Símbolos que ofenden
X.X. - jueves, 04 de noviembre de 2004
De cando en cando aparece o tema dos símbolos doutros tempos como arma arroxadiza entre partidos e persoas, para evidenciar que se na actualidade non existen dúas españas tampouco deben pervivir os símbolos que as caracterizaron.
Falo de placas, escudos, estatuas, esculturas, lendas... que afectan a xentes que sufriron un tempo longo e difícil para todos, pero máis para os que estaban significados en favor da lexitimidade existente antes de xullo de 1936. Moitos destes símbolos foron desaparecendo co paso do tempo, e polas accións dos que pretenden normalizar unha situación que a ninguén beneficia.
O tempo vai pechando feridas á vez que vai facendo desaparecer ós protagonistas dunha historia que se nos antoxa lonxana e non o é tanto, xa que quedan moitos afectados, directa ou indirectamente.
Para moitos, os símbolos que permanecen visibles non dañan a ninguén, xa que son froito dun tempo que todos vivimos, cadaquén na súa situación persoal.
Pero outros moitos ven neses símbolos a continuación dunha agresión. E hai que entender ós que sufriron física e animicamente unha determinada situación. Que trascende de pais a fillos, xa que a segunda xeración sufríu tamén, ou escoitou, ou notou ese sufrimento.
Eu vexo ben que eses símbolos desaparezan.
E se forman parte de monumentos ou conxuntos dignos de conservar, sempre se pode facer como con moitas excavacións arqueolóxicas situadas en lugares que imposibilitan a súa conservación: mídense, fotografíanse, estúdianse... documéntanse, en fin, abundantemente. E logo, arrásanse. E non pasa nada.

X.X.
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora