Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Exemplo dun termo rebuldeiro

martes, 27 de septiembre de 2011
Na temática da “evolución da materia”, acostuman os estudosos da dinámica da mesma explicala acudindo a termos tan inusuales na literatura dos distintos saberes que, cando hai que traducilos a outra lingua, entrañan, á veces, grandes dificultades.

Tal é o caso do termo alemán SELBSTÜBERBIETUNG, que eu chamo rebuldeiro, porque non para de xogar cos intelectuais máis avezados nestes mesteres, e que emprega K.Rahner para expresar algo vinculado ó significado do verbo galego DEVIR, aclarando que “na súa verdadeira esencia e forma non pode entenderse coma un mero facerse outro, onde a realidade pasaría a ser outra, pero non CHEGARÍA A SER MÁIS. O devir ten que entenderse como un chegar a ser máis, debe entenderse coma autotranscendencia, coma autosuperación”. (As maiúsculas son miñas e a fonte é a obra de K. Rahner titulada “Curso fundamental de la fe”, Ed. Herder, Barcelona, 1.979,.páx. 228. E aquí, como podemos ver, tradúcese aquel termo por “autotranscendencia” ou “autosuperación”. Pero D. Pedro Laín Entralgo non está de acordo con esta tradución: el optaría polo significado literal, que daría “autosobreofrecemento”, “ofrecemento de si mesmo por si mesmo” (Consultar nota na páxina 93, da súa obra “Qué es el hombre”. Ediciones Nobel, Oviedo, 1.999). Pero esta nota termina así: “Non parece ilícito ver certo parentesco entre o termo alemán de Rahner e o “dar de si” de Zubiri”. Ilícito, non; pero correcto é outro cantar.

Por suposto que non me considero con ningunha autoridade para discrepar dunha e doutra tradución do rebuldeiro termo, e ata poidera caer nunha certa inmodestia, que espero sepan desculparme, pero isto non me autoriza a escusarme de dar dúas das miñas razóns:
1ª.- O termo en cuestión procede, como é sabido, do verbo alemán ÜBERBIETEN, “sobrepuxar”. Así pois, penso que debería traducirse por “autosobrepuxamento”, horrendo se os hai, pero portador dun significado máis axeitado.
2ª.- Cando estamos a referirnos a elevación dunha “realidade antropoide” a unha “realidade humana” (que tal é o caso) non parece que debamos asignar a aquela atributos propios desta última, como son a “autosuperación” ou o “autosobreofrecemento”, xa que implican máis ben decisións persoais e voluntarias; sen embargo, “autosobrepuxamento” pode atribuirse a unha “realidade antropoide” sen especial reparo.
Con respecto ó “dar-de-si” zubiriano, na páx. 460 de “Espacio, tiempo y materia”, Alianza Editorial, Madrid, 1.996, escribe Zubiri: “A materia pode dar de si a súa propia elevación a estruturas superiores (…). Na transformación e na sistematización, a materia da de si mesma pero non por si mesma, senón porque se lle fai facer”. Explicar o contido deste texto levaríamos moi lonxe, pero paréceme dabondo claro que non hai un “autosobreofrecemento”, coma nos di Laín Entralgo, e apoiome nas dúas razóns seguintes:

A.- Porque “dar-de-si”, en Zubiri, é un momento constitutivo da realidade, isto é, se consideramos a realidade no seu aspecto dinámico é ela mesma puro “dar de si”: non hai un suxeito (en lat. “sub-jectum”) que dea de si.
B.- En consecuencia, non parece que haxa “autosobreofrecemento”, se non hai ninguén que se autosobreofreza; en todo caso, para relacionar isto coa expresión de Zubiri teríamos que partir de que a realidade (material aquí) é ela mesma autoofrecemento, que non expresa a pura dinamicidade, e, a fortiori, se nos referimos a hominización, na que hai un dar-de-si da materia biolóxica, tampouco se trata de que esta mesma desencadee ese proceso, según se deduce da afirmación zubiriana.
Isto, en definitiva, non fai máis que confirmar o difícil que son as traducións, que non poucas veces traizoan o orixinal, coma moi agudamente expón un colaborador deste medio.

Xustamente, eu teño a costume de insertar tamén o texto orixinal, porque entre os lectores, sen dúbida, sempre haberá quen mellore ou corrixa o traducido.

Certamente, o home é un ANIMAL LOQUANS, pero para iso necesita utilizar palabras artelladas nas estruturas lingüísticas, que, por si soas, non garanten as axeitadas transmisións ós receptores da complexidade da mensaxe. As razóns que, ademais doutras, poden explicar isto están nas funcións da fala. Kart Bühler é un lingüista e psicólogo alemán, que se dedicou o estudo do pensamento e da linguaxe, escribindo unha “Teoría da expresión” e unha “Teoría da linguaxe”, na que suxire tres funcións desta: VOCATIVA, mediante a cal, dalgunha maneira, chamamos a outro; COMUNICATIVA, xa que cando falamos decimos (algo), e NOMINATIVA, porque o que fala nomea; é decir, “falando, o home chama, dice e nomea” . Pero Laín Entralgo a estas tres función engade outras: SUASIVA, de persuasión; SODALICIA (lat.”sodalis”, o compañeiro), porque cando nos comunicamos con outro experimentamos un sentimento de agrado ou desagrado pola súa compañía; CATÁRTICA, liberadora, xa que, falando, liberámonos daquilo que desexábamos dicir. Podemos aínda traer aquí as funcións, ILUMINADORA, mediante a cal logramos cás nosas palabras “digan” o que verdadeiramente queríamos dicir, e a TONIFICANTE, se sinceramente pensamos que persuadimos o interlocutor.

Con todo isto por diante, é incuestionable a afirmación de que a literalidade dunha tradución non garante, no seu contexto temático, a transmisión dos contidos connotativos das indicadas funcións. Polo tanto, as “adherencias” semánticas difícilmente vehiculadas quedan sempre na penumbra que acompaña o texto traducido. E, ás veces, é tal a pobreza da mensaxe recibida que apenas ten que ver co transmitido da lingua da que se traduce, causando a correspondente borrosidade conceptual

Supoño que isto axuda a que os estudosos se sintan estimulados para chegar a entender a temática da súa especialidade na lingua inicialmente exposta e que interese para a súa mellor comprensión. Familiarizarse con ela, comporta, evidentemente, adquirir novas estruturas mentais (non esquezamos aquilo do “verbum mentis”), sempre enriquecedoras. E, a este propósito, permítanme unha anécdota que lin non sei onde, que seguramente moitos de vostedes xa coñecen. É esta: Nun diálogo entre un profesor de Grego na Universidade de Oxford cos seus alumnos, preguntan estos a aquel:
--Para que nos serve o Grego?.
--Para cobrar eu a nómina..
--Iso será a vostede, pero …a nosoutros?.
--É o poldro da ximnasia mental, que lles permitirá saltar áxiles nas pistas do pensamento clásico e ter un maior dominio nas actuais.
Xustamento por todo isto parece moi acertada a política encamiñada a promover a aprendizaxe doutras linguas, hoxe moito máis ó alcance das novas xeracións que nas difíciles circunstancias da nosa época.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES