Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O San Froilán tira pola terra

miércoles, 12 de octubre de 2011
Estamos no San Froilán. Estamos na que, segundo reza o anuncio deste ano, é “a mellor festa de Galiza ”. Sen dúbida para un lugués é unha época agardada. Isto quizais nos una xeración tras xeración, e aínda que o San Froilán de hoxe diste moito do vivido polos nosos antergos, conserva intactas certas esencias que fan del unha festa única que convoca ano tras ano a persoas de todo o país. Particularmente creo que é a festa que máis une, xa que nela son frecuentes os reencontros cos vellos amigos e as xuntanzas planificadas para recorrer as doces pedras de Lugo ata o amencer. Ano tras ano, o San Froilán lévanos a navegar entre mares de xente, coa absoluta certeza de que entre a multitude virán sorrisos que nos traerán nunha aperta lembranzas do pasado.

Certamente, os lugueses ilusionámonos ante o San Froilán, vivímolo e temos altas expectativas de pasalo ben nestas datas; e isto é así ata o punto de que para un lugués o de menos é o programa, porque o verdadeiramente importante é a irmandade coa que se viven estas festas. Ao San Froilán vaise a estar na rúa, a compartir a rúa, a facer bailar as pedras e a converter o insomnio da cidade nun verdadeiro soño colectivo.

A pesares do dito anteriormente, este ano as festas teñen para min actuacións moi atractivas, de xeito que o que para moitos é un programa anticrise, para min é a recuperación da verdadeira esencia das festas. O programa deste ano ten como eixo fundamental a música galega, e convídanos a percorrer estilos do mais variado, sen esquecer o panorama musical nacional, que estará representado por Vetusta Morla. Nas rúas de Lugo soará a voz de históricos como Miro Casabella, de loitadoras pola irmandade alén Miño, como Uxía, ou dos grupos galegos mais actuais como Lamatumbá, os Cempés ou Dios que te Crew. O folk virá da man de Treixadura e Berrogüeto e o fado mais comprometido estará presente na voz sublime de Deolinda, sen esquecernos da nosa representante en Eurovisión Lucía Pérez, nin da animación da rúa que virá da man dos Festicultores.

Tamén garda un oco o San Froilán para a cultura tradicional, que chegou o día 11 da man do concerto Cegos no camiño, con voces que dalgún xeito forman parte do noso patrimonio musical como Mini e Mero ou Luis Caruncho.

Sen dúbida, o programa deste ano é revelador, inspirador e exemplar. Del temos que aprender que a cultura galega ten un gran potencial endóxeno, que pode estar a altura de calquera outra, e que en épocas de crise non e necesario relegar a política cultural, senón que se pode facer cultura (e boa cultura!) cunha inversión menor; coidándoa, mimándoa, vivíndoa e sen espectacularizala.
Santalla, Iago
Santalla, Iago


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES