Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O día da lembranza

miércoles, 02 de noviembre de 2011
Hoxe é o seu día. Sempre nos habitan na memoria. Ven polos nosos ollos. Escoitan as verbas que nos imos atopando na vida. Invaden os nosos soños, e por veces!, mesmo parece que falan pola nosa boca ou que se moven de novo nos nosos xestos. Que orgullo para o avó, o pai, o tío ver un xesto seu nun devanceiro!

Que orgullo que che digan que es tan alegre como o teu bisavó; ou mesmo que es tan testudo como aquel tío que emigrou a Bos Aires, e que nunca coñeciches, pero de tanto escoitar falar del, semella que che tivera falado a ti algunha vez.

Hoxe é o día de lembralos, de dicirlles como os seguimos querendo, de acender o seu recordo en grilandas e crisantemos para sentirnos mais preto deles; tocando por uns intres ese derradeiro mármore que nos separa do seu ser.

Para algúns, é un día triste; no que se preguntarán porqué aconteceu o que aconteceu, ou porqué as cousas teñen sido así e non doutro xeito. Para outros (nos que me inclúo) é o día da lembranza, o día no que o recordo sorrí e conta a propia historia.

Entón facémonos conscientes do río que nos leva, de que nese río somos o que nos deu a natureza; pero sobre todo, somos o que nos aportaron os que puxeron o seu empeño en que medraramos nas ledicias. Ao decatarnos disto, só unha verba agroma en cada flor que lles doamos en anacos de cores:

GRAZAS. Grazas polos seus bicos, polas súas apertas, por ensinarnos a montar na bicicleta, a xogar ao tute ou a enfrontarnos á vida cunha escala de valores firme. Grazas por ensinarnos a crer en nós mesmos e por crer en nós. Grazas por ensinarnos a perseverar nos nosos obxectivos e a querer o mellor para os nosos devanceiros. E grazas, tamén, por ese empeño que puxeron en que a nosa traxectoria vital superase a deles.

Canto queremos aos nosos antergos! Cantas razóns para encher de cores floridas os camposantos! O Día de Defuntos, debe de ser un día ledo, un día para sorrirlle aos que non temos e lembralos nos feitos e nas palabras. Pero tamén ten que ser un día para reflexionar sobre os que aínda temos; para virar os ollos cara eles e dicirlles nun aloumiño todo o que son para nós, todo o que nos dan e que nos resulta imprescindible. Digámosllo con palabras, con bicos, con apertas, con aloumiños. Digámosllo con ese patrimonio inmaterial que é perenne e non murcha!

Digámosllo como mellor nos preste, pero digámosllo xa! Porque non sabemos cando partirán. Porque non sabemos cando partiremos, e non hai peor palabra que aquela que fica por dicir. E porque as flores nunca terán o poder das propias palabras.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES