Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A fera aparellada

miércoles, 13 de octubre de 2004
Seguramente que, moi poucas persoas, das que estes días acodiron por milleiros a Lugo para participar nas festas do San Froilán, reparasen na figura do lobo aparellado que aparece ó carón do santo e que, segundo a lenda, foi obrigado por este a carrexar as súas bagaxes, despois de que a fera lle comese o seu xumento, mentres o santo descansaba deitado nun prado aló polos Ancares cando regresaba de León.

San Froilán foi ademais un deses santos que resultou profeta na súa terra. O seu nome é de profunda raigame xermánica. (É unha perda que non haxa máis padriños que non o escollan para os seus afillados, en vez de poñerlles “Borja, Iván, Alán... e demais nomes tirados das revistas do corazón). Toda unha onomástica que xa está deixando a súa mostra de pobreza intelectual e mimetismo cultural dos tempos que estamos a vivir.

Nin que dicir ten que o nome do santo padroeiro de Lugo nos fai tamén evocar a Galicia Sueva dos séculos V ou VI, un periodo histórico non moi ben documentadado nin coñecido, pero que tivo unha importancia enorme na nosa evolución e conformación como pobo, sobre todo, se temos en conta que foi daquela, cando se produciu o abandono, ou polo menos,o paso á clandestinidade das prácticas relixiosas e de todas as manifestacións culturais que, tanto os druídas como os chamáns celtas exerceran ata entón, para dar paso ó culto único e exclusivo do cristinanismo.

Ese Lugo, tan romanizado, tan rural e tan galego non puido escoller mellor padroeiro, porque a súa figura está entroncada dentro das correntes máis prístinas do mundo cultural celta. O noso santo era un auténtico naturista e ecoloxista (moi lonxe deses falsos ecoloxistas modernos que queren encher os montes de lobos cando non teñen xa nada que comer neles) San Froilán era un daqueles homes que coñecía a linguaxe dos animais, como a coñecería uns séculos máis tarde o mesmo San Francisco, -só así se explica a metáfora das súas relacións coas feras do monte, coas que chegaron a establecer pactos de coexistencia e fraternidade.

Na actualidade, ninguna persoa, por pouca formación que teña, pode dubidar da importancia e do significación histórica de Lugo. Por outra parte hai que ter en conta que, a orixe desta cidade non se debe a ningún acontecimento milagreiro nin a ningún privilexio real, senón que é o fruto dunha atinada e lóxica decisión daqueles enxeñeiros militares románs na súa loita en contra dunha máis que aparente anarquía celta.

O Lugo histórico que chegou ata nós é unha cidade que reverte latinidade por todos os recantos. Desde logo que non se trata dun lugar aconsellable para eses turistas incultos e despistados, como os que, hai pouco tempo acudían ás grandes mecas do turismo á busca de espectáculos triviais.

Por iso pensamos que Lugo está en moi boas condicións para promocionar un turismo cultural que é a mellor alternativa ó turismo de sol e praia.

A ver se entre a familia real e os nosos políticos e intelectuais o conseguimos.

Un pobo ou unha cidade sen mitos, sen lendas e sen historia non é nada. Por fortuna, en Lugo, de todo iso temos moito: o problema é de cómo dalo a coñecer ou como poñelo no mercado.

Como queira que sexa, pouco a pouco vai chegando a Lugo un turismo moito máis curioso e moito máis culto, que desdice o tópico de que esta é unha cidade rural e atrasada, en contraste cunha idea de modernidade e progresismo que, o chovinismo e caciquismo doutros rexidores galegos que, por certo, son moi populares,conseguiron espallar. Eis o seu acerto.

Con Lugo son moitos os que están en débeda, empezando polos poderes públicos que ceibaron miles de millóns para faceren noutros sitios obras que a Lugo se lle negan.

Entre os moitos e moi interesantes actos que se celebran con motivo destas festas, o pasado pasado día dez celebrouse o tradicional Domingo das Mozas, que por certo estivo pasado por auga.

Obviamente que, para moitas persoas todos eses nomes tan sonoros e tan significativos cos que os nosos devanceiros adoitaban nomear algúns días moi sinalados ou significativos no calendario das súas vidas,como pode ser o devandito Domingo das Mozas, Xoves de Comadres, Mércores de Compadres, Domingo de Corredor alén de outros moitos, non significan outra cousa mais que unha curiosidade histórica.

Para os que nos compracemos co coñecemento e mais coa lembranza da Historia, a simple mención do Domingo das Mozas evócanos unhas imaxes e unhas emocións que van asociadas a unha forma de vida, practicamente desaparecidas.

Evidentemente que, todo progreso significa cambio, e aínda que a natureza humana siga sendo esencialmente a mesma, moitas das súas manifestacións son tan distintas que xa nos fai sospeitar de se a esencia humana mudou tamén, e sobre todo, cando nos poñemos a comparar as relacións amorosas entre os mozos e as mozas na actualidade coas que se podían observar aínda non hai moitos anos.

O desaparecido escritor e xonalista D. Xosé Trapero Pardo foi, non soamente un dos eruditos que mellor coñeceron a historia de Lugo e a súa socioloxía epsicoloxía popular senón que foi un dos estudioso que máis se adentrou no miolo e significación da linguaxe popular, por iso, e para todos aqueles que estean interesados en coñecer a linguaxe e mais os usos e costumes amorosas das xeracións que nos precederon teñen neste autor unha fonte inesgotable de información.

É unha perda que na maioría das novelas e das películas modernas producidas en Galicia, se empregue unha linguaxe “light” que pode ser moi normativizada e directa, pero que está moi afastada da linguaxe tradicional, de ritmo lento e repousada, humorística e retranqueira que aínda se pode atopar en algúns dos diálogos que se empregaban nas conquistas amorosas.

De calquera xeito, sería inxénuo pensar que o amor viviu unha idade dourada na Galicia tradicional en comparanza cuns amores moito máis rápidos e efímeros que teñen lugar nos nosos días. Do mesmo xeito que non podemos pensar que as nosas antigas pastoras e labregas non oían mais ca doces requebros e verbas garimosas por parte dos seus pretendentes.
É obvio que obscenos, groseiros e mal falados hóuboos sempre.

O que acontece é que eses falacios soeces e porcallosos só se empregaban en determinados lugares ou ambientes, mentres que agora, e debido o mal exemplo que dan os medios de comunicación de masas, son moitos os mozos e mozas que non teñen ningún reparo en expresarse como lles peta onde queira que se atopen.

Nos nosos días, a inmensa maioría dos mozos non se andan con rodeos e van directamente polo atallo, chegando a tales extremos de brutalidade lingüística que deixarían pasmado ó home máis mal falado de hai corenta anos.

Na actualidade, e como xa todos estamos curados de espantos, non resulta nada estraño que, nun pub se escoite un diálogo entre un mozo e unha moza coma este:
-Oe tía, ti, ¿cómo te chamas?. –Jessica. –Pois vasme un mogollón. -¿Non sabías que tes un polvazo inmenso?, e... xa nos podemos supoñer como pode continuar o diálogo.

¡E así anda o mundo, pero, en ningún caso serei eu quen suscriba o dito aquel de que: “Calquera tempo pasado sempre foi mellor”. Non é certo. Evidentemente que, do pasado temos que aprender moito pero tamén temos moitas razóns para podermos confiar nun futuro mellor.
Laxe Freire, Manuel Anxo
Laxe Freire, Manuel Anxo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES