Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

algunhas precisións acerca dos clásicos

martes, 08 de noviembre de 2011
Alguén chegou a preguntarse algo tan estraño coma se, propiamente, hai clásicos. Claro, poñer en dúbida a existencia destos homes/mulleres e ás obras exemplares da súa época induce a precaverse contra a saúde mental do dubitante; pero unha boa dose de sosego, tal vez permita que certas ideas relacionadas coa temática sexan dabondo para suavizar esas precaucións.
Se por clásico entendemos algún xeito de realidade con notas ou propiedades dignas de ser arremedadas, existentes no pasado, non é desatinado dicir que non hai clásicos. O clásico, por ser unha realidade pasada, con sentido, en canto tal, non está no presente. Polo tanto, a súa imitación é sempre inadecuada coa “situación” e está selada coa imperfección e a imposibilidade, porque… ata onde podemos arremedar ós nosos chamados clásicos da literatura e da pintura, por exemplo, na súa propia realidade con sentido contextual?.
Se a realidade artística é un “campo-de-posibilidades”, un “ámbito-de-realidades-con–sentido”, non parece que poida ser “re-producida” nunha “situación” diferente, na que xa non teñen existencia real moitos ingredientes da obra cualificada de clásica. Dito doutra maneira: a obra por imitación, ou aínda por interpretación, ten moi pouco que ver, en canto realidade creada no pasado, coa obra imitada (ou interpretada), porque estas realidades desaparecen para o presente coma “cousas-sentido”: o seu papel no presente non é outro que o de “des-realizarse” como tales, para presentarse (nunca mellor dito!) como posibilidades, das que o home, optando libremente, se aproveita no presente.
Pero non entendamos que pasar é deixar de ser, senón deixar de ser realidades con sentido actual, para devir meras posibilidades incorporadas ao conxunto das que constitúen e definen a nova situación no presente.
Por conseguinte, o clásico foi como pasado, no seu momento, unha realidade, hoxe des-realizada, e así non existe coma non sexa nas posibilidades que xera na nosa situación, nese pasar des-realizando o seu sentido artístico-real.
É que o clasicismo nútrese da idea da pervivencia, do perenne, do perdurable, do pasado. Xustamente por iso é sempre arcaico, arcaizante. Arcaizante en dous sentidos: en canto toma como fundamento –arché – o pasado, pero tamén en canto empeño de facelo actual. O primeiro pode xustificarse con base nas posibilidades abertas polas des-realizacións; o segundo ben parece un intento van, polo seu anacronismo.
Certamente, por todo isto non soaría vaidoso e non sería en balde que os conceptos sobre o clásico, e os seus derivados, pasaran por un baruto metafísico, para evitar a proliferación semántica dos tópicos arredor dos mesmos.
Seguramente que o lector se decatou do uso reiterado do concepto “situación”. Considero que debemos dar do mesmo unha explicación adecuada a este contexto. Enténdese aquí por “situación” o conxunto de posibilidades que se lle ofrecen o home/muller nun momento determinado da súa vida. Por iso sempre fai referencia ó home/á muller, é dicir, quen aquí “está en situación” é o home/a muller, que é quen ten que optar, poñendo en exercicio a súa liberdade, para levar a cabo a realización dos seus proxectos. E como as cousas para el/ela non son só núas realidades, senón esencialmente algo dotado de sentido, convén ter en conta que as “cousas-realidades” non están suxeitas máis que os cambios derivados da súa propia natureza, mentras que as “cousas-sentido· varían en función da situación.
Poño un exemplo: O uranio, cando foi illado, en 1.789, coma óxido, por Klaproth, inclúese no Sistema Periódico dos Elementos Químicos co número 92, e utilízase, naquel entón, para recoñecer o sodio: era a súa función como “cousa-sentido”. Pero cando as investigacións cambiaron a “situación”, o home / a muller encontrouse con outras POSIBILIDADES de uso e terminou utilizándoo coma combustible nuclear: aquí é evidente o seu cambio, devindo en des-realización nunha POSIBILIDADE, levada a outra realidade con sentido novo, alleo ó que tiña antes.
Apliquemos estas ideas a exposición referente ao clásico e así faigámolas de comprensión más lixeira.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES