Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O Estado dual nos totalitarismos e nas democracias

martes, 20 de septiembre de 2011
Temos que empezar por aclarar que é un “Estado dual”. Pouco interesa a semántica do réxime político dun estado para este mester: nin os totalitarismos e ditaduras poden estar libres daquilo que os define, nin as democracias deixan de intensificar a simulación da súa esencia cando queren ocultar o que é unha perversión das mesmas.

Parece que foi ERNST FRAENKEL quen, no seu libro, “The Dual State”, que aparece no 1.941, en Norteamérica e Inglaterra, propagou iso do “estado dual”, distinguindo entre o que el chama “Estado normativo” e “Estado prerrogativo”. Di que o primeiro réxese por normas e institucións “normais”, mentres que o segundo está estruturado políticamente por un partido, coma o nazismo ou o bolxevismo, e no que, de feito, reside o poder e marca os intereses a defender. Sen embargo, nun e noutro caso, hai unha certa mestura, aínda que as funcións sexan ben distintas, posto que o predominio (do “normativo” ou “prerrogativo”) obriga a marcar distancias. Xustamente por iso, cando ambos e dous están presentes no mesmo Estado teñen unha relación moi asimétrica, coma na Alemaña nazi, onde están vinculados a un principio técnico: “Un REICHSLEITER (un alto funcionario do Partido) non debe estar subordinado a un REICHSMINISTER (un alto funcionario do Estado).”

Aquí, no xogo destes dous estados, xurde o problema da lexitimidade xurídica nas ideoloxías totalitarias, porque no mesmo seo dos movementos que xeran existen esperpénticos paradoxos. Poño coma exemplos os das legalidades da Rusia comunista e da Alemaña Nazi. A cacarexada Constitución Rusa do 1.936 nunca foi respectada polos mesmos que a propuxeron , e á Constitución de Weimar os nazis nin tan sequera se molestaron en derrogala. Que sentido ten, pois, manter unha legalidade á que ninguén a vai a respectar?. Abondan as contestacións, pero eu penso, modestamente, que a máis acertada é a seguinte:

Os dous sistemas totalitarios mencionados non aceptan coma fonte do Dereito más que as leis do Materialismo Histórico ou, no seu caso, as da Natureza, en orde á defensa dunha raza. Nin uns nin outros estableceron o que se coñece como CONSENSUS IURIS, unha forma de legalidade propia de cada Estado ou da Comunidade Internacional, porque ambos sistemas perseguen (perseguían) a creación dunha Nova Humanidade, para o que é indispensable eliminar canto se opoña a iso.

Velaquí o que xustifica o TERROR, único medio de acadar eses obxectivos, enervando ós homes/mulleres que, encadeados os seus prexuizos, impiden ou non facilitan o desenrolo das forzas da Natureza (nazismo) ou da Historia (bolxevismo), facéndoas inoperativas por razoamentos ou pola mesma praxis.

En consecuencia, á legalidade positivamente establecida non se toma en conta, senón cando pode servir a aquel propósito ou existen razóns estratéxicas que aconsellen, zamurgamente, o seu uso ocasional; mais de aquí deriva algo moi significativo e importante: Os implicados nas purgas e asasinatos nestes sistemas totalitarios deveñen INOCENTES, porque non cometeron ningún delito tipificado na legalidade de cada un deles, ao menos fundamentada (na Historia ou na Natureza). Polo contrario, os que asasinan a un disidente (que é un antisistema) están ó servizo desta legalidade: Neste contexto, pois, nada hai máis legal que o “terror”, mediante o que as forzas da Historia, traducidas a leis, e as da Natureza, incluso por razóns científicas, encontran non só vías libres, senón tamén “estímulos” adecuados.

Pasemos agora ás DEMOCRACIAS, por suposto representativas, que, cando funcionan coma tales, non deberían acoller no seu seo vestixios dun “Estado dual”, aínda que moito me temo que non ocorre así, cando menos en España, porque o seu sistema democrático ten importantes déficits, coma se evidencia nese empeño tan teimudo dos partidos por acochar ás institucións e poderes do Estado as contravencións dos seus afiliados e as corrupcións no exercicio das súas funcións públicas dos que ostentan algún poder, furtando ós cidadáns a verdade dos acontecementos, e falsificando desta maneira o depósito histórico que estas xeneracións teñen a obriga de entregar as vindeiras, ou creando un estado de privilexios, no que só son operativas as leis, implacablemente, co cidadán “de a pé”, coma ocorre coas fiscais, e, incluso, convertendo os trucos legais dos afiliados (e “filos”:filo-socialista, filo-nacionalista, etc.) en comportamentos xurídicamente normais.

Parece como se esquecésemos.que nas democracias os partidos non son fins en si mesmos, nin tan sequera a ideoloxía que din encarnar, senón instrumentos que permiten estudar e elaborar “programas de goberno” realizables dende o poder. Por tanto, os privilexios a favor dos seus protexidos, que adoitan estar en razón directa da súa categoría, constitúen unha perigrosa e inmoral repetición de prácticas propias dos totalitarismos, dun e doutro signo.

As persoas que se aproveitan e promoven estas situación constitúense, consciente ou inconscientemente, nos “himmlers” dos seus propios países, e a esta indignidade non lle corresponde acochala, con indiferencia e indolencia, a un sistema democrático.

Desgraciadamente, existen outras organizacións que tratan de xustificar os seus atropelos dende o orde xerárquico que as estrutura; pero no fondo está latente tamén un “Estado dual” moi pouco propicio para facilitar que os cidadáns poidan adquirir os elementos de xuizo que lles permitan establecer as súas propias opinións.

Conclusión: O Estado totalitario, esencialmente “prerrogativo”, conta con formatos do “normativo” para manter as indispensables relacións internacionais, e ata adoita ter algún xesto de respecto normativo para desacreditar a crítica e obter algunha contraprestación; o Estado democrático, “normativo” por natureza, conta con partidos no poder que, facendo uso dunha prostitución hermenéutica do normativo, introduce raposeiramente o “prerrogativo”.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES