O "hidro", hai 75 anos
Fernández, Suso - jueves, 13 de octubre de 2011
Posiblemente non exista un só porto no noso litoral que non rexistrara, ó longo da historia, a dramática experiencia de ter que lamentar a perda de vidas humanas. As forzas desatadas da natureza, os imprevistos xurdidos nun camiño moitas veces ignorado, a falta de recursos para reaccionar ante o inesperado, etc.., fixo que históricamente o mar, tan engaiolante e tan cobizado, se volvese verdugo despiadado. Os accidentes laborais; galernas, temporais e naufraxos, e con eles a morte, tinguiron de mouro, e seguen a facelo, a vida dos pobos mariñeiros.
Tódolos mares do mundo coñecen das traxedias nas súas augas. Tristes acontecementos que algúns quedaron no anonimato e outros, pola súa magnitude ou as circunstancias que os arrodearon, permañecen gravados, con trazos indelebles, na historia sinistra da vida mariñeira.
O Hidro era unha embarcación que chegara a Foz en 1930, procedente de Laredo, onde Tristán o vello e don Manuel Blanco Muinelo, segredario do xulgado, o mercaran. Realmente a lancha chamábase Nuestra Señora del Carmen, pero as xentes deron en decir que, pola velocidade sulcando as augas, mais ben parecía un hidroavión e daí que todos a coñecesen por o Hidro,
Na tardiña do 8 de outubro de 1936, hai 75 anos e 5 días, ó lusco-fusco, cando a lancha intentaba pasar a fatídica barrao noso particular triángulo das Bermudas- ata a Ribeira, con vinte bañeiras de sardiñas a bordo, envorcou preto da pena Rubia, quedando coa quilla para arriba. Dos oito tripulantes dous desapareceron: Tristán e José da Palmeira
Ó terceiro día do incidente apareceo Tristán nunha praia de San Cibrao e dez días despois José, avistado por un pescador de caña, nunha furada da costa, en Salave, preto de Tapia: curiosamente seguiran rumbos opostos. A profundidade dos cantís e a dificultade dos accesos fixeron que os veciños tivesen que realizar serios esforzos para levar a terra o cadáver de José que foi soterrado no minúsculo cemiterio de Salave.
Ás veces feitos tan luctuosos, dramáticos, dan pé a que se produzan episodios de fondo valor humano e solidario e que as persoas, ó impulso de tal sentimento, arrisquen sen miramentos e mesmo se salten as leis para lograr mitigar a dor allea; foi éste un deses casos.
Tempo mais tarde a nai do mariñeiro quixo recuperar os restos do fillo. Intentouno cumprindo as esixencias legais, pero os trámites eran longos e moi costosos para aquelas economías de subsistencia e, por suxerencia do párroco focego, acordaron o seu traslado clandestino, para o que se contou coa complicidade da Garda Civil de Tapia e de Foz, non dándose por enterados da manobra, cando naqueles tempos bélicos ou de inmediata post-guerra, vixiaban a cotío todo movemento na beiramar. Circunstancias especialmente conmovedoras, que deron lugar a comportamentos dunha xenerosidade, altruismo e valor humano excepcionais.
Precisábase ademais unha embarcación disposta a asumir o grave risco da viaxe ilegal con un cadáver a bordo, labor ó que se prestou Xesús Lestregás, o Relámpago, coa súa lancha María.
O desembarco do cadaleito fíxose no muro da farola e traladouse á casa do armador, en Marzán, onde os restos de José permaneceron tres días alumeados por unha mariposa ata que foron depositado definitivamente no cemiterio parroquial
A gratitude da nai do naufrago durou por toda a vida, non esquecendo endexamais a acción humanitaria, altruista e arriscada do Relámpago.
Foi o do Hidro un episodio de fondo dramátismo do mar de Foz, e da súa malfadada barra, na que tantos homes do noso mar perderon a vida, e razón primeira que impide todo desenvolvemento portuario. A súa lembranza quedou fixada na memoria colectiva.
A lancha, á que se recortou o casco, dedicouse a carrexar dende A Espiñeira xuncos para estrar as cortes, e rematou a singradura no pudridoiro do Centiño, en Folgueiras.

Fernández, Suso