Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Facer País

martes, 08 de noviembre de 2011
MERO (Baldomero Iglesias Dobarrio) ao recibir -xunto con MINI, Xósé Luis Rivas Cruz- o premio FACER PAÍS, en Láncara (Lugo):

“FACER PAÍS”, neste NOSO PAÍS, supón loitar indefinidamente. E é así por dúas razóns nas que unha, é doada de entender e moi perceptible: “Facer País” semella difícil porque se nota pouco, ...sobre todo vendo o moito que sempre queda por facer.

A outra razón pode ser: porque o que se fai leva moito tempo, con pasos lentos, pouco firmes, e nos que apenas se notan os avances feitos para repoñernos de séculos de, ...chamemos silencios. Por riba acontece, e é o caso, que en moi pouco tempo vén unha nacida desfacer todo canto estaba empezado. Todos sabemos o doado que é desfacer, moito máis que compoñer ou construír. E se esa destrución vén dalgún tipo de poder ou lugar de dominio que goza de medios e os emprega para desmantelar, fan máis dano alí onde habitan os elementos máis fráxiles, como a Nosa Lingua. Xa se sabe: sempre eses poderes políticos estarán sometidos a poderes financeiros que son sinónimo de corrupción e abusos. Hoxe está todo isto ben á vista. E aquí estamos entón, sabendo quen peta á porta.

Pero qué é, logo, hoxe e agora, FACER PAÍS? Ata onde hai que loitar, ...onde está a raia que indica: “podes parar”, “chegaches”, “descansa”. Sabemos que o mal non existe se non hai alguén que o promova. Neste País Noso, polas razóns que dixen e outras que todos sabemos, non hai descanso: mesmo antes da liña de chegada sempre hai outra xa de saída, a cada logro acadado aparecen novos desafíos. Estamos condenados a resistir para existir, e así faremos, ...non pode haber abandonos. Facemos falla todos e moitos máis, temos que erguer para abeirarnos, para protexernos, para repeler, para sufrir menos. Todo isto sucede mentres non sexamos quen de facer algo moi sinxelo: “querernos, querernos a nós mesmos”. E, desde ese amor, querer ser quen somos e, logo, desde ese ser quen somos, exercer o que somos con total normalidade”. Vivir, en nós e o noso! Mentres isto non suceda, cando nos preguntemos que é FACER PAÍS, teremos que dicir que é loitar continuamente. Unha loita de resistencia, unha loita sen violencia, PERO SEN RETROCESOS! Nós, seguiremos preferindo estar mortos antes que escravos. Non podemos deternos, é unha loita en todas as frontes posibles.

A nosa forza e as nosas conviccións non permiten xogar co tempo, porque non hai tempo que xogar e, moito menos, que perder. Temos que arredar do mal que outros patrocinan. É unha loita –A NOSA- egoísta e egocéntrica, si, ...mais en defensa propia e por sobrevivir. Polo tanto deixa de ser embiguismo para ser un acto sublime de reposición e xustiza, de supervivencia. A nosa loita é a de todas/os os que nos sabemos galegos en exercicio, unha loita defensiva para acadar o que nos corresponde: a nosa existencia en plenitude, sendo –nada máis, pero nada menos- quen somos! Sabéndonos posuidores do que é noso, nesta marabillosa herdanza feita vida, cultura, lingua, terra e paisaxe, xente e personalidade propia, plural e de diversidade, a mesma que enriquece o mundo enteiro aportando a inédita maneira de entendernos, ...cabalgando as manifestas singularidades que agochan ritos, mitos, crenzas, cantigas, contos e lendas, tradicións creativas, ...e despexan néboas e procuran sempre novos amenceres, chegando máis alá dos territorios do entendemento, chegando mesmo a navegar nos soños. Unha loita na que falamos, escribimos, deseñamos, creamos, fundamos e fundimos aconteceres e encontros, lideramos iniciativas, imaxinamos novos horizontes, provocamos futuro con felicidade propia e allea, reconfortándonos no noso tesouro, xerando máis vida e porvir.

É, neste espazo, no que cantamos e bailamos para espantar o mal que nos ameaza! Todos nós, sabemos, é unha loita difícil, supón recuperar memoria (semente de verdade, de liberdade e futuro) e con ela a vontade de ser quen somos e non outros. Nós non temos ningún complexo e menos de inferioridade, nin estamos ensimesmados. E nós non renegamos de nós nin traizoaremos á orixe. Ese problema será de outros e Terán eles que se mirar no espello. Por iso, esta loita é a única que fai e pode Facer País. Unha loita en pé de feitos, porque a nós xa non chega a indignación e o enfado, cómpre esixir evidencias no labor reconstrutivo de nós e do Noso, da Nosa Propiedade, fundamentada en elementos conciliadores de convivencia, integración e de cohesión social, fronte ao “dereito de pernada” que outros invocan, interpretando leis contra a razón e o
dereito.

Sabemos tamén que esa loita non acaba en ningunha realidade nosa de cada día, e que mesmo en calquera dimensión ignorada que habitemos, teremos que seguir resistindo para a recuperación da Matria. Alá estarán loitando, claro que si, e dándonos azos as moitas Rosalías de Castro, Curros e Pondais, Castelaos, Bóvedas, Laxeiros, Manueles María, Fices Vergara, Anisias Miranda, Susos Vaamonde e Chanos Piñeiro, ...tantos e tantas que amaron indefinidamente e, por amar, loitaron; sen lle poñer lindes nin ao amor nin á loita. Esa é a razón: a nosa loita é por amor! Temos a obriga de seguir insistindo e, xa que logo, rebelándonos contra aqueles que se arroguen o poder e o empreguen para negarnos e negar a nosa dignidade.

Arrepoñerémonos a aqueles que a ataquen practicando ese facer sibilino e colonialista de desprezo e de xenocidio cultural. Nós, na nosa pequena parcela, seguiremos cantando e anunciado a vitoria que a razón e o dereito dos Pobos nos outorga! Porque nos corresponde! Nós, por amor, cantamos o noso canto, ...que é o voso canto, que é o canto de todos. Por amor, ...só por amor!

E na memoria, cando evoque o pasado e faga xustiza no tempo, gardaremos constancia tamén destas pasaxes lamentables e dos que se fixeron protagonistas e colaboradores da triste historia de odiarse, mequetrefes de baixo custo que así se venderon. Estaba previsto, ...que saiban que o futuro é noso, mal que lles pese! E que non poderán nunca roubarnos a esperanza!

Por último, neste momento feliz de hoxe recibir este premio, honrados nesta tesitura que nos aloumiña, non calamos, coma sempre fixemos. Pensamos que é unha obriga, agradecida e necesaria. Pero, por riba desta declaración de preceptos, hoxe e agora, queremos manifestarvos o moi agradecidos que vos quedamos aos organizadores e colaboradores. Estas cousas fannos cargar as pilas e seguir erguendo, cada día, das nosas propias cinsas, ...de verdade! Grazas, David, Xurxo, Ferrín, ...amigas e amigos todos, por este bálsamo na ferida, do común e continuo camiñar, seguiremos fronte á maldade e á ignorancia. Grazas por acompañarnos, por virdes canda nós no empedrado do camiño marabilloso, que resulta ser a Nosa Casa”. Saúde e cante o merlo!. ............................. MERO.
Iglesias, Baldomero
Iglesias, Baldomero


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES