocións como panca da eficacia directiva. Posteriormente o amigo Daniel Álvarez Lamas amosaranos a etapa socio-emocional que nos é propia; para seguir con diversas mesas de experiencias.

No segundo día desenvolverase un taller práctico de rendemento mental a cargo de Gonçalo Gil Mata (Portugal) para despois continuar coa conferencia de Gregory Cajina cun título tan provocador como o de “Coaching para emprender. Despide a tu jefe”. A partir das 11 da mañá terán lugar 3 obradoiros en paralelo: o primeiro tratará o tema da xestión apreciativa nas empresas, e será impartido pola tamén amiga Alicia Aradilla Sequera; o segundo leva como título “A visualización do ilímite”, e será impartido por Manuel Rivero e o que escribe este artigo. O terceiro será dirixido por Deborah Bacon Dilts, e leva por título “La Danza de los 5 ritmos”.

Á tarde empezará co obradoiro de Tim Bowler (Gran Bretaña) e Charo Pita (Santiago) que nos falarán de “Fórmulas de encuentamiento. Storytelling y storytellers”. Seguiremos o programa con “Como contarte a través del blog. Identidad 2.0 del coach”, a cargo de José Luis del Campo Villares. Posteriormente Belén Varela disertará sobre “Las personas en las organizaciones: historias de amor y odio”.

Para pechar esta 3ª edición, May Maceiras, campeona de España de poker en categorías masculina e feminina, impartirá un obradoiro sobre a linguaxe non verbal.

Con este programa xa se pode dicir que o XIC vai constituír novamente unha oportunidade para medrar, para saír do noso acomodamento crónico e arriscarnos a ser mellores. Sobre todo van ser dous días de compartir intensas emocións, que sen dúbida farán correr regueiros de tinta por Internet nas vindeiras semanas.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES