Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A lingua na sanidade

sábado, 05 de noviembre de 2011
O último sábado do mes de outubro presentouse na Estrada a Irmandade da Sanidade Galega (Isaga). Máis dun centenar de persoas acudiron a este acto solemne, no que os primeiros trinta e catro membros desta organización comprometéronse a utilizar o galego no exercicio da súa profesión.

Os promotores da Isaga, que xurde co apoio da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística, pretenden impulsar unha corrente intelectual de compromiso coa cultura e a lingua do país.

Vai facer un século (maio de 1916) que os irmáns Villar Ponte convocaron unha asemblea na Coruña para crear as Irmandades de Amigos da Fala, co mesmo obxectivo: fomentar o uso do galego nunha perspectiva máis amplia de rexenerar globalmente a Galicia. Despois de tanto tempo e tanta historia, seguimos nun punto semellante. O galego está en risco, e compre xenerar iniciativas para que siga presente na vida cotiá.

Este acto foi, en sí mesmo, unha profunda anomalía. Non debería ser preciso. A ninguen se lle ocorre promover un encontro así en Liverpool para honrar aos sanitarios que usan o inglés no seu traballo. Nin se lles pasa pola cabeza celebrar un acto coma este en Barcelona para rendir homenaxe a quen use o catalán no exercicio da profesión. Pero en Galicia seguen a ser precisas intervencións deste tipo porque somos unha sociedade anómala que renega do seu e non é quen de defender a súa principal creación cultural: o idioma. Non estamos obrigados na defensa do galego só polo respecto aos nosos antecesores, nin por razóns de tipo identitario: o compromiso principal témolo con todo o planeta.

O galego é patrimonio da Humanidade e a súa perda sería tan grave como o deterioro da biodiversidade. Segundo Teresa Moure a linguo-diversidade é unha fonte da que abrollan ópticas e actitudes culturais diferenciadas, que nos reconstrúen como habitantes de mundos distintos que se encontran a través da linguaxe. Debemos protexer a lingua porque “as culturas e as linguas, como as especies en perigo de extinción, non morren: son asasinadas”. Esta é a nosa responsabilidade actual: evitar o lingüicidio.

O porvir do galego está en risco -non así o do castelán, presente en todos os ámbitos da vida pública-. A xuventude, sobre todo no contorno urban, está instalada no castelán de xeito case exclusivo. De non mudar esta tendencia, en poucas décadas o galego será unha lingua ritual, tal como era o latín na misa.

Pódese cumprir a profecía descrita por Santiago Lamas que prognosticaba –no seu libro Galicia borrosa- un territorio convertido en Parque Temático: as ferramentas agrícolas colgadas nas paredes dos restaurantes, os horreos ergueitos nos xardíns dos novos ricos e o galego reservado para uso ritual nas cerimonias, pero excluido da vida cotiá. Para que a lingua non esmoreza ten que estar viva nos patios dos colexios, nos mercados de abastos, nos campos de fútbol e, tamén, nos hospitais e nos centros de saúde.

Na relación cos pacientes (cando son galego-falantes) o uso do galego favorece a empatía, a proximidade afectiva e mellora a comunicación. As persoas maiores valoran en grande medida que o profesional comparta o seu idioma. Nalgúns casos a fala compartida mesmo pode ter efectos terapéuticos. A utilización do galego no mundo sanitario tamén pode ter, sen dúbida, un efecto potenciador para o propio idioma. Máis a realidade é que o galego na sanidade ten hoxe unha presenza residual, e o compromiso da Consellería coa fala é nulo.

Pola contra, nos últimos dous anos tense producido un serio retroceso na presenza do galego nos documentos sanitarios e nas ferramentas informáticas. A Irmandade da Sanidade Galega nace co propósito de mudar esta tendencia: pretende fomentar o compromiso co galego no exercicio profesional e aumentar a presenza do idioma nos centros sanitarios. Agardemos que a Administración entenda a mensaxe e apoie tamén esta iniciativa.
Vaamonde, Pablo
Vaamonde, Pablo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES