Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A taurofobia como bandeira

lunes, 24 de octubre de 2011
Servidor non asistiu nunca a unha corrida de touros nin a un partido de fútbol; nin nunca tampouco pisou Cataluña, inda que atravesouna dúas veces en volandas. Para máis inri, tampouco dispón de ningunha convicción sólida, líquida nin gaseosa sobre a tauromaquia, nin sobre o fútbol nin probablemente sobre ningún outro asunto do planeta Terra -fora da necedade-.

Nestas condicións pouco lle pode importar a ninguén o que eu diga. Pero, pese a elo, teño que dicir que prohibilos touros paréceme moi ben, moi ben; case tan ben coma ós mozos eses que agora andan tan alborotados co asunto en Cataluña. Pero, a maior abundamento, eu animaríaos ademáis a ampliar democráticamente a súa iniciativa a tódalas demais animalias do mundo, incluídos eles mesmos.

Porque, para ser ecuánimes, habería que pensar tamén nas sumarísimas e vexatorias masacres que se perpetran a cotío nesas especies de Auschwitzs animais que son os nosos matadoiros municipais; nas matanzas domésticas de cochos que, coma neniños, berran desesperadamente cando os matarifes desenfundan ós seus obscenos coitelos; nas cazatas esas nas que as pezas, recén cobradas e colgadas, inda conservan longamente o suave calorciño de Deus; incluso moitas das escuras prácticas da nosa supostamente entrañable cociña caseira.

E da guerra, ¿qué me decides da guerra?, ¿qué, desa estúpida “festa nacional” na que, gracias á cristiá mediación do “De Jure Belli” do berrendo F.Vitoria, os touros somos xa todos nós?.

Na mesma liña, diremos tamén que non se debera devorar sen rebozo a seres ós que pouco antes inda lle funcionaban ben os ollos, as orellas, a boca, os dentes, as catro extremidades e, si se me permite, outros adminículos simétricos e menos púdicos pero necesarios, todos eles ingredientes ben recoñecibles e portadores o mesmo tempo dun mesmo aire evolutivo e familiar.

E logo está o desvergoñado regodeo ese dos menús “restauradores”, dos Sesos (miolos) á mariñeira, da Cabeza á portuguesa, dos Morros (fuciños) á Vizcaina, da Lingua estofada, da Fritada de tuétanos (médulas), dos Callos á barcelonesa, Pes ó Curry, Peito (pecho) de terneira, Pernas ó Mirabeau, Maniñas de porco,Unllas de vaca e Fígados de non sei qué máis. ¡Qué canibalada!

Sobre este punto, só que ó revés, xa contaba Baroja que Ciro Bayo, recén chegado dun viaxe a certos redutos do caníbalismo brasileiro, foi interpelado insidiosamente pola prensa sober da sabor da carne humana. Non pensóusello dúas veces: ”A carne humana –dixo, ollando case lascivamente, un por un, a todos os seus aterrados interpelantes- ten un lixeiro sabor a cocho”.

Pero nestas condicións de paracanibalismo foi nas que o home chegou ata eiquí. Isto é o que hai. Desgraciadamente non vai ser pois moi doado remediar ista indecente situación, tan trófica e ecolóxica por outra parte. Non vai ser posible desmontar a paradóxica estratexia letal da vida.

E se isto é así ¿por qué, entre as innumerables víctimas da nosa voracidade, fixarse soamente nós touros, a máis digna delas?; e ¿a qué exhibir tanta clemencia se, unha vez perdoados, tamén os touros rematarían fatalmente nos nosos pratos? ¿Por qué tanto disimulo para os outros crimes? Arriscadas preguntas estas para todos e sobre todo par aos industriais eses que comen dabondo cochos e dos cochos, e que incluso construen civilizadas chacinerías en Monforte, por se se lles escapa algún.

Dende outro punto de vista, nin a vida nin a morte dos touros é tan indecente como a das demais animalias; e as veces matan.

Todo isto ven a conto de que ós necios alegados atribuíndolle a “España” moi exclusivamente a tauromaquia -sempre coma feito diferencial nun separatismo máis ético, singular, civilizado e mellor vestido- se lles ve o plumeiro. Entre os libros da miña biblioteca que nunca lin, atopo agora un de José Pijoan –catalán de pro- que reproduce o fresco “A Taurokathapsia” ou “Salto sobre o touro entrando polos cornos”, de Knosos -sorte esta semellante a unha que xa lle vira eu facer a uns gañáns de bravo, na Serra de Segura-. Este e outros moitos ecos semellan indicar xa que gran parte dos países ribeiregos do Mare Nostrum, tan absurdamente chamados mediterráneos, non son máis que aventamentos dun acúmulo de desditas costeiras máis concretas; que estas cousas seguramente pasáronlle antes a eles -que non lles chegaron de Pontevedra, poño por caso-; e que esta atribución é soamente unha cuestión de brúxola e de senso común: un problema deles por certo.

Non quixera que se me tomase polo promotor dunha insensata utopía vexetariana pero moito menos por un imperturbable espectador da necidade. A razón do meu traballo é esta: como as estrelas, o home é o mesmo en todas partes. Xa está ben de inventar fronteiras, ideais, etnias, dogmas, heroes, conflitos.e caralladas; tendo na casa tan fermosas bandeiras, xa está ben de andar por aí de guapo tirándolle ó próximo calquera trapo ideolóxico.

“¡Si siñor! –parece corroborar contundentemente Fole dende lonxe -¡a menopausia, a filatelia e o Consello Económico e Sindical! ¡sí siñor!.
Andrade, Fernando
Andrade, Fernando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES