Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Conde de Gondomar, galego de lei

jueves, 13 de octubre de 2011
O historiador Francisco Maseda é o autor de Galego de lei, unha ampla e moi documentada biografía de don Diego Sarmiento de Acuña, I Conde de Gondomar, cortesán de ascendencia e raiceira galegas que serviu na corte dos Austrias.

Maseda reactualiza para nós a figura do persoeiro, salientado a súa galeguidade, ben patente, por certo, nunha famosa carta enviada polo conde ao secretario real de Felipe II, o valdeorrés Andrés de Prada, na que censura o menosprezo do que eran obxecto as nosas xentes e a nosa Terra en xeral por parte dos restantes peninsulares.

Diego Sarmiento foi un excelente diplomático que evitou conflitos bélicos entre a poderosa Inglaterra de Xacobe I e o Reino das Españas, exerceu como Gobernador e Capitán Xeneral do Reino de Galicia (posto dende o que moito loitou pola recuperación do voto desta nas Cortes) e axudou á estabilidade das nosas costas na resistencia contra os embates do témero Drake.

De por parte, o Conde de Gondomar é tamén o destinatario de catro misivas redactadas en galego que constitúen unha preciosa alfaia literario-documental dos nosos Séculos Escuros. Estas misivas, custodiadas hoxe na Biblioteca de Palacio, en Madrid, foron enviadas ao nobre galego entre 1598 e 1605. Unha pertence ao seu sobriño, don Juan de Lanzós e de Andrade, quen lla enviou dende Zamora, e limitábase a saudar o seu parente e recordarlle a súa disponibilidade para o que precisase; a segunda das cartas corresponde a dona Briatís da Sera (Beatriz da Serra), quen lle escribe solicitando que interceda en favor de Jerónimo Fres, cuñado dela en Pontevedra, para quen solicitaba o seu apoio nunha causa contra un militar; as dúas restantes foron tamén redactadas en Baiona, nesta ocasión por don Diego Sarmiento de Sotomaior, señor das Achas e de Petán e sobriño do propio conde, e nelas contaba este a seu tío cousas da facenda e diversos problemas que o afectaban.

A publicación deste Galego de lei é un acerto de Biblos Clube de Lectores, quen insire a obra na súa ben asentada colección Mandaio, mais, sobre todo, é un meritorio froito do traballo de pescuda e investigación de Francisco Maseda, especialista na biobibliografía de Diego Sarmiento de Acuña, Conde de Gondomar, quen ten agora feliz e fiel retrato grazas aos seus oficios.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES