Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Adoración nocturna feminina

jueves, 22 de septiembre de 2011
Con nocturnidade
É de noite. Mentras tecleo no meu ordenador, miro pola fiestra cara ó exterior, onde a tranquilidade tense apoderado da miña rúa na que, só de cando en vez, pasa algún coche.
Os tres bares das inmediacións están pechados. Nin un alma pola rúa. Son preto das dúas da mañá dunha tarde de venres de final do verán. Sonan lonxanos os ecos dunha festa popular, o que sen dúbida contribúe para que no meu contorno lucense se produza un xeito de vacío humano que só moi de tarde en tarde se ve afectado polo paso apresurado de alguén que volve á casa moi tarde.
É de noite. O camiñar apresurado pode deberse a que pola noite os silencios son ensordecedores, e uns pasos poden soar como un toque a rebato. Por algo todo aquello que se perpetra pola noite -con nocturnidade- levan consigo un agravante por supoñer maior indefensión por parte de quen non ten a quen acudir na percura de axuda.
E sen embargo, eso da nocturnidade lonxe de ser un agravante resulta favorable ou favorecedor en determinados casos. Para min, irredento noctámbulo caseiro, é de noite canto mellor traballo pola tranquilidade que reina, polo silencio dos teléfonos, polo maior sosego do espírito. O mesmo ocorre cuns seres especiais que entregan algunhas das súas noites á contemplación, á oración e á adoración. Son os (e as ) da adoración nocturna, que en Lugo ten unha especial razón de ser xa que a Catedral Lucense é o único templo de España onde está permanente exposto o Santísimo Sacramento.
De por que en Lugo existe ese privilexio sabe máis a lenda que a historia, e cóidase moi fundadamente que é froito da devoción que os lucenses profesamos sempre ó Santísimo, tendo mesmo incorporado o seu símbolo ó escudo da capital, influíndo á súa incorporación ó escudo de Galicia.
E tivo que ser un lucense de Viveiro o que creara en España un movemento chamado Adoración Nocturna, que pervive intensamente nos nosos convecinos nuns tempos tan pouco propicios á espiritualidade e á contemplación.
Como durante todo o día a Catedral é frecuentada por numerosos fieis, os adoradores gardan para a noite a súa actividade contemplativa, e con total nocturnidade pasan as horas vivas agardando que a luz do sol chame ó interior do primeiro templo lucense ós que estean dispostos a suscribir o “Hoc hic Misterium...” (“Velaquí o misterio de fe que firmemente profesamos”.
Eu admiro a estas xentes que, sen renunciar ós seus deberes laborais ou familiares, teñen tempo para algo máis, con tan pouco coñecemento e valoración social, tan ocupados como estamos en buscar rendibilidade en todo canto nos esforzamos.
“Con nocturnidade” pode ser, é - xa non un atenuante, senón - un pleno pronunciamento favorable para os que dedican algunhas das súas noites a velar por unha das maiores riquezas do noso patrimonio cultural e vivencial, á vez que o elemento máis sobranceiro e ostensible da nosa fe.
Coa miña simpatía para todos os que pertencen á Adoración Nocturna de Lugo. Neste caso, coa miña simpatía especial para todas as adoradoras nocturnas de Lugo que estes días están celebrando o seu medio século de existencia. ¡Felicidades a todas!.











Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES