Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Frank Soutelo por terras galegas

lunes, 10 de octubre de 2011
Talvez sexa Miguel Anxo Fernández un dos autores que con máis determinación leva cultivado os eidos da novela negra galega nos últimos tempos. A el debemos o nacemento do detective Frank Soutelo, sabuxo radicado nos USA pero de ascendente patrio, con familia paterna en Soutelo de Montes e parentes maternos muradáns.

Este sagaz pescudador é o protagonista de, polo de agora, catro títulos: Un nicho para Marylin (2002), Luar no inferno (2006), Tres disparos e dous friames (2008) e o recente Lume de cobiza (2011), ao que dedicarei as liñas que seguen.

Nesta nova aventura Frank Soutelo viaxa a Galicia, onde, cedendo a unha petición da súa prima Sara, filla da para el moi querida avoa Castora, decide investigar a morte do fillo dunha amiga desta súa curmá.

Evitando caer no spoiler, unicamente direi que a trama avanza ganduxando enredos inmobiliarios, asasinatos e incendios provocados, algo que se lle fará evidente a quen lea as primeiras oitenta páxinas da novela, por máis que para os detalles da intriga cumpra pasar polas duascentas restantes, en todo caso preconfiguradas no esencial neses capítulos iniciais.

Na prosa de Fernández e, sobre todo, no perfilado dos seus personaxes principais hai un fondo caracterizador que, aínda remitindo aos lugares comúns do xénero, non deixa de agradar polo intento de galeguizar condutas e procederes que estamos afeitos a ver filtrados a través dunha ollada hollywoodense.

Soutelo é un devoto consumidor da nosa gastronomía, escapa para a Terra sempre que pode, merca literatura na lingua de noso, le os nosos xornais, escoita música galega e ve cinema da casa, mesmo se pasea no seu tempo de lecer polas salas do Museo do Pobo Galego.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES