Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Eloxio da educación

miércoles, 28 de septiembre de 2011
Na casa onde nacín non había ningún libro. Meus avós, que axudaron na miña crianza, eran caseiros e pobres. Tiñan unha intelixencia notable pero grandes dificultades para a lectura. De neno escribín moitas cartas ao dictado para os tios que estaban na emigración. Ese sería o meu destino, ou o andamio, se non tivera a fortuna de coñecer a unha mestra, dona Carme, que tivo unha influencia decisiva na miña vida. Prestoume os libros da súa biblioteca e lin a Pearl S. Buck, Somerset Maugham, Mark Twain e Anatole France aos dez anos. Ela é a principal responsable do meu amor polos libros.

Tamén convenceu a meu pai, chegado o momento, para estudiar o bachillerato; daquela era máis complicado que hoxe: había que desplazarse a Santiago e supoñía unha carga económica dificil de afrontar. Ela fixo os trámites precisos para conseguir unha beca: dese xeito meu irmán e máis eu puidemos iniciar a nosa vida de estudiantes.

Falo de min porque é o exemplo que teño máis a man; moitas persoas poderían contar vivencias semellantes. Pero o que quero reflectir é que un bo mestre cambia a vida dunha persoa, pode modificar a traxectoria dun destino. Tiven a ocasión de expresarlle a miña gratitude e afecto a esta mestra exemplar (cuñada de Avelino Pousa Antelo) e sei do orgullo que sentía por aqueles alumnos que ela axudou a ir máis alá dos estudios primarios.

Houbo un tempo recente en que a formación gozaba de grande prestixio e os mestres eran respectados e admirados polo seu saber. Nos tempos da República fíxose un esforzo intenso para elevar o nivel cultural dos traballadores, naquela sociedade donde o analfabetismo afectaba a unha importante porcentaxe da poboación. O mestre interpretado por Fernán Gómez en “A lingua das bolboretas” é o paradigma dos ensinantes daquel tempo: persoas entregadas ao seu labor con entusiasmo e coa convicción de estar a construir a modernidade do país. A guerra civil truncou aquela proxección e na postguerra o colectivo dos mestres foi perseguido con ensañamento. O réxime considerou que os portadores da cultura eran os seus principais inimigos.

Manuel Rivas relata moi ben esta crispación. O neno protagonista, tan apreciado e protexido polo vello mestre, solta o veleno inxectado en vena polos seus maiores: “Buscaba con desespero o rostro do mestre para chamarlle traidor e criminal. Pero o convoi era xa unha nube de po ao lonxe e eu, no medio da alameda, cos puños pechados, só fun capaz de murmurar com rabia: ¡Sapo! ¡Tilonorrinco! ¡Iris!”.

Hai un par de meses asistín á presentación do libro “Vida y pedagogía de un maestro: Julián Pérez Palacios”, convidado pola súa filla Irene. Neste volume, escrito por un neto, queda reflectido o enorme labor realizado por este home nacido en Salamanca que chegou á parroquia de Rúa, en Cervo (Lugo), e atopouse con que os nenos falaban un idioma extraño e ficaban mudos diante do mestre. Atendía a máis de 50 alumnos de tódalas idades e aínda hoxe é recordado con grande afecto. Malia que non tiña unha militancia política destacada, na postguerra foi sometido a consello de guerra, destituído do seu cargo e estivo preso no Porto de Santa María. É un exemplo daqueles mestres admirables que tentaron mellorar a vida dos seus alumnos mediante a cultura.

Nestes últimos tempos estamos asistindo a unha campaña de desprestixio do ensino público e da figura do mestre que recorda a que se fixo naquela época. O obxectivo perseguido non é tanto o castigo ideolóxico, como foi daquela, senon a busca de espazos de negocio coa progresiva privatización deste servizo público que, ata o momento, ten prestixio social e unha boa calidade. Nos medios de prensa afíns estase a perfilar a figura do ensinante público como un funcionario incompetente e absentista. Nada máis lonxe da realidade: a grande maioría dos profesionais van máis aló do que esixe o estrito cumplimento do deber (o mesmo que na sanidade, onde se está a desenvolver unha campaña de descrédito semellante e co mesmo fin).

Mais esta Xunta de señoritos ten nostalxia dunha sociedade como a de tempos pretéritos. De seguir adiante coa sua tarefa poderá chegar o momento en que exista unha educación privada para as élites e un sistema educativo público, de baixa calidade, para a plebe. Dese xeito quedará anulada toda posibilidade de emerxencia social e estará claro cal é o lugar de cada quen. Estes dirixentes teñen un discurso oficial no que din defender o público e unhas actuacións reais que o degradan. Esta noxenta campaña de desprestixio, xunto coa reducción do profesorado e a precarización da situación nas aulas só poden levar polo camiño indicado. Ainda que tenten exculparse coas verbas a linguaxe corporal ben que os delata: tanto o presidente como o conselleiro Vázquez vense a sí mesmos como membros dunha caste, situados por enriba do vulgo. Non hai máis que ver a arrogancia e a displicencia con que tenden a man ao populacho que congregan nas súas festas. Despois teñen que lavarse con esmero para quitar de enriba o cheiro do esterco.
Vaamonde, Pablo
Vaamonde, Pablo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES