Lume aceso
Fernández, Suso - viernes, 07 de octubre de 2011
O último venres de setembro asistimos en Lourenzá á emotiva homenaxe ó intelectual galeguista don Francisco Fernández del Riego, unha das personalidades mais egrexias da cultura da nosa terra, que durante a longa vida, de 97 anos, foi exemplo de entrega a prol dos valores humanos e culturais, e tamén económicos, de Galicia.
Residindo él en Vigo, razóns persoais nos permitiron manter nos últimos tempos da súa dilatada e fructífera vida, unha relación mais próxima e visitalo de cando en vez na Fundación Penzol ou mesmo na súa vivenda da Praza de Compostela daquela cidade.
Das longas, amenas e as suas maxistrais conversas, un caudal de sabedoría, de prodixiosa memoria e de honestidade, sempre en actitude respectuosa e tolerante, no fondo e nas formas, que non é doado atopar naqueles con significación na sociedade e, moito menos, na política, él representaba todo un exemplo a seguir. Fomos tamén testemuña doutro valor: o fondo amor ás terras de Lourenzá. Con frecuencia durante os encontros expresaba de xeito explícito o seu sentimento hacia o terruño e asentía en diversos momentos: as miñas amadas terras de Lourenzá que tanto añoro. Serios atrancos coa saúde, súa e da inseparable dona Evelina, afastárono antes do desexado da Vilanova natal.
Estes e outros pensamentos, acudían ó noso maxín cando asistíamos á homenaxe na que se percibía a emoción dos asistentes, porque todos éramos conscientes de que a nosa presenza tiña por único obxeto a exaltación e honra dunha persoa que hai que catalogar, con absoluto dereito e xustiza, entre os poucos bós e xenerosos.
Os actos desenvolvidos no vello mosteiro e o seu entorno foron lucidos e participados, coa sinxeleza que procedía acorde á modestia que en vida adornou ó grande home que foi; os parlamentos precisos, co engadido transcendental da literatura e a música, tan amadas por don Paco, a cargo de tres vellos amigos deste cronista: Manolo Román e Xosé López González, autores do magnífico libro de fermoso i expresivo título, Lume Aceso, e Lino Rico co acordeón, que puxo no ar a dozura de belidas e nostálxicas melodías. Parabéns.

Fernández, Suso
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora