Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Técnica, ciencia e valores

miércoles, 26 de octubre de 2011
É un tópico afirmar cá técnica, a bondade da técnica, está acompañada sempre dunha renda que hai que pagar polo seu uso, é dicir, que as súas consecuencias son positivas e negativas.

Explicar un pouco isto é o meu propósito neste artigo. Sen dúbida que para afondar unha migalla nesta materia non é este o lugar máis axeitado, pero apuntarei algunhas ideas, partindo de que a tecnoloxía traballa máis cos resultados do coñecemento que con el mesmo, aínda que esta aseveración sexa un tanto trivial. Á aquela constitúena coñecementos superespecializados, SEGMENTARIOS e SECTORIAIS, e daquela ten que acudir a algo que hoxe en día está de moda, non necesariamente por motivos banáis, senón por esixencias fartas de xustificacións: ó INTERDISCIPLINARIO, á argamasa da complexidade dispersa, coma instrumento relacionante.

Evidentemente, a técnica minimiza a relación cara a cara, interpoñendo a mediación dunha maneira absorbente: á mesma estrutura e esencialidade do traballo faina entrar inevitablemente en crise coa interposición dos medios técnicos. Por conseguinte, isto comporta un cambio na concepción do traballo que pasa de ser un bo recurso de desenrolo e identificación da persoa a encadrarse no marco dos papéis socio-laborais impostos pola razón instrumental. Non é tampouco nada estraño a emerxencia dun considerable impacto reductor na clase media, que, en contra doutras previsións, é posible que chegue a encontrarse con serias dificultades para vivir, incluso pola imperiosa e crecente presenza da bipolaridade entre RICOS-CADA-VEZ-MÁIS-RICOS e POBRES-CADA-VEZ-MÁIS-POBRES.

Por outra banda, está á vista a realidade dunha CLASE PRIVILEXIADA, integrada por aqueles/-las que acadan un relevante coñecemento dos medios técnicos e, na actualidade, dos sistemas de información, ós que alguén, que agora non me lembro, chamou ANALISTAS SIMBÓLICOS.

E desta maneira impóñense as CERTEZAS en perxuizo das VERDADES, e a FIDELIDADE deses simbolismos e sistemas en perxuizo da CONFIANZA na persoa, sen entrar aquí na leira das maiores eficacias e esixencias económicas do momento, senón das soterradas e sempre ben disimuladas convulsións nas intimidades persoais. O que, entón, é indiscutible é a emerxencia dun poder asimétrico na sociedade, porque os máis poderosos adquiren os coñecementos tecnolóxicos e, desta maneira, utilízanos, como é lóxico, en proveito propio, cunha evidente perda de visión social na orde económica, na que producen periódicos desequilibrios, que sempre ten a clase media baixa que reparar para recuperar un certo grao de estabilidade, que volve a favorecer ós mellor situados.

Non son poucas tampouco as repercusións no campo axiolóxico da alianza da técnica-ciencia, sobre todo na ética, que, por mor de que aborda cuestións que atinxen ás relacións interpersoais, está coartada co desfase que deriva da febleza da “cultura da valorización” e dos hábitos e crenzas con respecto á “informátiva”, dentro da que se encontra a tecnoloxía e as linguaxes. Precisamente nestes desfases enraíza a crise dos valores en xeral, que ten todos os elementos para pensar nunha permanencia da mesma, pois, aínda que non sexan os valores os que desaparezan (sempre terán algunha presenza), as normas que regulan a súa xerarquización entran en plena crise, xa que a celeridade dos cambios dificulta que se concreten en verdadeiros hábitos confirmados polas crenzas e polos correspondentes valores. É que hai, hoxe en día, algunha esperanza fundamentada de harmonizar aquelas dúas culturas coas esixencias dunha “apropiada” configuración persoal?.

Apropiada a que?, dirá algún lector. A un desenrolo equilibrado e harmónico na inevitable realización persoal nun ambiente adecuado. Non parece nin tan sequera albiscarse: os admirables avances da investigación científica para a aplicación técnica déixannos enfeitizados, da mesma maneira que as sofisticadas técnicas que os investigadores teñen nas súas mans e coas que “forzan” á realidade –física, biolóxica, psicolóxica, sociolóxica, etc. – ata acadar un desvelado cada vez máis profundo das súas estruturas “íntimas.” Sen embargo, aínda que nada pode haber en contra desa actitude, pois o contrario sería brutalmente ridículo e impropio dunha persoa medianamente informada, dito isto, non sería menos ridículo e igualmente impropio non cuestionarse os flancos débiles deste estado de cousas na nosa sociedade.

Sen esquecer o entusiasmo que desperta a investigación científica e o seu alcance cos medios técnicos, sería conveniente decatarse de que o mesmo método científico está convertido nunha mera técnica e isto afasta ao home dos seus proxectos para acadar propósitos máis vinculados a súa peculiar personalidade: Non é o mesmo acudir ós nosos recursos naturais para acadar certos propósitos que encomendalo a un recurso técnico con solucións, iso si, precisas, pero tamén estereotipadas e co zume humano espremido, porque os procesos sistemáticos dos medios tecnolóxicos non albergan no seu seo ningún vestixio dos sentimentos, xeradores axiolóxicos. En realidade o noso comportamento de manipulación tecnolóxica é o duns monicreques, xesticulando ao son da moda, moi lonxe de entender as ideas, limitándose coma autómatas, a usalas, o que leva a convertelas en meros esquemas de acción, que, en canto tales, só se espera delas un rendemento material: xa non importa a verdade e o sentido do noso facer e actuar, senón a súa utilidade, que no fondo é unha nova versión do puro pragmatismo..

Por que?. Porque o método científico converteuse nunha mera técnica e xa non é unha vía que nos leve á verdade en canto tal, isto é, afastámonos do humanamente OBVIO (daquel OB VIAM IRE), do camiño que conduce a verdadeira realización persoal, para acatar os imperativos da programación técnica.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES