Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Urbanismo sostible das vilas galegas?

miércoles, 19 de octubre de 2011
1Compás social
URBANISMO SOSTIBLE DAS VILAS GALEGAS?

Aínda que lego na materia, no percorrido por varias rexións e comarcas de España, encomecei a fitar en detalle o urbanismo e arquitectura dos pequenos e medianos pobos. O mesmo busquei en cada recanto de Galicia, e incluso atrevinme a escribir unhas sinxelas reflexións sobre “O urbanismo das vilas rurais galegas” publicadas en Galicia Dixital en 2008. Agora, despois dunha nova estadía estival en Galicia, retomo a mesma cuestión con novas observacións empíricas agrupadas en torno o adxectivo “sostible”, inquirindo o sentir común da cidadanía e confiando na venia e desculpa dos expertos en urbanismo e arquitectura por meterme, de xeito tan profano, no seu horto.

O substantivo “sostemento” e o adxectivo “sostible” están de moda en moitos círculos intelectuais e políticos, ata tal punto que a calquera eido ou anaco da realidade concreta cualificase como sostible ou non. Así falase dunha economía, dun urbanismo, dunha arquitectura, dunha paisaxe, dunha empresa, dun comercio, dun proxecto, dun concello sostible sen máis precisións. A idea de desenvolvemento económico sostible xermolou na década de 1980 nas altas xuntanzas das organizacións internacionais; e posteriormente foi baixando banzos ata asentarse nos organismos de base de cada país, e o mesmo tempo foi gañando en elaboración teórica e práctica. Hoxe a idea de sostemento, definida como “satisfacer as necesidades das xeracións presentes sen comprometer as posibilidades das do futuro para atender a súas propias necesidades”, centrouse conceptualmente en tres factores interdependentes entre si. Eses tres piares dun desenvolvemento sostible son a poboación, a economía e o medio natural.

Podemos aplicar este aparello conceptual o urbanismo e arquitecturas observadas nas pequenas e medianas vilas galegas e a súa evolución nos últimos anos, cando se deu un despegue significativo do seu tramado urbanístico. Debemos distinguir entre urbanismo e arquitectura.

Por urbanismo, para calquera lego na materia, debemos entender a ocupación e reparto dunha poboación sobre un espazo concreto, sexa de forma espontánea sexa de modo planificado. O urbanismo das vilas, na maioría dos casos, xurdiu de forma espontánea en torno dun ou varios nodos de comunicación e creceu ao longo dos camiños sen máis lei que as normas que tardiamente se impuxeron á construción na beira das estradas. Esa dinámica centrífuga desembocou nunha estrutura urbana desproporcionadamente alongada ás beiras de primitivos camiños, logo convertidos en estradas e rúas sen a penas epicentro urbano. Esta morfoloxía disgregada foise corrixindo algo a partir da década de 1970 coa planificación de espazos para os novos servizos educativos e sanitarios. Non obstante, aínda hoxe as vilas padecen esa antiga estrutura de vellas estradas agora rebautizadas como rúas, todas elas ateigadas de comercios e tráfico rodado, e onde conflúen outras rúas secundarias que foxen cara o campo aberto sen a penas conexión entre elas. Un urbanismo moderno, sostible tanto para as actuais como para as futuras xeracións, require planificar, non só edificios e vías de tipo tradicional, senón moitos máis espazos específicos como son as zonas verdes e peonís, os aparcadoiros públicos e privados, as rutas de tráfico local e tráfico de paso, a conexión entre rúas secundarias sen ter que ir sempre as mesmas encrucilladas saturadas de vehículos. Etcétera, etcétera. Esperemos que os Plans Xerais de Ordenación Municipal (PXOMs), que xa están tardando, avancen en dirección dun urbanismo sostible.
A arquitectura debemos entende-la aquí no sentido máis elemental: construción de edificios para usos e servizos múltiples e específicos, sendo o máis perentorio o das vivendas. Na arquitectura búscanse dous aspectos básicos: a funcionalidade de uso e unha estética harmónica dentro duns canons establecidos, implícitos ou patentes na cultura de cada comunidade humana. Tamén aquí nos encontramos cunha arquitectura espontánea e outra tecnicamente elaborada, é dicir, unha arquitectura popular e outra arquitectura ideada e controlada polos profesionais do ramo. Ambas poden ter unha destacada personalidade propia ou ser anódinas. O tan deostado “feísmo” tanto pode ser rural como urbano, popular como planificado. Mais neste intre, despois de percorrer e fitar moitos pobos de España e moitas vilas de Galicia, penso que nos encontramos cunhas contradicións e dilemas case insostibles. A tradicional arquitectura popular dos pobos e vilas era en parte espontánea, orixinal, e en parte copiaba modelos do entorno urbano das cidades, con algunhas excepcións exóticas; mais a súa lóxica funcional era deseñada pola familia que xeralmente quería construír unha vivenda propia e un local comercial para un negocio xa previsto ou para un futuro posible. Esta dinámica deu como resultado unhas vilas con edificios baixos e relativamente harmónicos e agradables, sen esquecer determinados desatinos urbanísticos xa sinalados.

Pero chegaron os tempos da modernización, do crecemento, das migracións masivas e retornos graduais as vilas, do mercado total e agora global. E nesa dinámica tamén entrou a construción de vivendas, de locais comerciais e de novos servizos públicos nas vilas, especialmente nas cabeceiras municipais. Os empresarios da construción, os profesionais da arquitectura e os políticos son os que marcan agora as pautas dentro dunhas normas urbanísticas moitas veces arcaicas, imprecisas ou inexistentes. Ademais do principio de máximo beneficio co mínimo custo, albiscase unha mentalidade que confunde a modernización cun amontoamento vertical, cuxos resultados a veces lamentables xa coñecemos nas grandes urbes. Pero o maior conflito arquitectónico que persoalmente fitei en moitos pobos de España atopase na confrontación entre a vella arquitectura tradicional e a moderna arquitectura funcional, tantas veces anódina. Vin centos de edificios tradicionais ben restaurados, mais tamén ollei outros tantos de gran valor arquitectónico vítimas das escavadoras. Eran ineptos ou corruptos os responsables municipais? Penso que na maioría dos casos non, e mesmo creo que tiñan unha sensibilidade urbanística adecuada; mais xogaban cunhas normas anticuadas, unhas veces moi laxas e outras excesivamente ríxidas. Nalgúns casos estase chegando a resultados paradoxais: aliñamentos urbanos rotos, alturas desproporcionadas xunto a inmobles tradicionais ananos e intocables, vivendas baixo teito disfrazadas de mansardas, e así outros moitos detalles que non poden ser sostibles nun futuro urbanístico digno de tal nome.

Podemos facilmente constatar que a Lei do Solo do 2002 xa foi remendada varias veces e que os Plans Xerais Municipais (PXOMs) están tardando en aprobarse máis do conveniente. Que está pasando? Non perdamos a paciencia nin a esperanza, mais queremos saber se camiñamos, cando menos, cara un honroso urbanismo sostible ou cara unha crecente anarquía especulativa.
Pérez López, Xenaro
Pérez López, Xenaro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES