Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Lembrando a Xosé Díaz Jácome

jueves, 29 de septiembre de 2011
Días pasados no Círculo das Artes de Lugo (lugar referencial para a nosa historia literaria por moitos motivos), tiven a honra de recibir o XXIV Premio Ánxel Fole, dedicado á figura do escritor Xosé Díaz Jácome e coorganizado polo xornal El Progreso e a Fundación Novacaixagalicia. A crónica do acto tivo un glosador de excepción, o narrador e xornalista Santiago Jaureguizar, quen soubo moi ben esencializar a intensidade homenaxeadora co que se viviu a velada, tal como podedes comprobar aquí.

Como a figura de Díaz Jácome moito merece un novo lembradoiro, reproduzo aquí, levemente reescrito, un fragmento dun artigo que lle dediquei hai algo máis de un ano (29-8-2010) con motivo do centenario do seu nacemento e que apareceu publicado nos xornais do Grupo La Capital.

Neste ano que andamos a cruzar cúmprese o centenario do nacemento do poeta e xornalista mindoniense Xosé Díaz Jácome, quen tristemente nos abandonou hai agora unha ducia de anos.

Para a Historia da Literatura Galega deixou tres títulos poéticos de relevo: Primeiras cantigas do amor (1936), Pombal (1963) e Muíño fidel (1983). É a súa, por tanto, unha voz que atravesou todo o pasado século e que nos regalou acabadas mostras da máis alta lírica neotrobadoresca e, tamén si, moi logradas composicións de lírica do Nadal, textos de admirable clasicismo sentimental, elexías fondas, delicados poemas neovirxilianistas e aínda ledos versos neopopularistas e transidas estrofas saudosistas.

Mais Díaz Jácome foi tamén un xornalista vocacional, un deses exemplos paradigmáticos de quen aprendeu o oficio dende abaixo e chegou a ostentar cargos importantes que desempeñou con rotunda brillantez. Formado en El Pensamiento Navarro (no que comezou a traballar en 1939 e do que chegou a ser redactor xefe), fundou en terras pamplonesas coleccións de poesía como Albor e mesmo dirixiu revistas, tal Pregón. De alí pasou ao Faro de Vigo, onde traballou entre 1949 e 1963 como redactor xefe, desempeñando puntualmente tamén o cargo de director. De Vigo marchou a Oviedo, onde dirixiu La Voz de Asturias, xornal no que se xubilou en 1983.

Agora que andamos a celebrar a efeméride do seu nacemento, cumpriría regresar á lectura e estudo da súa obra, pois é persoeiro de noso que non gozou, ata o de agora, de todo o eco que sen dúbida merece, mais que nos últimos tempos vai espertando un interese crecente entre investigadores e analistas que teñen moi presentes os seus textos en antoloxías, monografías, traducións e historias da literatura, o que dá idea da importancia progresiva que o seu legado vai adquirindo e que, de seguro, nos vindeiros tempos continuará a dar que falar, porque, como sempre dicía o mindoniense –e era sabia sentenza que lle transmitira o seu paisano, o tamén poeta Antonio Noriega Varela– na literatura, como na vida, hai que velas vir, deixalas pasar e parar a tempo. Pois iso.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES