Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ourenses weinfest

Vázquez-Monxardín, Afonso - martes, 25 de octubre de 2011
Vale. Pois irei tomar unha cervexa á “Oktoberfest” para que non poidan dicir vostedes que son un repugnante. Unha festa é sempre unha cousa boa. Pero teño algunha dúbida. Empezo pola ocupación excesiva da dignísima, inclinada e señorial Praza Maior, que é para paseo de cidadáns e cidadás ou para xuntoiro de autoridades e non para troupeleos e calloubadas, que diría Blanco Amor.

Por algo marchou no XIX a feira para o San Lázaro e logo para o Campo dos Remedios. Sigo. Porque aínda que o fagan os alemáns, unha “oktoberfest” en “september” resúltame rara. E sobre todo porque parece unha festa de alianza comercial de cervexas alemás para introducírense nun terreo complicado e que non dan conquistado, en base ás ganas que a xente ten de festa rachada. Se Caixanovagalicia ten unha cota de mercado que sorprende a alleos, a Estrella Galicia lévana os cervexeiros galegos como emblema parlante e conta con ampla cota de mercado e de sentimento. Case todos pedimos simplemente “unha estrela” coa nosa soñadora, celestial e elevada metonimia nacional cervexeira. Unha festa da cervexa aquí, sen a presenza de Estrella Galicia, parece unha festa colonizadora, un ataque de Angela Merkel aos irmáns Rivera. E aínda que sexan da Coruña hai que defendelos. Orgulloso que me sentín a última vez que fun a Buenos Aires e vin a “Estrela” ofrecida nos bares e restaurantes da zona de San Telmo e incluso as súas pizarras, cos menús do día, abeirando as rúas.

Tampouco vexo moi ao xeito que desde o Concello da capital desta provincia vinícola con catro denominacións de orixe se promocione o consumo de cervexa, sobre todo desde a desparición da “San Martín”.

Auga fría, do tempo ou termal; viño, branco ou tinto, é o que temos para bever. E zumiños. En fin. Que é demasiado fácil deixarse levar polo lema “que pensen eles” e facernos consumidores pasivos de calquera cousa que veña de fóra, ata unha Oktoberfest setembrina. O interesante, polo contrario, sería sermos capaces de crear, vender, exportar para que o consumo dos outros fóra nos meta un peso no peto a nós aquí; e que non nos vexan como suxeitos pasivos da historia. Debemos ser creadores, produtores, non só “tragadores”.¿E que tal se montamos un “Festival dos viños de Ourense”, unha festa de promoción itinerante que contribúa á confluencia sinérxica entre os viños do Ribeiro, Ribeira Sacra, Monterrei e o Barco? Afonso X, o rei máis sabio de todos -seguramente por vivir de pequeno entre Maceda e Allariz, falar galego e beber caldos desta terra- falou nas súas cantigas do “bo viño de Ourense”. ¿Algúen pode presentar unha gabanza real e literaria máis antiga en toda Europa?

Eu poríalle para a exportación, para levala ás prazas maiores de toda España e máis alá –onde os concellos “picasen” e pagasen ou facilitasen- o enxebre nome de “Festa dos viños de Ourense”. Pero claro, se lles parece poco comercial, ou que o galego en vez de despertar simpatía, encarrapicharía as orellas dos de fóra, poderiámoslle pór o nome en alemán, “Ourenses Weinfest”, que, como vemos, viste e manda moito. E cada día máis.
Vázquez-Monxardín, Afonso
Vázquez-Monxardín, Afonso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES