Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Apple e a obsolescencia programada

viernes, 14 de octubre de 2011
Un revolucionario da era dixital, un emprendedor sen límites, un líder visionario, un home xenial: non chegan os calificativos para destacar a figura de Steve Jobs, fundador de Apple (a empresa tecnolóxica que encabeza a valoración bursátil, por diante de IBM e Microsoft), que ven de perder a vida a unha idade moi precoz (56 anos) vítima dun cáncro de páncreas. César Alierta –presidente de Telefónica- afirma, con admiración: “Él era un foco de luz neste ecosistema que entre todos estamos impulsando para mellorar o benestar da sociedade”.

O deseñador Mariscal escribeu, conmocionado: “O Mac, Pixar, iPod, iTunes, iPhone, iPad: I love Jobs. Grazas por facerte millonario vendendo intelixencia bela. Adeus”. Ainda que agora o presenten coma un Edison moderno a realidade é que este home non inventou nada relevante; pero soubo crear e vender dispositivos informáticos atractivos e fáciles de usar que cambiaron a forma de relacionarse de millóns de persoas en todo o mundo. De ahí o seu éxito e o seu rápido enriquecemento.

Máis ninguen recorda que esta empresa, simbolizada por unha mazá, -para dar a imaxe de compromiso coa natureza e a ecoloxía-, foi denunciada en 2003 porque as baterías da primeira xeración de iPods duraban só 18 meses. Ante as demandas dos usuarios Apple respondía que tiñan que mercar un aparello novo, xa que a empresa non dispuña de baterías de recambio. Foi a abogada Elizabeth Pritzker quen presentou unha demanda colectiva, coñecida como “Westley contra Apple”. Demostraron que a batería estaba deseñada para ter unha vida curta, gañaron o xuizo, e Apple tivo que crear un departamento de recambio de baterías e aumentar a garantía do producto a dous anos.

Mais Apple, en realidade, non precisa para nada desta burda trampa das baterías descargadas. Os constantes cambios dos seus dispositivos provocan unha pronta caducidade dos mesmos, e os seus usuarios vense empuxados a un recambio periódico e compulsivo dos mesmos para dispor das melloras introducidas.

Neste terreo sí que foi un auténtico xenio o empresario que ven de fenecer. Esta é unha das maneiras de pór en práctica o que se chama “obsolescencia programada”. Defínese así a planificación do remate da vida útil dun produto, de xeito que quede inútil ou inservible despois dun tempo calculado de antemán polo fabricante. Todos os aparellos informáticos, electrónicos e mesmo os electrodomésticos –que tanto nos facilitan a vida no mundo occidental-, están deseñados para que se deterioren nun determinado período, facendo para o usuario máis fácil a súa substitución que a reparación.

Esta práctica ten un grande impacto medioambiental. Xera tal cantidade de resíduos que fai imposible a súa reciclaxe e está a envelenar a superficie do planeta. Hai un excelente documental (“Mercar, tirar, mercar” de Cosima Dannoritzer) no que se demostra con imaxes esta práctica perversa. Os aparellos que nós tiramos (móbiles, ordenadores, impresoras) chegan a África.

En Ghana, á beira do río Densu, está o vertedoiro tóxico de Agbogbloshie, inmenso territorio nauseabundo donde centos de rapaces revolven entre o lixo buscando restos de cobre ou aluminio. As imaxes resultan impactantes.

A OCU tamén ven de denunciar a fraude na reciclaxe dos resíduos electrónicos. Colocou emisores GPS en 15 electrodomésticos e levounos a un punto limpo. Só seis foron tratados correctamente; o resto remataron en vertedeiros ilegais, chatarrerías e mesmo en “zonas de sombra”, posiblemente en recipientes para ser exportados. Sábese que moitos productos electrónicos e informáticos chegan ao Terceiro Mundo como axudas para a modernización cando en realidade só se trata de lixo que envelena os rios, destrúe a paisaxe e compromete u futuro.

Neste tempo de crise haberá que replantexar as forma de producción, comercialización e consumo nas que estamos instalados, se non queremos rematar coa vida no planeta convertida nun inferno. O economista Serge Latouche propón a idea do “decrecemento” para tentar conxugar economía e sostibilidade. De seguir con este consumo compulsivo da última novidade da telefonía móbil, o lixo electrónico, que nós mesmos provocamos, acabará por envelenar a nosa existencia.
Vaamonde, Pablo
Vaamonde, Pablo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES