Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O fillo de Victoriano e Carmiña

viernes, 30 de septiembre de 2011
O fillo de Victoriano e Carmia En Vilalba, o taller de costura da casa de Chanot, na Porta de Cima tiña moito de rebotica, e alí acudían as mulleres das casas veciñas, a cotío acompañadas dos seus nenos. Así, eu andiven por entre botós e cremalleras, xogando con outros nenos naquel lugar máxico, mentras as nosas nais facían taboa redonda sobre a actualidade vilalbesa. Cando Maruja, irmá de Manolo Chanot e cuñada da Celia, casou para Mansilla de las Mulas co mestre da localidade, o ambiente baixou algo, pero a concentración femenina das tardes continuou.
Manolo e Maruja tiñan outra irmá – Carmiña – casada con Victoriano, que vivían en San Xoán de Alba, pero todas as feiras viñan pola casa, e así foi como coñecín a Victoriano, a Carmiña e os seus fillos.
Andando o tempo, un dos fillos veu para Lugo, e de cando en cando saudámonos pola rúa. Outro, Angel, algo máis novo ca min, anda por Toledo onde foi Delegado de Educación e Vicealcalde.
Chema ficou en Vilalba. Aínda hai pouco lle comentei que eu lémbroo, especialmente, como o fillo do Victoriano, que recordo como un señor moi alto, ben plantado. Supoño que un nome tan eufónico tamén me impresionou de xeito imperecedeiro.
Os anos que pasan tan veloces coma a vida, fixeron de Felpeto e máis de min (catro anos máis vello) carne de xubilación, aínda que no seu caso leve diante un “pre”, que aínda está para cumprir os sesenta anos, e moito lle queda que bourar por diante.
Onde máis nos vemos é nos actos do Instituto de Estudos Chairegos, ou calquera outro dos que na Chaira se celebran, e de xeito especial no xurado do Certame Literario Benxamín Paz, onde levamos xa década e media de convivencia.
Agora que Chema Felpeto se xubila, teño a posibilidade de aplicar a intanxible vara de medir do tempo que se foi, e ver a distancia inmensa que hai desde que Victoriano e Carmiña viñan cos seus fillos á casa da Celia de Chanot, no tempo en que todo comezaba, a vilalbesa Porta de Cima era un universo luminoso e a casa da Celia un paraíso perdido que sei nunca volverá. Pero esa vara de medir tamén me deixa constancia da dimensión humana que unha persoa cobra co paso dos anos, da relación que se vai establecendo entre persoas que se coñecen desde o primeiro momento da vida, da firmeza que nos dá camiñar no mesmo chan coa seguridade que nos proporciona a orixe humilde nunha familia garimosa, nun pobo coma o noso no que hasta as lastras da Porta de Cima tiñan dimensións humanas.
Apertas, Chema, fillo do Victoriano e da Carmiña, amigo!.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES