Chema: o mestre que non se xubila
jueves, 22 de septiembre de 2011
Nas aulas vilalbesas do Basanta Silva volveron a abrirse ás inquedanzas da comunidade escolar. Pero, non descubrimos nos corredores a Chema Felpeto. Non nos satisfizo o lugar común de que o raseiro dos anos, poida arrinconarnos no desván da sociedade.
Un mestre de corpo enteiro, a tempo completo
, coma él, non se xubila, lévao no sangue. Transmíte o saber nas clases, na rúa e nas corredoiras, a compás dos latexos do pobo, fiel as súas esencias: o idioma, a cultura, o tecido sociopolítico.
Ficaba o ensino nos ditos populares, na linguaxe que mamou no berce, na cultura oral, na sabedoría do pobo. Non é un profesional que se vestise ó entrar no centro coa bata clasificadora do oficio, entraba do xeito máis natural nesa parcela da súa vida, sen abandonar no vestíbulo os aparellos cos que cada día ía cultivando o común, que é o seu labor cotián coma animador cultural, Porque educar é buscar e definir unha dirección en diálogo entre todas as partes, e Felpeto foi convertendose nun guieiro para o educando na construción cívica na que temos que implicarnos todas e todos, dende a mesma cerna da Terra Chá, grazas ó xeito que ten él de entender o crecemento das persoas, no corazón do pobo, sen creba entre a escola e a vida.
A súa empatía cos/as máis novos abrolla deste leito natural no que el se abriu á vida, por iso eles senten ó mestre coma un achegado, que pisa o mesmo terrón. Mantense na primeira liña, antes que adornarse desas medallas e atavíos, que se colgan moitos do seu gremio, en circunstancias semellantes. Non cambia de categoría, segue afondando na escola da vida. Non deixamos de aprender ata o derradeiro día.
Chema practica cada día o seu deporte preferido, porque sabe que os músculos, intelixencia, imaxinación, necesitan esta frescura, e endexamais perden a súa enerxía. O seu compromiso coa cultura da Chaira, e de Galiza, reforzou esta vontade de espallar a educación a todas as idades, porque cultura e educación son as dúas facianas do mesmo corpo, o que configura a comarca, coma un ente diferente. Incardinou o seu labor na paisaxe chairega, exprimindo o zume que irriga o seu amplo herdo, coma o caudal do Madalena, que alumea cada amencer, coma unha aurora alta e clara, as Terras de Alba.
Blanco Torrado, Alfonso
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora