Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Mozos descreídos

jueves, 06 de octubre de 2011
Hai máis de tres cuartos de século que o entón representante do Estado español, o Presidente don Manuel Azaña proclamou que España deixara de ser católica. A frase entrou na historia, e os acontecementos que hoxe xa son pasado encargáronse de proclamar o errado do seu xuizo.
Se nos fiamos das imaxes transmitidas polos medios de todo o mundo en relación coa recente visita do Papa a España, calquera diría que non só España non deixou de ser católica senón que a participación de maiores e especialmente os mozos nas cerimonias relacionadas coa cabeza visible da Igrexa católica acreditarían un entusiasmo na fe difícil de describir e de dimensións incalculables.
E sen embargo as cifras sociolóxicas encárganse de proclamar o contrario, xa que se manexan cifras de ata un 62% de rapaces españoles que non van nunca á igrexa, e dun 60% que non ten o hábito de rezar. Segundo o Centro de Investigacións Sociolóxicas, na actualidade só algo máis do 71% dos españois se confesa crente, frente ó 82% de hai dez anos. Non hai máis que acudir ós templos ós cultos habituais para comprobar que a xente maior predomina entre os asistentes, sendo os rapaces unha minoría ben pequena.
E sen embargo na festa da mocidade organizada arredor do Papa foi ostensible a masiva asistencia de rapaces, do país ou do extranxeiro, que se evidenciaron arrebatados pola presencia de Benedicto XVI cal se se tratase dunha estrela da música máis nova ou o deportista máis esforzado. Houbo na festa xuvenil un elevado componente de mitificación do rexio visitante, e os resultados da visita darán sen dúbida para estudios sociolóxicos profundos e concienzudos.
Calquera xuizo sobre a situación dos rapaces en relación coa Igrexa sería superficial e apresurada se non vai baseada nun fondo estudio da realidade social que nos rodea, do consumismo que impera, da cada vez maior fraxilidade dos vínculos familiares, pero tamén da capacidade da Igrexa para adaptarse á realidade cambiante do veloz mundo que nos move.
Non sería posible aínda agora unha afirmación tan tallante como a que o Presidente Azaña fixo durante a segunda república. Non é que os mozos deixen de ser católicos, segundo as enquisas, nin existan entre nós centos de milleiros de entregados mozos de crenza absoluta. Non é posible poñer branco e negro enfrontados nunha situación que, coma todas, teñen unha amplísima escala de grises. Pero o que si é certo é que os mozos españois están cada vez máis lonxe da Igrexa, e que esta xuntanza multitudinaria foi un intento de achegamento que resultou espectacular.
Pero os mozos españois viven cada día unha realidade -na casa, no ensino, no traballo- que non favorece a espiritualidade, xa que o “primun vivere” imponse de xeito especial entre os rapaces. Alguén terá que seguir propiciando un achegamento entre dous mundos por agora tan alonxados. O que vimos foi un xesto maxestático. Fai falla moito máis.
Editorial
Editorial


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES