Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Andrés de Touriñao

lunes, 10 de octubre de 2011
Andrs de Touriao Fóisenos, próximo a cumprir os 87 anos, o amigo Andrés Beade, Andrés de Touriñao. Un home de ben e loitador, un idealista que tamén soubo ser pragmático.
Pérdese a memoria a cotío e cómpre lembrar para as novas xeracións, para hoxe e para mañá.
Andrés foi o maior dos oito fillos de Consuelo Dopico (heroína anónima cando chegou a ocasión) e de Ramón Beade, labrego, dirixente agrarista, alcalde de Betanzos na República, deputado socialista en dúas ocasións (o único deputado na historia de España labrego de profesión), na etapa das Constituíntes e na da Frente Popular, e morto prematuramente a consecuencia de doenzas que non podía curar no seu acobillo de nove anos de fuxido.
Criouse Andrés naquel clima e esperanza republicana truncados polo golpe militar fascista. Truncou vidas, esperanzas e anceios de mellora para unhas clases sociais que ata daquela foran testemuñas pasivas da historia e, por un intre, comezaron a sentirse protagonistas. Truncou tamén a posibilidade para o neno Andrés duns estudos que non realizaría, dedicándose á agricultura e formándose de xeito autodidacta. Unha formación que os bos autodidactas non abandonan nunca, mentres que coñecemos a moitas persoas con títulos universitarios que non voltaron a ler un libro na súa vida.
Andrés foi emigrante por amor, dicía el. Emigrou a América por amor a outra América, a súa muller. Aínda que ao tempo, era un exiliado ideolóxico que non podía aturar a triste e represiva realidade social e política da postguerra para unha persoa que se criara nun ambiente de liberdade. En Bos Aires traballou, ademais de facer pola vida dos seus, tamén pola liberdade. Sempre no seo da colectividade betanceira e galega. No Centro Betanzos e na Federación de Sociedades Galegas, nos que desempeñou tarefas directivas. Mentres aquí tiñamos Ditadura, o Centro Betanzos era un facho de liberdade para os betanceiros demócratas.
A comezos dos anos oitenta Andrés voltou a Betanzos e apresentouse nas listas do PSOE ás eleccións de 1983, cando moitos coidaban que se incorporaría nas do PCG, onde a súa irmá Chelo fora concelleira nas primeiras eleccións democráticas. Foi concelleiro moitos anos nas filas do PSOE na época das maiorías absolutas. Ocupouse en diversas lexislaturas de Cultura, de Festas, de Emigración... Nesta última xestión o seu traballo era recoñecido e agradecido por moitos emigrantes e retornados.
Falaba unha linguaxe política ben diferente dos seus compañeiros: o marxismo como chave interpretativa da realidade, Estado republicano federal, dereito á Autodeterminación para as nacións do Estado... Mesmo non trababa a lingua, asegurando en voz alta que o seu socialismo nada tiña que ver cos seus compañeiros de sigla.
Quizá se tratase dun aproveitamento mutuo: para el, a posibilidade de seguir traballando por un colectivo emigrante ao que sempre estivera e quería seguir vencellado; para o Partido que o acollía, os posibles votos da emigración e dunha certa tradición que o apelido daquel representaba, especialmente en Tiobre.
Por iso non sorprendeu que nas eleccións de 2003 xa non aparecera baixo aquelas siglas, e que nas do 2007 mesmo pedira publicamente e nos medios de comunicación (xunto con Tomás López, fillo doutro histórico alcalde da Frente Popular fusilado no 36) o voto para o candidato do BNG.
O meu primeiro contacto con Andrés fora unha carta que lle escribin, e me respostou, ao Centro Betanzos hai máis de trinta anos. Ao retornar coincidimos na desaparecida Asociación Cultural Betanceira, onde participaba nas reunións como un máis cando xa era concelleiro de Cultura. Ao ocuparse das Festas patronais solicitábame colaboracións para o libro programa, onde el tamén escribía arredor de realidades e feitos da emigración aquí descoñecidos. Unha publicación que nos últimos tempos convertiuse nun órgano case unipersoal, acaparada por un señor. Con todo, a súa posición política oficial e a miña non casaban moito durante aquel tempo e durante anos non tivemos moitas ocasións de encontro.
Recurrín a el e axudoume moito (con fotos, documentos e sobre todo a súa magnífica memoria) cando o Centro Betanzos ía cumprir os cen anos de vida e me puxen a realizar unha historia urxente da entidade. Publicouse no Anuario Brigantino 2004 e logo o Centro incluíuna a retallos nun libro que editou polo centenario, sen nomear autoría. A raíz do chamado Ano da Memoria e do proxecto da fanada Lei da Memoria Histórica participamos xuntos en varios actos celebrados en Betanzos e comarca: charlas, roteiros, homenaxes e conferencias, a maioría deles organizados pola Asociación Cultural Eira Vella. Viase moi ilusionado con eses recoñecementos tardíos ás vítimas. Mesmo foi del a idea, e iniciou os contactos, de publicar en galego o libro do exiliado betanceiro Luis Cortiñas, editado na Arxentina e descoñecido entre nós ata a reedición que fixo e presentou Eira Vella este pasado 14 de abril.
Cando a saúde o obrigou a acollerse coa súa muller nunha residencia de anciáns non deixou de interesarse pola realidade social e política. Seguía a política local, estatal e internacional e sumido na enfermidade sentía os problemas da humanidade: “O mundo había que voltar a facelo de novo... e aínda así...”. Interesábase polo noso traballo cultural e as nosas publicacións, especialmente pola revista A Xanela, na que tiña colaborado algunha vez. Cando xa non puido ler, líalle América. “A ver cando volvemos a participar xuntos noutro acto”, díxome unha das últimas veces que o visitei na residencia de anciáns, autoenganándose. Sorrimos con tristeza. Os dous (os tres: América tamén presente) sabiamos que iso non ocorriría nunca máis.

“Onde remata a vida nace a inmortal lembranza”.

Na foto, o autor do artigo e Andrés Beade nun dos últimos actos públicos deste, en Paderne o 23 de febreiro de 2007, na conferencia “Memoria da República e da represión franquista na comarca de Betanzos”, impartida por ambos e organizada pola asociación Roxín Roxal.
Torres Regueiro, Xesús
Torres Regueiro, Xesús


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES