Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Residencia de vellos

viernes, 14 de octubre de 2011
Tocoume falar hai uns dias nunha residencia de vellos, precisamente no “Día do anciano”, presentando unha coral que ía endulzar a tarde do sábado ós alí residentes, por encargo de "Ancianos del mundo".
Pode ser que fosen arredor de cen os presentes, e deles bastante máis da metade en silla de rodas.
Non sei se estiven especialmente brillante ou amedrentado, non sei cantos dos presentes entenderon as miñas palabras. Desde aquel día sei moi pouco, moito menos do que cría saber, que unha estancia nun sitio así, por breve que sexa, deixa marcado ó visitante tal como a lápida que seica figura no cemiterio begontino de Trobo proclamando “Aquí están os nosos ósos, esperando polos vosos”.
Cóstame moito traballo pensar en min como carne de residencia. Alomenos penso resistirme o máis posible, que eu quero envellecer mentras me entere entre os meus libros e colocando os milleiros de papeis que o paso dos anos me foi amontoando.
Se puidera escoller, acudiría ás palabras de Xosé María Díaz Castro no seu libro “Nimbos” que proclama “Quero morrer de música nunha tarde de pinos/ sen sentir o martelo dun recordo no sangue!”. Que si teño chegado a unha idade na que un aboga por unha vida plena que dure alomenos outro tanto que a que levo andado, tamén convén ir prevendo os posibles rueiros polos que deberemos camiñar, e ir alixeirando equipaxes para que cando chegue o día da última viaxe, como quería Machado, me atope espido, coma os fillos do mar.
Na Residencia todo está previsto, organizado, as rapazas sorrín, as sillas rodan silenciosas e moitos dos residentes teñen abonda autonomía para circular con prestancia polos amplos pasillos. Pero o que me desarma son os ollos sen vida que miran sen ver, as cabezas caídas rendéndose ó peso da vida, o fatalismo que sobrevoa esas cabezas rendidas.
Quero ir a eses sitios, levar compaña fugaz, sentirme parte dunha sociedade da que seguen a ser membros aínda que esa mesma sociedade gosta de aparcalos. E seguro que a moitos deles lles gosta ese aparcamento.
Coido que non é nada malo que os vellos, ou os que imos velozmente cara á vellez, pensemos nela como algo inevitable, e sobre todo nos preparemos axeitadamente para que non nos sorprenda nin nos venza.
De todas as maneiras, prefiro o optimismo diante do porvir, e considerar como facía miña sogra, Josefa Rosende, do Portelo do Buriz que nos deixou con 97 anos, e xa cumpridos os noventa e cinco afirmaba: “A ver se vou aguantando ata os cen. Porque, despois dos cen, o corpo xa ten achaques”.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES