Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Nunha xeira de lecer

viernes, 14 de octubre de 2011
Nunha xeira de lecer O día tres de agosto acudín coa familia a Pardiñas, cita habitual de hai ben anos, para xantar convidada por Afonso Blanco e acompañada por xente do arte, tanto da terra como achegada a ela, e para participar nas actividades culturais promovidas por Xermolos. Compartiamos viandas con David Otero (pregoeiro desta edición) e a súa dona, Avelino Pousa Antelo, Saleta, Esperanza Lema, Xoán Xosé Fernández Abella, Mini, Mero, Marica Campo, Xosé Lois García e unha señora xa de certa idade, fermosa e falangueira, que seica se chamaba Antía, acompañada por unha moza (Carmiña). Xa chegada a sobremesa e cunha cunca de café de pucheiro diante, preguntei ao meu compañeiro quen sería esa dona cuxas faccións non me eran de todo descoñecidas, pero non daba sabido de quen se trataba. Respondeume “ parece mentira, María Xosé, que non coñezas a unha das persoas de quen máis me tes falado. É Antía Cal” .

Erguinme de súpeto e achegueime a ela para saudala presentándolle os meus respectos. Pasei longo tempo ao seu carón escoitándoa e contándolle algunha das miñas experiencias como mestra e directora no colexio da terra de seu, Muras. Coido que esa coincidencia consolidou a empatía mutua que xurdiu dende o primeiro momento. Como o tempo alanca á présa cando se está gozando del, tivemos que deixar a conversa para acudir aos actos do serán que comezaban co pregón e a entrega dos premios do certame literario. Mais Antía prometeume que me achegaría a súa biografía para que coñecera máis polo miúdo todo aquilo que non dera tempo na conversa, advertíndome que non estaba “ben escrita”, xa que ela non era escritora, que a escribira sen outra intención que a de agasallar aos seus fillo polo Nadal no canto de lles mercar calquera parvada nun centro comercial; posteriormente un dos seus fillos quixo que a publicara en Galaxia, como así aconteceu no 2007 levando por título Este camiño que fixemos xuntos.

Ao día seguinte saía de vacacións en busca dun verán que aquí se facía de rogar. Á miña volta, tiña sobre a mesa da biblioteca un paquete postal que non demorei en abrir. Era o libro de Antía. Mágoa de ser tan tarde, preto das tres da madrugada, para comezar a súa lectura –pensei mentres lle botaba a primeira ollada programando a mesma para a tarde seguinte. Unha tarde que durou dende a páxina nove até a dúas centas sesenta, dende o limiar a cargo de Xesús Alonso Montero até o índice onomástico, nas que Antía, en primeira persoa, narra en dezaseis capítulos a súa historia persoal e profesional comezando polo seu nacemento – o dezaoito de abril de 1923- e primeira infancia na Habana onde chegaran, como tantos outros emigrantes daquel tempo, os seus pais procedentes de Muras. Cóntanos que regresou á terra dos seus acompañada da súa nai e o seu irmán en 1932 no Cristóbal Colón, despois de facer escala en Nova York e que se instalou no Mesón, onde coñeceu aos devanceiros dos que con tanto agarimo fala, inseríndose na vida que se desenvolvía na Galiza daquel tempo e nun pobiño do interior, tan afastada da que ela coñecera en Cuba, país que non volvería visitar até 1985; a súa marcha para A Coruña, onde estudaría o bacharelato ao que seguirían Comercio e Maxisterio antes de comezar a carreira de Filosofía e Letras, sempre na compaña de súa nai e seu irmán, que quixo estudar Medicina, pois seu pai ficara na Habana traballando e termando do negocio e non regresaría até 1946, cando Antía xa tiña rematada a carreira e comezada a relación con Antón Beiras, médico especialista en oftalmoloxía e galeguista de pro, e co que casaría en Muras, o día de San Pedro do ano 1947. A súa vida dende entón transcorrería en Vigo onde naceron os seus fillos: Hixinio, Antón, Antía e Beatriz; lugar escollido tamén para levar a cabo a súa labor profesional fundando en 1962 o Colexio Rosalía de Castro sito na Gran Vía Viguesa. Mais, por mor dos traballos de investigación do seu home, percorreu unha boa parte de Europa; viaxes nas que coñeceu persoas que, xunto cos cursos da Escola d’Estiu de Rosa Sensat, influirían decisivamente no seu labor pedagóxico. Pero a felicidade é efémera: a comezos de abril de 1968, finaría Antón deixando a Antía viúva con corenta e cinco anos e catro fillos orfos, o máis vello de dezasete e a máis nova de nove anos, polos que tería que seguir loitando apoida sempre pola familia e unha morea de amizades ás que dedica o penúltimo capítulo e das que fala con amor e agradecemento.
Aínda que toda a obra está salpicada de ideas e feitos pedagóxicos, é no derradeiro capítulo onde comenta explicitamente os principios educativos que rexeron o seu ensino e deben seguir a rexer a educación para que esta acade a calidade da que hoxe carece. Dun xeito maxistral introducido por unha fermosa descrición da paisaxe de Écully, onde reside a súa filla máis nova, fálanos da importancia da educación na familia nos primeiros anos e da necesidade de que despois alumnado, pais, nais e mestres, familia e escola, traballen xuntos en pro da educación dos nenos e nenas, xa que, nas súas palabras, se trata de realidades complementarias. Influída pola súa primeira visita aos fondos do arquivo de Pestalozzi en Xenebra, considera que a capacidade do alumnado nos primeiros anos é impresionante e que “aí é onde hai que empezar a traballar con entusiasmo, con método, con seriedade e con vocación... os primeiros pasos son fundamentais. Todo o que sementemos aí é colleita segura”.

Comenta que nas aulas é preciso que alumnos/as e profesores, ademais de respecto mutuo, deben coñecerse e sentirse cómplices para motivar o seu interese polo contido do curriculum, criticando a valoración clásica dos resultados acadados polos rapaces e rapazas na escola a través de cualificacións que pouco ou nada significan para eles; Antía “traballaba con eles para abrilos, para posicionalos diante da vida, diante dos valores da vida (valores éticos, de respecto, de solidariedade etc) e máis para prender neles o lume da curiosidade, a capacidade para querer saber, o que significa tamén dotalos das destrezas necesarias para acceder ao coñecemento. Tratábase de darlles os instrumentos básicos para ensarillarse na sociedade”. Outra das súas teimas educativas foi, xa dende moi nova e en tempos ben difíciles, a do acceso das mulleres á educación en igualdade cos homes e a necesidade imperiosa da coeducación nos centros e nas aulas, pois “ A educación, a cultura, libera os seres humanos, fainos mellores, e facendo mellores os individuos axudamos a que sexa mellor a sociedade: máis xusta, máis harmónica, máis equilibrada, máis humana e habitable. Eses foron sempre os meus principios éticos, sen imposicións, pero con firmeza.” Avoga, do mesmo xeito, pola integración nas aulas de todo tipo de alumnado, independentemente das súas capacidades, aptitudes ou recursos, xa que “ os nenos aprenden dos iguais”. Tamén observa no actual sistema educativo, dunha banda, “a falta de consideración, de atencións e de recursos que seguen a faltar no profesorado.

Tamén a falta de autoestima por parte dos profesionais”, ademais dunha excesiva burocratización que conleva “a falta de estímulos cara ao alumnado e a falta de estímulos entre o profesorado” doutra, a escaseza de recursos económicos, primeiro, para financiar na medida pertinente as reformas educativas que unha tras outra adoitan ficar en teoría por falta de orzamentos e, en segundo lugar, para unha axeitada dotación dos centros educativos.

Atopei na lectura deste libro non só unha tenra autobiografía, senón un verdadeiro tratado sobre a educación, sucinto pero explícito, que todos os profesionais do ensino deberamos ter como libro de cabeceira. Nel redescubrín aquela Antía Cal e a súa labor pedagóxica da que hai anos tivera noticia lendo unha revista, Cuadernos de Pedagogía, á que estiven moito tempo subscrita. Xa nese momento fiquei sorprendida de que en Galiza e nos anos sesenta puideran consolidar os esforzos e traballos dunha renovadora do ensino da importancia desta pedagoga. Hoxe, a piques de comezar un novo curso, síntome cos azos renovados.
Grazas, Antía cal, mestra e xa para sempre amiga.
Lamas, María Xosé
Lamas, María Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES